Galego / Castellano
galego carta de servizos contacto DO serie L e C DO serie S convocatorias busca socios programas novas prensa dixital e-Boletín ED publicacións ED CE en España presidencia UE ligazóns

 


 
 
 


Preguntas e respostas

1. ¿Cando se decide a creación da Unión Ecónomica e Monetaria (UEM)?

O día 7 de febreiro de 1992 asinouse na cidade holandesa de Maastricht, o Tratado da Unión Europea polos xefes de Estado e de Goberno da Unión. Este Tratado establece xunto co obxectivo da Unión Económica e Monetaria (UEM), avanzar cara metas comúns en materia de unión política. 

O obxectivo dunha UEM xa fora fixado polo Consello Europeo no Cumio de Hannover (Alemaña), celebrado en xuño de 1988. 

Up

2. ¿Por que unha Unión Económica e Monetaria europea?

As razóns aducidas para a proposta e posta en marcha da UEM europea foron moi diversas. Entre elas poden citarse algunhas: 
    Preséntase como un paso lóxico para os países comunitarios logo da culminación do Mercado Interior da Comunidade Europea. 

    Permitiría incrementar os resultados económicos do conxunto dos países comunitarios, gracias a unha converxencia das políticas económicas cara unha maior estabilidade de prezos e un maior crecemento. 

    Con ela, a Comunidade disporía dos medios necesarios para influír decisivamente na evolución do Sistema Monetario Internacional nun sentido de maior equilibrio. As economías europeas deixarían en grande medida de estar sometidas ás fluctuacións do dólar ou do ien. 

    A súa importancia favorecería o fortalecemento da cohesión da Comunidade. Esta xogaría un papel máis importante dentro do contexto mundial. 

Up

3. ¿Por que se di que a UEM é un proceso irreversible e progresivo?

A UEM é un proceso irreversible porque os Estados membros comprometéronse solemnemente a respectar a vontade de iniciar a terceira fase da UEM o 1 de xaneiro de 1999. Todos os países, incluídos os que declararon que non participarían inicialmente na nova moeda, aceptaron a irreversibilidade do proceso. 

A UEM é un proceso progresivo porque se realiza por etapas, permitindo ós Estados membros ir adaptando de forma progresiva as súas políticas ás esixencias da nova moeda. A UEM lévase a cabo en tres etapas: a primeira, iniciada o 1 de xaneiro de 1990, coincide coa liberdade de circulación de capitais no terriotorio europeo; a segunda, iniciada o 1 de xaneiro de 1994, incide na preparación dos Estados e da Comunidade; a terceira, iniciada o 1 de xaneiro de 1999, enfila a instauración da moeda única, o euro. 

Up

4. ¿Que é unha unión monetaria?

Supón a existencia dun espacio xeográfico no que están comprendidos distintos países, neste as moedas de curso legal existentes están sometidas a un tipo de cambio invariablemente fixo, de tal forma que poida ser substituído por unha moeda única. 

A existencia dunha unión monetaria implica, polo tanto: 

a) a utilización dunha moeda común; 

b) a libre circulación de capitais;

c) unha política monetaria común; e  

d) unha política económica converxente. 

Up

5. ¿Por que cando se fala da UEM se cita tan a miúdo o chamado "escenario de Madrid"?

O 15 e 16 de decembro de 1995 celebrouse en Madrid un Consello Europeo no que se tomaron decisicións de gran importancia en relación á UEM. Entre estas decisións destaca a de denominar á moeda única "euro" (substituíndo á denominación ecu) e a adoptar o programa definitivo (calendario) para a súa introducción o 1 de xaneiro de 1999. 
Up

6. ¿Por que existen os criterios de converxencia?

O Tratado da UE concebiu a unión monetaria con bases sólidas e precisas. Para resultar creíble e sólida a Unión Monetaria unicamente debe agrupar a países con boa xestión económica. Por isto, os Estados membros comprometéronse a mellorar a situación das súas economías, co obxecto de aliñalas con respecto ós países con mellores resultados. É a idea da converxencia. 

Para xulgar se o grao de converxencia é suficiente, o TUE precisa as normas de boa xestión que teñen que seguirse: os criterios de converxencia. 

