| COMPOSICIÓN
E DATOS DE INTERESE -
Membros: Os xefes de Estado ou de Goberno dos Estados
membros e o presidente da Comisión
Europea, asistidos polos ministros de Asuntos Exteriores e un membro da Comisión
Europea. -
Reunión: Polo
menos dúas veces ao ano, dúas coincidindo coas presidencias semestrais
rotatorias dos Estados membros nos Estados que desempeñen a Presidencia
e, outras dúas veces, normalmente en Bruxelas. Tamén hai convocatorias extraordinarias
en caso de asuntos de especial interese europeo na axenda política. -
Presidencia:
A Presidencia das reunións corresponde ó xefe de Estado ou de Goberno
que exerza a Presidencia do Consello, e como esta rota cada seis meses, de igual
forma rotarán aquelas. INTRODUCCIÓN
En conxunto, ningunha outra
"institución" tivo unha influencia tan acusada no proceso de integración
de Europa occidental nos anos setenta, oitenta e principios dos noventa como o
Consello Europeo, composto polos xefes de Goberno ou de Estado. Especial importancia
revisten as decisións do Consello Europeo sobre a Acta Única Europea
e o Tratado da Unión Europea, así como sobre algunhas outras cuestións
"constitucionais", especialmente, nas sucesivas roldas de ampliación, incluíndo
a integración na Unión Europea dos novos Estados federados alemáns.
En sentido xurídico,
o Consello Europeo non é unha institución da Unión Europea,
tomando como base un acordo ó que chegaron os Gobernos no cumio de París
de 1974, o Consello Europeo menciónase na Acta Única Europea e posteriormente
no Tratado de Maastrich, posicionándoo "enriba" da Unión Europea
e, polo tanto, fóra dos seus equilibrios institucionais.
ANTECEDENTES
E SITUACIÓN ACTUAL Ten
a súa orixe nas reunións " no cumio" que se celebraron desde
1961 a 1974, polos xefes de Estado e de Goberno, sen que constituíra un
órgano comunitario, de maneira que os seus acordos non tiñan este
carácter, senón máis ben o de compromisos políticos
que daban impulso ás actividades ou desbloqueaban certas negociacións.
É no cumio de París (9-10 de decembro de 1974) onde se decide institucionalizar
as súas reunións (tres veces por ano ou cando resulte de interese)
xa co carácter de Consello da Comunidade, ou xa a título de cooperación
política. Reuniuse por primeira vez en 1975 (10/11.03.1999). Sucedeu á
práctica das conferencias europeas no cumio que caracterizaba o período
de 1961 a 1974. No artigo 2 da Acta
Única Europea menciónase por primeira vez nun texto xuridicamente
vinculante. O Tratado
da Unión Europea refírese ó Consello Europeo no seu artigo
D, dentro das Disposicións comúns, establecendo que: "O Consello
Europeo dará á Unión os impulsos necesarios para o seu desenvolvemento
e definirá as súas orientacións xerais.
O Consello Europeo estará composto polos xefes de Estado ou de Goberno
dos Estados membros, así como polo presidente da Comisión. Estes
estarán asistidos polos ministros de Asuntos Exteriores dos Estados membros
e por un membro da Comisión. O Consello Europeo reunirase polo menos catro
veces ó ano, baixo a Presidencia do xefe de Estado ou de Goberno do Estado
membro que exerza a Presidencia do Consello.
O Consello Europeo presentará ó Parlamento Europeo un informe despois
de cada unha das súas reunións, así como un informe escrito
anual relativo ós progresos realizados pola Unión".
FUNCIÓNS
Ademais das xa relacionadas no artigo
D do TUE, debemos sinalar igualmente que a variedade de actividades e funcións
reais é considerablemente máis ampla e diferenciada.
- En primeiro lugar, hai que citar o papel de "arquitecto constitucional".
