![]() |
|||||||
|
| |||||||
|
|
Galego / Castellano |
PresentaciónOs servicios sociais foron obxecto dun cambio substancial a partir da Constitución de 1978 e as principais leis que a acometen, emanando do poder do Estado, a través da súa normativa, unha concepción nova das políticas de protección social que se concretan para a súa execución en diversos plans e programas de benestar social. Pasan os servicios sociais de conceptuarse e aplicarse como prestacións meramente benéfico-asistenciais, de carácter graciable e discrecional, a constituírse como prestacións de dereito, ás que poden acceder, con carácter universal, tódolos cidadáns en réxime de igualdade.As Comunidades Autónomas, en base á asunción de competencias que lles outorga a Constitución e os seus propios Estatutos, plasman nas leis de servicios sociais a definición deles, a súa tipoloxía, niveis e áreas de actuación, equipamentos necesarios, órganos competentes, entidades prestadoras, etc.
Actualmente, os servicios sociais conceptúan e aplícanse como un sistema público integrado, o que significa que son responsabilidade da administración, nos seus distintos niveis: estatal, autonómico e local, e inclúen, de forma integradora e como complemento dos recursos sociais de titularidade pública, as prestacións e equipamentos dependentes da iniciativa privada, con e sen ánimo de lucro, sen esquecer a achega prestada polas entidades e asociacións de voluntariado social.
A orientación dos servicios sociais, como sistema público integrado, (art. 4º da Lei 4/1993 de Galicia ) diríxese á "prestación programada de atencións e servicios que posibiliten a mellora da calidade de vida e a participación das persoas ou grupos, especialmente dos que sofren algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva, así como á prevención e eliminación das causas que están na orixe daquelas situacións".
O protagonista principal da aplicación das prestacións deste novo sistema é o concello, poñendo a disposición de tódolos cidadáns do concello, os servicios sociais de atención primaria que determina a lexislación, correspondendo á Comunidade Autónoma a planificación, autorización, seguimento e control do conxunto do sistema.
O papel asignado ás deputacións, de conformidade coa Lei 7/1985 de bases de réxime local, e a de servicios sociais de Galicia, é a de garantir a prestación integral e adecuada na totalidade da provincia, dos servicios sociais de competencia municipal, mediante apoio xurídico, técnico e económico, podendo tamén apoiar o desenvolvemento dos servicios supramunicipais dependentes da iniciativa privada sen ánimo de lucro, de acordo coa lexislación autonómica nesta materia.
Nesta páxina web infórmase do quefacer da Deputación Provincial da Coruña, en materia de servicios sociais: apoios ós concellos e entidades de iniciativa social, tamén se informa dos equipamentos propios destinados á atención de menores e xuventude, e das axudas de aboamento de estadías a persoas maiores e minusválidos (programas a extinguir) en diversos centros, servicios e prestacións que conserva das competencias que lle sinalaba a lexislación preautonómica e anterior á Constitución, en materia de administración local, e de beneficencia e asistencia social, conceptos que hoxe están superados.