Unha moeda única sólida esixe que os criterios determinados se cumpran escrupulosamente, pero non só para entrar na "terceira fase", senón tamén para seguir participando na Unión Monetaria de maneira continuada. O TUE prevé procedementos de control que poderían, no seu caso, conducir a fortes sancións financeiras e contempla que sexan as forzas de mercado as que sirvan de acicate ós Estados membros que quedan atrasados. 

Up

7. ¿Por que algúns autores falan de catro criterios de converxencia e outros de cinco?

Para participar no euro, os Estados membros da Unión Europea deben conseguir a converxencia das súas economías. Con este fin fixáronse os seguintes criterios: déficits públicos con carácter anual; déficits públicos en relación coa débeda; inflación; tipos de interese; e estabilidade de cambios. 

Pode falarse de cinco ou de catro indicadores de converxencia segundo se consideren dous os criterios de evitar déficits públicos ou un só definido con respecto a dous tipos de referencia: o anual e o de débeda pública. 

Up

8. ¿Cando se considera cumprido o criterio do déficit público?

É no art. 109 J do Tratado da Unión Europa e máis particularmente no Protocolo 6º onde se concretan os criterios de converxencia básicos. Concretamente, polo que fai referencia ó criterio do déficit público indícase que os Estados membros deben evitar déficit públicos excesivos, non podendo estes exceder: 
a) o 3% no referente á proporción entre o déficit público previsto ou real e o PIB a prezos de mercado. 

b) o 60% no referente á proporción entre débeda pública e o PIB a prezos de mercado. 

Expresamente declárase que : "as finanzas públicas deberán estar nunha situación sostible, o que quedará demostrado no caso de terse acadado unha situación do presuposto sen un déficit público excesivo". 

Up

9. ¿Cando se considera cumprido o criterio da inflación?

É no art. 109 J do Tratado da Unión Europea e máis particularmente no Protocolo 6º onde se concretan os criterios de converxencia básicos. Concretamente, polo que fai referencia ó criterio da inflación ou estabilidade de prezos indícase que: os Estados membros deben ter un comportamento de prezos sostible e unha taxa promedio de inflación (IPC), observada durante un período de 1 ano antes do exame, que non exceda en máis dun 1,5% da de, como máximo, os tres Estados membros con mellor comportamento en materia de estabilidade de prezos. 

Debe acadarse un alto grao de estabilidade de prezos, que debe quedar de manifesto a través dunha taxa de inflación que estea próxima á de, como máximo, os tres Estados membros máis eficaces en canto á estabilidade de prezos. 

Up

10. ¿Cando se considera cumprido o criterio do tipo de cambio?

É no art. 109 J do Tratado da Unión Europa e máis particularmente no Protocolo 6º onde se concretan os criterios de converxencia básicos. Concretamente, polo que fai referencia ó criterio do tipo de cambio apúntase a que os Estados membros deben observar, sen tensións graves e durante polo menos os dous anos anteriores ó exame, as marxes normais de fluctuación dispostos polo Mecanismo de Tipo de Cambio do Sistema Monetario Europeo (de acordo co indicado no art. 109 J, apartado 1-3 TUE "o respecto, durante dous anos como mínimo, sen que se producise depreciación fronte á moeda de ningún outro Estado membro, das marxes normais de fluctuación que establece o MTC (Mecanismo de Tipos de Cambio) do SME"). 
Up

11. ¿Cando se considera cumprido o criterio relativo ós tipos de interese?

De acordo co art. 109 J, apartado 1-4, enténdese cumprido este criterio cando os Estados membros, observados durante un período de 1 ano antes do exame, teñan un tipo promedio de interese nominal a longo prazo que non exceda en máis do 2% o de, como máximo, os tres Estados membros con mellor comportamento en materia de estabilidade de prezos. Textualmente indícase que "o carácter duradeiro da converxencia conseguida polo Estado membro e da súa participación no MTC do SME deberá verse reflectido nos niveis de tipo de interese a longo prazo". 
Up

12. ¿Que ocorre se se incumpren os criterios de converxencia?

A moeda única é un obxectivo común para todos os Estados europeos. Máis tarde ou máis cedo a súa existencia farase extensiva ó conxunto do mercado único. Este obxectivo será aplicable, incluso, para os novos Estados membros da Comunidade. 