Inicialmente -nos anos setenta- o Consello Europeo asumiu, aínda que moi
timidamente, esta función, que a miúdo se lle atribúe, de
dar á construcción europea un "impulso político xeral" e
de deliberar en cuestións relacionadas coa Unión Europea. Houbo
que esperar ós anos oitenta para ver como o Consello Europeo tomaba a iniciativa
en asuntos esenciais en repetidas ocasións, como, por exemplo, a convocatoria
das conferencias intergobernamentais sobre a Acta Única Europea, a unión
económica e monetaria e a unión política, ás que o
propio Consello Europeo puxo fin en 1991 cando adoptou o Tratado da Unión
Europea en Maastrich. Con estas decisións os xefes de Estado ou de Goberno
ampliaron esencialmente o campo das súas actividades comúns.
Desde o cumio de 1969 na Haia -que conduciu á creación da Cooperación
Política Europea- ata a adopción de elementos fundamentais da Acta
Única Europea e do Tratado da Unión Europea -nos que de forma explícita
se integraban novos ámbitos políticos nos Tratados comunitarios
ou novos "piares" da Unión-, os xefes de Estado ou de Goberno sempre definiron
os problemas de Europa Occidental como tarefas comúns da UE e outras modalidades
de cooperación entre eles, ó tempo que fixaban a forma en que había
que tratar os ditos problemas. - Unha segunda función
do Consello Europeo reside na adopción de liñas directrices xerais
en cuestións económicas e de política social, así
como realizar declaracións que revisten unha importancia especial para
a política exterior ("traza das grandes liñas"). O perfil do Consello
Europeo aumentou considerablemente nos últimos anos nas cuestións
de política exterior.
- Hai outra función,
que ten importancia central para o desenvolvemento da Unión Europea, trátase
de que, polo menos de facto, o propio Consello Europeo toma decisións esenciais
para a Unión Europea ("toma as decisións"). Desta maneira, o Consello
Europeo converteuse nunha instancia central na toma de decisións da Unión
Europea, sobre todo en cuestións polémicas financeiras e institucionais,
aínda que, en ningún caso, decretou resolucións xuridicamente
vinculantes para a Unión Europea. As indicacións políticas
dos xefes de Estado ou de Goberno toman despois a forma de actos xurídicos
da Unión Europea seguindo os procedementos normais do Tratado.
CONTROL XURISDICCIONAL
E POLÍTICO As actividades do Consello Europeo non están
sometidas ó control do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas
(artigo L do TUE) nin ó control político do Parlamento Europeo. CONSELLO
EUROPEO E TRATADO DE AMSTERDAM
O Tratado
de Amsterdam polo que se revisan os Tratados nos que se fundamenta a Unión
Europea é o producto dos traballos emprendidos pola Conferencia Intergobernamental
(CIG) desde marzo de 1996 ata xuño de 1997.
A convocatoria da Conferencia Intergobernamental prevírase explicitamente
no Tratado da Unión Europea (antigo artigo N) co obxecto de revisar algunhas
das súas disposicións. No primeiro semestre de 1995, cada institución
elaborou un informe sobre o funcionamento do Tratado da Unión Europea.
A continuación, o segundo semestre dedicouse a un concienciudo estudio
de posibilidades, a cargo dun "grupo de reflexión" presidido por Carlos
Westendorp. O informe deste grupo presentouse ó Consello Europeo de Madrid
en decembro de 1995.
Logo da consulta á Comisión e o Parlamento Europeo, cuns dictames
que son o preámbulo esencial na celebración dunha Conferencia intergobernamental,
o Consello Europeo de Turín puido abrir oficialmente as negociacións
o 29 de marzo de 1996, con ambiciosos obxectivos centrados na Europa dos cidadáns,
a función da Unión Europea na escena internacional, a mellora do
funcionamento das institucións e a perspectiva da ampliación.
Sucesivamente, os Consellos
Europeos de Florencia (21 e 22 de xuño de 1996), Dublín I (5 de
outubro de 1996) e Dublín II (13 e 14 de decembro de 1996), así
como o Consello informal de Noordwijk (23 de maio de 1997), analizaron e negociaron
as diferentes propostas. Así, logo de quince meses de traballo, acadouse
un acordo sobre o Tratado de Amsterdam, que entrou en vigor o 1 de maio de 1999.
|