A Unión Europea
é actualmente o resultado dos esforzos realizados desde 1950 polos promotores
da Europa comunitaria. Constitúe a organización máis avanzada
de integración multisectorial con vocación de actuar nos sectores
económico, social e político, como no dos dereitos dos cidadáns
e as relacións exteriores. O Tratado de París, polo que se creou
a Comunidade Económica do Carbón e do Aceiro en 1951, e posteriormente
o de Roma (1957), polo que se crearon a Comunidade Económica Europea e
a Comunidade Europea da Enerxía Atómica, modificados pola Acta Única
Europea en 1986, e polo Tratado da Unión en 1992, aprobado en Maastrich,
son as bases constitucionais dese conxunto que crea entre os Estados membros uns
vínculos xurídicos que van moito máis alá das relacións
contractuais entre Estados soberanos. A Comunidade Europea xera por si mesma unha
lexislación que se aplica directamente á cidadanía e crea
uns dereitos específicos en favor destes.
O 17 de xuño de 1997, os
xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea chegaron a un acordo político sobre
un novo Tratado para Europa, o Tratado
de Amsterdam. Tras a sinatura oficial dos textos, as novas disposicións deron
lugar a un debate público en cada país e sometéronse á aprobación dos electores
mediante referendo ou por decisión parlamentaria. Tras este proceso, o 2 de maio
de 1999 o novo Tratado entrou en vigor.
O desenvolvemento da Unión xa non
é un simple proceso técnico cuxa apreciación incumbe unicamente ás institucións
ou aos gobernos. A seguridade, o emprego, a política exterior, a defensa e a lexitimidade
das nosas institucións afectan directamente a todos os cidadáns.
O Tratado
de Amsterdam ten catro grandes obxectivos:
1. Facer do emprego
e dos dereitos dos cidadáns o eixe da Unión.
2. Suprimir os últimos obstáculos
á libre circulación e reforzar a seguridade.
3. Facer que a voz de Europa se
escoite mellor no mundo.
4. Facer máis eficaz a arquitectura institucional
da Unión con miras á próxima ampliación.
O Tratado de Amsterdam consolida cada
un dos tres grandes "piares" que sustentaron a actuación da Unión a partir da
entrada en vigor do Tratado de Maastricht, o 1 de novembro de 1993:
*
A dimensión comunitaria, que corresponde ás disposicións incluídas no Tratado
constitutivo da Comunidade Europea, a CECA e EURATOM: cidadanía da Unión, políticas
da Comunidade, Unión económica e monetaria, etc. (primeiro piar);
* A Política
Exterior e de Seguridade Común (PESC), de factura intergobernamental cuberto polo
Título V do Tratado da Unión Europea (segundo piar);
* A cooperación policial
e xudicial en materia penal (CPJ) tamén de factura intergobernamental e cuberta
polo Título VI do Tratado da Unión Europea (terceiro piar).
O case medio século
de construción europea marcou profundamente a historia do continente e a mentalidade
dos seus habitantes, e modificou os equilibrios de poder. Os gobernos dos Estados
membros, calquera que sexa a súa tendencia política, saben que a era das soberanías
nacionais absolutas está superada, e que só a unión das súas forzas e a visión
dun "destino compartido", segundo a expresión da Declaración de Robert Schuman,
permitirá aos antigos Estados-nación continuar co progreso económico e social
e manter a súa influencia no mundo.
O 26 de febreiro de 2001, os xefes
de Estado e de Goberno, tras once meses de negociacións na Conferencia Intergobernamental,
adoptan o Tratado
de Niza.
O obxectivo principal desta reforma era adaptar o sistema institucional
á ampliación da UE para o leste. Chegouse a un acordo sobre os seguintes temas:
- limitación do tamaño e a composición da Comisión
- extensión do
voto por maioría cualificada
- nova ponderación de votos no Consello
-
flexibilidade do dispositivo de cooperación reforzada
Paralelamente
aos traballos da Conferencia Intergobernamental (CIG), unha convención formada
por representantes das distintas institucións europeas e parlamentos estatais
elaborou unha "Carta dos Dereitos Fundamentais", que será proclamada durante o
Consello Europeo de Niza.
A Declaración 23 anexa ao Tratado promove
un debate máis amplo sobre o futuro da Unión fixando as vindeiras etapas que han
de seguirse no proceso de reforma. Así, o Consello de Laeken de decembro de 2001
adopta unha Declaración
sobre o Futuro da Unión na que se decide convocar unha Convención Europea
encargada de presentar propostas de reforma sobre catro aspectos clave:
- Mellor
reparto e definición das competencias
- Simplificación dos instrumentos
da Unión
- Máis democracia, transparencia e eficiencia
- O camiño
para unha Constitución para os cidadáns europeos
A Convención
Europea comezou os seus traballos en febreiro de 2002 baixo a presidencia de Giscard
d'Esaing. Tras 17 meses de traballo, o 18 de xullo de 2003, os 105 membros integrantes
da Convención presentan o anteproxecto. A partir deste momento, os líderes europeos
negocian as distintas propostas ata que no Consello Europeo de Bruxelas de 18
de xuño de 2004 acordan a adopción da
Constitución Europea, que entraria en vigor tras as respectivas ratificacións
(por aprobación parlamentaria e/ou referendo) en cada un dos Estados
membros da UE.
Pero, tras o "non" de Francia e dos Países Baixos á Constitución Europea en 2005, e despois de dous anos de reflexión, o 23 de xuño de 2007 os dirixentes da UE acordaron outorgar un mandato detallado para unha nova Conferencia Intergubernamental. O seu cometido era elaborar un novo Tratado para a Reforma antes de finais de 2007.
OTratado de Lisboa entrou en vigor o 1 de decembro de 2009, tras a sua ratificación por parte dos 27. O Tratado dota á UE de institucións modernas e perfecciona os seus métodos de traballo para poder afrontar con eficacia os desafíos do mundo de hoxe. Este Tratado reforza asimesmo a democracia na UE e mellora a sua capacidade de defender día a día os intereses dos seus cidadáns.