O TUE prevía o suposto de que chegado o momento do paso á UEM algún Estado membro non acádase o grao de converxencia necesario, establecendo diferentes ritmos de integración. Así, os Estados que inicialmente quedan fóra seguen participando plenamente en todos os procedementos relativos á UEM coa finalidade de facilitar a súa futura adhesión. Desta maneira, no apartado 2 do art. 103 do TUE declárase que "os Estados membros considerarán as súas políticas económicas como unha cuestión de interese común e a coordinarán no seo do Consello (...)", e no apartado 4 sublíñase que "cando (...) se comprobe que a política económica dun Estado membro contradí as orientacións xerais (...) ou supón un risco para a UEM, o Consello, por maioría cualificada e sobre a base dunha recomendación da Comisión, poderá formular ó Estado membro en cuestión as recomendacións necesarias (...)". 

No Regulamento do Consello núm. 1466/97, de 7 de xullo de 1997, a prol do mantemento da converxencia e estabilidade económica xeral, establece a obriga para os Estados membros de elaborar e presentar os seus "programas de estabilidade" se participan da UEM ou os seus "programas de converxencia" se non están integrados inicialmente na UEM. 

 
Up

13. ¿Son rigorosos os criterios de converxencia?

Non. Os obxectivos de converxencia fixados no Tratado de Maastricht cualificáronse de realistas, incluído o criterio de déficit público, o máis difícil de acadar para a maioría dos Estados membros da Unión. En Europa, a media de déficit públicos diminuíu notablemente desde 1993. Por outra parte os criterios non se consideran ríxidos, xa que para determinar o seu cumprimento non se está exclusivamente a un dato económico estático, se non que tamén se valora desde unha perspectiva positiva a evolución económica de cada país. 
Up

14. ¿Examínase de forma estricta o cumprimento dos criterios de converxencia?

O comisario europeo de Finanzas, Yves Thibault de Silguy, declarou que existe unha lixeira marxe de maniobra para a interpretación dos criterios de Maastricht: "Non se trata de aplicar só o criterio do déficit público ó 3% do PIB, senón de examinar a tendencia de que se cumpre o conxunto de condicións de converxencia". O grao de flexibilidade na interpretación é limitado xa que, en todo caso, trátase de preservar a credibilidade e fortaleza do euro nos mercados financeiros. 
Up

15. ¿Un alto índice de desemprego pode evitar que un país entre na UEM?

Para examinar o cumprimento dos criterios de converxencia non se ten en conta a taxa de desemprego de cada país. 

Para a maior parte dos economistas o cumprimento dos criterios de converxencia, como a reducción do déficit público, é un bo camiño para establecer as bases dun crecemento económico san, condición indispensable para relanzar o emprego e combater o paro en Europa. 

Up

16. ¿O feito de que non se teña considerado o índice de desemprego como un criterio de converxencia obstaculiza as intervencións para a súa reducción?

O desemprego é unha das máis grandes preocupacións dentro da Comunidade. Era unha preocupación durante o proceso de transición cara a UEM e segue sendo unha vez esta está en marcha. Moitos dos acordos adoptados polas institucións comunitarias están encamiñadas a fomentar o crecemento económico e o emprego. 

Por exemplo, no Cumio Europeo de Amsterdam, celebrado o 16 e 17 de xuño de 1997 adoptáronse recomendacións sobre política económica cun punto de partida que é "dar prioridade a dous aspectos fundamentais da política económica, na que os logros se reforzan mutuamente. En primeiro lugar, aínda que se prevé que o emprego aumentará moderadamente a curto prazo, é preciso aumentar a baixa taxa de emprego comunitaria e reducir o desemprego de forma significativa, tal e como se fixo fincapé na Declaración de Dublín sobre a política de emprego "O desafío do emprego" (...) . O restablecemento dun índice de crecemento sostido, elevado e non inflacionista, baseado nunhas finanzas públicas saneadas, creará un contorno favorable, tanto desde o punto de vista político como social, para atallar o problema do desemprego na Comunidade". No mesmo Cumio adóptase unha Resolución sobre o crecemento e o emprego na que declarando que "é imperativo dar un novo pulo para manter decididamente o emprego en primeiro lugar das preocupacións políticas da Unión Europea" prégaselle ós Estados para que actúen de forma activa e coordinada nas políticas de emprego. 

Up

17. ¿Cando se decide a lista de países participantes no euro?

O 3 de maio de 1998 os Xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea, reunidos en Bruselas, deciden qué países reúnen as condiciones necesarias para participar na unión monetaria desde o 1 de xaneiro de 1999. Son once os países que participan inicialmente na nova moeda: Alemaña, Austria, Bélxica, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Países Baixos e Portugal. O 20 de xuño de 2000 os Jefes de Estado e de Goberno da Unión Europea, reunidos no Consello de Feira, deciden que Grecia cumpre os criterios de converxencia e se incorpore á moeda única a partir do 1 de xaneiro de 2001. 
Up

18. ¿Como se toma a decisión dos países integrantes da UEM?

O Tratado da UE establece que a selección dos países que entran a formar parte da UEM adóptase pola maioría cualificada dos membros do Consello (70% dos votos). Esa decisión adóptase o 3 de maio de 1998. 
Up

19. ¿Que é o chamado "Consello do euro"?

No Consello Europeo celebrado en Luxemburgo os días 12 e 13 de decembro de 1997 aprobouse a creación dun foro informal de reunión no que os países que participan inicialmente da UEM (países "in") poidan reunirse en privado para tratar cuestións que lles incumban directamente e particularmente en relación coa moeda única. 

A necesidade de salvar as reticencias á creación do Consello do Euro (tamén chamado "euro x") formuladas polos países que inicialmente non participan na moeda única, Reino Unido, Dinamarca, Suecia e Grecia (que non desexan permanecer alleos ós foros nos que se tomen decisións que poida afectar ós seus intereses), provocou que este "foro informal" non teña por agora estructura propia e non poida, en ningún caso, tomar decisións sobre o tipo de cambio da moeda europea, as características técnicas desta ou a súa representación exterior e sobre sancións por incumprimento dos criterios de converxencia, que seguirán sendo competencia do ECOFIN (Consello de Ministros de Economía e Finanzas de todos os países membros da UE); así mesmo, tomouse a decisión de permitir a participación no dito foro dos países "out" en calidade de observadores. 

Up

20. ¿Cal é a diferenza entre o SEBC e o Eurosistema?

O Banco Central Europeo (no seguinte BCE) e o Sistema Europeo de Bancos Centrais (no seguinte SEBC) constitúese o 1 de xuño de 1998. O BCE foi creado como núcleo do Eurosistema e do SEBC.

O Sistema Europeo de Bancos Centrais

Conforme ao primeiro apartado do artigo 282 TFUE o SEBC está constituído polo BCE e os bancos centrais nacionais independentemente que adopten o euro. Por tanto, o SEBC inclúe os BCN dos Estados membros da UE que aínda non adoptaron o euro -xa sexa porque están suxeitos a un réxime especial, como Dinamarca e Reino Unido, ou porque están acollidos a unha excepción, como Suecia- e sete dos doce Estados membros que se adheriron á UE desde maio do 2004. En consecuencia, estes países seguen utilizando as súas moedas nacionais, que xestionan mediante a súa propia política monetaria, e os seus respectivos bancos centrais manteñen, polo momento, a soberanía neste ámbito. Por tanto, os devanditos países non participan nas actividades principais da unión monetaria, como a dirección da política monetaria da zona do euro. No seguinte mapa pódense observar en cor amarela e azul os países cuxos Bancos Centrais forman xunto ao BCE o SEBC.

Eurosistema

Os textos xurídicos que instituíron o SEBC redactáronse sobre o suposto de que todos os Estados membros da UE adoptarían o euro e de que, en consecuencia, o SEBC asumiría todas as funcións relacionadas coa moeda única. Con todo, ata que todos os países da UE adopten o euro, o Eurosistema seguirá sendo o actor principal.
O termo Eurosistema, recollido no artigo 282 do TFUE comprende o BCE e os bancos centrais nacionais dos Estados membros da UE que adoptaron o euro. No mapa pódense observar en cor amarela os países cuxos Bancos Centrais forman xunto ao BCE o Eurosistema. Por tanto, o Eurosistema é un subconxunto do SEBC. Dado que as decisións do BCE sobre, por exemplo, política monetaria, só son aplicables aos países da zona do euro, é o Eurosistema o que, efectivamente, desempeña as funcións de banco central na zona. Así pois, o BCE e os BCN contribúen conxuntamente á consecución dos obxectivos comúns do Eurosistema.

Up


21. ¿Por que á nova moeda europea se lle chama euro?

É o Cumio comunitario celebrado en Madrid o 15 e 16 de decembro de 1995 cando se decide que a nova moeda europea se denomine euro no lugar de ecu: 

" O nome da nova moeda é un elemento importante na preparación do paso á moeda única, posto que determina en parte a aceptación pública da Unión Económica e Monetaria. O Consello Europeo considera que o nome da moeda única debe ser o mesmo en todas as linguas oficiais da Unión Europea tendo en conta a existencia dos distintos alfabetos; debe ser simple e simbolizar Europa. 

O Consello Europeo decide, por conseguinte que, desde o comezo da terceira fase, o nome da moeda europea sexa o euro. Euro é o seu nome completo e non un simple prefixo que se antepoña ós nomes das moedas nacionais. 

O nome específico euro utilízase en lugar do termo xenérico ecu utilizado polo Tratado para referirse á unidade monetaria europea. 

Os gobernos dos Estados membros acordaron que esta decisión constitúe a interpretación convida e definitiva das disposicións do Tratado". 

As razóns que provocan o cambio de denominación baséanse fundamentalmente nas presións exercidas por algúns Estados nos que a palabra "ecu" (European Currency Unit - Unidade Monetaria Europea) tiña algunhas connotacións negativas. Por exemplo, para os franceses facía referencia a unha antiga moeda nacional; para os alemáns o ecu ofrecía imaxe de debilidade, xa que se devaluara en diversas ocasións fronte ó marco. 

Up

22. ¿Que diferencias fundamentais existen entre o ecu e o euro? 

O ecu, unidade monetaria europea, é a unidade de medida de todas as operacións do SME (Sistema Monetario Europeo). Defínese como unha cesta de moedas, xa que o seu valor é igual á suma de cantidades fixas de cada moeda comunitaria, calculadas por referencia á importancia económica de cada país. 

As moedas dos Estados membros da UE que o eran antes do TUE, entran na composición do ecu. Desde a creación do ecu, a composición da cesta foi modificada en diferentes ocasións, a previsión era que se realizase cada cinco anos, para ter en conta a evolución das distintas moedas, en base a tres criterios: 1) participación no volume de negocio comunitario; 2) o PIB; e 3) a cota no FECOM. A partir da entrada en vigor do TUE a composición do ecu non se modifica, aínda que se varía o peso relativo de cada moeda debido a que as súas cotizacións fluctúan constantemente no mercado de divisas. 

O euro, pola súa parte, ten a consideración de moeda de pleno dereito a partir do inicio da terceira fase da UEM, substituíndo tanto ás moedas nacionais dos Estados que participan nesta fase como ó ecu. As moedas nacionais pasan a ser consideradas como subdivisións do euro. Por outra parte, o euro non é, como ocorre co ecu, unha cesta de moedas, ten valor propio. Tamén debe indicarse que non todas as moedas que participan no ecu participan no euro: inicialmente non adaptan esta moeda Suecia, Dinamarca e Reino Unido. Grecia participa no euro desde o 1 de xaneiro de 2001. 

Up

23. ¿Cando ten existencia legal o euro?

A moeda europea euro existe legalmente desde o 1 de xaneiro de 1999, data de inicio da terceira fase da UEM. A partir dese momento substitúe tanto ó ecu como ás moedas nacionais dos países que se integran na UEM, converténdose nunha moeda por dereito propio. 

Durante todo o período transitorio, de 1.01.1999 a 31.12.2001, o euro existe unicamente de forma instrumental (sendo utilizable en operacións de carácter financeiro, de política monetaria e como referencia monetaria e contable nos contratos). A partir do 1 de xaneiro do 2002 pódese utilizar nos pagamentos en metálico xa que se poñen en circulación os billetes e moedas euro. 

Up

24. ¿Como é o troco de ecus por euros?

De acordo co disposto no Regulamento 1103/97 aprobado polo Consello para a introducción do euro, "toda referencia ó ecu (...) que figure nun instrumento xurídico entenderase feita ó euro do tipo un euro por un ecu". 

Agás proba contraria, o ecu ó que se fai referencia é o "ecu oficial", que é o mencionado no art. 109 G do Tratado da UE que o define como unha cesta de moedas. 

Up

25. ¿Cando desaparecen as moedas nacionais?

As moedas nacionais dos países que interveñen na UEM seguen tendo curso legal, consideradas como subdivisións do euro, durante todo o período transitorio (do 1.01.1999 ata o 31.12.2001). A partir do 1 de xaneiro do 2002, e durante o prazo máximo de seis meses (ata o 30 de xuño), os billetes e moedas nacionais, aínda que seguen tendo curso legal para os pagamentos en metálico, deben cambiarse por euros; nos pagamentos non metálicos, a única moeda que pode utilizarse é o euro. 

A partir do 1 de xullo do 2002 a única moeda de curso legal é o euro. Quen teña no seu poder billetes e moedas nacionais só pode realizar o seu intercambio por euros nos correspondentes bancos centrais (Banco de España no noso caso). 

Up

26. ¿Como se relacionan as moedas nacionais durante o período transitorio?

Durante o período transitorio da UEM que abarca desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do 2001, coexisten co euro as respectivas moedas nacionais dos países que inicialmente entran a formar parte da UEM. 

De acordo coa normativa reguladora do euro, a conversión dunha moeda nacional a outra, por exemplo o paso de pesetas a francos, realízase de acordo co tipo de cambio fixado con carácter irrevogable para cada moeda en relación co euro. O Regulamento 1103/93 do Consello establece no seu artigo 4, apartado 4, que os importes monetarios que teñan que converterse dunha unidade monetaria nacional a outra deben converterse, en primeiro lugar, nun importe expresado en euros e, posteriormente, converter a unidade determinada en euros á outra unidade monetaria nacional. 

Así, no caso exposto, debería cambiarse a cantidade en pesetas a euros e, posteriormente, transformar os euros en francos aplicando, en todo caso, as normas de redondeo previstas. 

Concluído o período transitorio, é dicir a partir do 1 de xaneiro do 2002, o euro é a única moeda de curso legal dentro da UEM, coa particularidade de establecerse un período máximo de seis meses para o troco das moedas nacionais. 

Up

27. ¿A partir do 1 de xaneiro de 1999 poden realizarse compras en pesetas noutros países?

Legalmente non. Expresamente establece o art. 2 do proxecto de Regulamento do Consello sobre a introducción do euro que "a partir do 1 de xaneiro de 1999, a moeda dos Estados membros participantes será o euro (...), e o art. 9 que "os billetes e moedas denominados nunha unidade monetaria nacional seguirán sendo de curso legal dentro dos seus límites territoriais vixentes o día anterior á entrada en vigor do presente Regulamento". 

Polo tanto, as pesetas non teñen poder liberatorio fóra de España, sendo necesario obter previamente as divisas do país correspondente no que se vaian realizar compras. 

A partir do 1 de xaneiro do 2002, o euro xa circula en moedas e billetes. 

Up

28. ¿A partir do 1 de xaneiro de 1999 poden realizarse pagamentos en euros noutros países?

Durante todo o período transitorio rixe o principio de "non obrigación-non prohibición", segundo o cal ninguén está obrigado a utilizar o euro e non pode prohibirse a súa utilización. Non obstante, debe aclararse que o euro só circula durante este período a nivel contable, polo tanto, unicamente pódese utilizar, refiríndose a pagamentos, cando estes se realicen mediante cheques ou transferencias bancarias, se o ordenante dispón dunha conta na dita moeda. 
Up

29. ¿Cal é o tipo de cambio de pesetas a euros?

O tipo de cambio entre pesetas e euros, así como o resto das moedas nacionais que entran a formar parte da UEM, establécese con carácter irrevogable o 31 de decembro de 1998: 1 euro = 166,386 ptas.
Up

30. ¿Que é o "círculo virtuoso" da UEM?

A UEM xera beneficios para todos os países que se integran na área do euro, aínda que a súa importancia depende da capacidade de adaptación de cada un deles á nova moeda. 

As normas e políticas que rexen o funcionamento da UEM son estrictas e están encamiñadas a dar credibilidade e confianza no sistema, dando lugar ó que os autores denominan o "círculo virtuoso": a reducción dos déficit públicos e a existencia de tipos de interese baixos provoca un aumento do investimento e do emprego, que á súa vez provoca un aumento do consumo co conseguinte incremento dos ingresos das Administracións tanto por conceptos fiscais como de seguridade social, o que facilita a tarefa de reducción de déficit públicos e dos tipos de interese. 

Up

31. ¿Quen establece a política económica na área do euro?

Todos os países que entran a formar parte da UEM seguen desenvolvendo as súas competencias en materia económica. Non obstante, tanto os países que adoptan o euro como os que inicialmente non forman parte da UEM deben adaptar as súas políticas económicas ó conxunto da Comunidade. 

Neste sentido o artigo 2 do TCE establece como misión da Comunidade Europea "promover, mediante o establecemento dun mercado común e dunha unión económica e monetaria, (...), un desenvolvemento harmonioso e equilibrado das actividades económicas no conxunto da Comunidade, un crecemento sostible e non inflacionista que respecte o medio natural, un alto grao de converxencia dos resultados económicos, un alto nivel de emprego e de protección social, a elevación do nivel e da calidade de vida, a cohesión económica e social e a solidariedade entre os Estados membros". Pola súa parte, o artigo 3 A recalca que é necesario para a consecución dos fins enunciados no artigo 2 unha política económica coordinada dos Estados membros e a defensa dunha economía de mercado aberta e de libre competencia, que teña, todo isto, como principios rectores: prezos estables, finanzas públicas e condicións monetarias sólidas e balanza de pagamentos estable. 

Up

32. ¿Como se controla a política económica de cada Estado membro?

De acordo co art. 103.2 do TUE, o Consello por maioría cualificada e sobre a base dunha recomendación da Comisión, elabora un proxecto de orientacións xerais para as políticas económicas dos Estados membros e da Comunidade e presenta un informe verbo diso ó Consello Europeo. 

Sobre a base do informe do Consello, o Consello Europeo debate unhas conclusións sobre as orientacións xerais das políticas económicas dos Estados membros e da Comunidade. 

Segundo estas conclusións, o Consello, por maioría cualificada, adopta unha recomendación na que establece as ditas orientacións xerais. O Consello informa da súa recomendación ó Parlamento Europeo. 

O control realízase a través do exame do cumprimento dos correspondentes programas de estabilidade ou de converxencia. Así mesmo, o DOCE serie L núm. 209, de 2 de agosto de 1997, publica unha Recomendación do Consello sobre as orientacións xerais para as políticas económicas dos Estados membros e da Comunidade. 

Up

33. ¿A Unión Económica e Monetaria é equivalente ó Mercado Único Europeo?

O mercado único europeo é o mercado interior común ós Estados membros da Comunidade. É o maior mercado interno do mundo industrializado. O seu principal obxectivo é facer realidade dentro da Comunidade as catro liberdades fundamentais nas que se basea: a libre circulación das persoas, as mercancías, os servicios e os capitais. É, polo tanto, un dos elementos básicos da UEM. 

A Unión Económica e Monetaria é o complemento natural e indispensable do mercado único. Cunha soa moeda europea, o mercado único funciona mellor. Pode desenvolver plenamente os seus efectos positivos mediante a eliminación dos custos de transacción xerados pola conversión das moedas e a desaparición das variacións dos tipos de cambio que perturban os intercambios comerciais e os investimentos. 

Up

34. ¿Quen establece a política monetaria co euro?

Conforme ás disposicións do Tratado da Unión, é función básica do Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC) a definición e execución da política monetaria da Comunidade. O obxectivo principal da política monetaria, e polo tanto o do SEBC, é o de manter a estabilidade de prezos, sen prexuízo de apoiar a política económica xeral da Comunidade co fin de contribuír á realización dos obxectivos enunciados no art. 2 do Tratado: desenvolvemento harmonioso e equilibrado das actividades económicas, crecemento sostible e non inflacionista, alto grao de converxencia económica, emprego e protección social, elevación do nivel e calidade de vida, a cohesión económica e social e a solidariedade entre os Estados membros. 

O SEBC, que entra en funcionamento a fins de 1998, é un organismo que se compón polo Banco Central Europeo e os bancos centrais da totalidade dos Estados membros da Unión Europea. 

Up

35. ¿Quen dirixe o SEBC?

O SEBC componse do Banco Central Europeo e os bancos centrais da totalidade dos Estados membros da Unión Europea. 

Sen os órganos rectores do BCE, o Consello de Goberno e o Comité Executivo, os que dirixen o SEBC. 

O Consello de Goberno está integrado polos membros do Comité Executivo do BCE e os gobernadores dos bancos centrais nacionais dos países da zona euro. 

O Comité Executivo está integrado polo presidente e o vicepresidente do BCE e por catro vocais, nomeados de común acordo polos Gobernos dos países participantes da UEM, sobre a base dunha recomendación do Consello da UE e trala previa consulta do Parlamento Europeo e do Consello de Goberno do IME (nos primeiros nomeamentos) ou do Consello de Goberno do BCE (nos nomeamentos ulteriores). 

Up

36. ¿Os países comunitarios que non participan inicialmente na UEM forman parte dos órganos de goberno do BCE?

Os bancos centrais dos países que inicialmente non participan da unión monetaria forman parte do Consello Xeral do BCE, considerado como o seu terceiro órgano rector. 

O Consello Xeral está composto polo presidente e o vicepresidente do BCE e polos gobernadores dos bancos centrais nacionais de todolos Estados membros da Unión Europea; os demais membros do Comité Executivo, así como o presidente do Consello e un membro da Comisión, poderán participar, sen dereito a voto, nas súas reunións. 

A diferencia fundamental co Comité e o Consello de Goberno é o seu carácter transitorio: prevese a súa existencia se algún país comunitario non consegue participar inicialmente na terceira fase da UEM, desenvolvendo a súa actividade en tanto se dea esta situación. 

Up

37. ¿É o BCE unha institución verdadeiramente independente?

Das disposicións do TUE despréndese que a UEM, no plano monetario, debe estar dirixida por unha "forte autoridade monetaria", por unha institución independente que vele pola consecución do obxectivo da estabilidade de prezos, condición ineludible para conseguir unha política económica que contemple o pleno emprego e o crecemento. As disposicións esenciais do Tratado revelan, en esencia, un necesario equilibrio entre a autoridade monetaria e o poder político económico. 

O art. 107 do Tratado da UE declara este principio ó indicar que cando exerza facultades que lle confiren o TUE e os seus Estatutos e desempeñen as funcións e deberes correspondentes, nin o BCE, nin os bancos centrais nacionais, nin ningún membro dos seus órganos rectores poden solicitar ou aceptar instruccións procedentes das institucións ou organismos comunitarios, de ningún Goberno dun Estado membro nin de ningún outro organismo. Os gobernos dos Estados comprométense a respectar este principio e a non tratar de influír nos membros dos órganos rectores do BCE e dos bancos centrais nacionais no exercicio das súas funcións. 

A única obriga do BCE con respecto ós órganos políticos, Parlamento Europeo, Consello, Comisión e Consello Europeo, é a de cumprir o seu deber de facilitar información regular sobre as súas actividades. A cualificación do BCE como institución independente non implica "absoluta irresponsabilidade", pois como indica o TUE, os actos e omisións do BCE están suxeitos á revisión e interpretación do Tribunal de Xustiza. 

Up

38. ¿Por que cando hai unha referencia ao futuro Banco Central Europeo se alude ó Bundesbank?

O Bundesbank, banco central alemán, foi o modelo no que o Tratado de Maastricht se fixou para configurar o armazón institucional da UEM. As razóns que motivaron a utilización deste modelo derivan fundamentalmente do papel hexemónico que este banco ten dentro do Sistema Monetario Europeo e da súa gran influencia na política monetaria dentro da Comunidade. 

Por outra parte, cando se fala do BCE faise referencia inevitablemente ó Bundesbank porque unha das características principais deste é a súa absoluta independencia con respecto ó goberno alemán. 

Up

39. ¿Como participa o Banco de España no BCE?

O Banco de España participa de pleno dereito no Consello de Goberno e no Consello Xeral do BCE. Ademais, o español José Manuel González-Páramo é un dos membros do Comité Executivo do BCE (desde xuño do 2004), aínda que debe aclararse que esta participación é en calidade de persoa e non en calidade de representante dunha institución.
Up

40. ¿Que papel desenvolve o Banco de España?

O Banco de España participa directamente na toma de decisións en cuestións tan importantes como a política monetaria e a autorización da emisión de billetes de banco de curso legal dentro da Comunidade. 

Tamén desempeña o papel de institución colaboradora do BCE, executando as directrices deste dentro do territorio español, sen prexuízo de seguir desenvolvendo as súas competencias no referente ó control das institucións financeiras nacionais e servir de enlace entre estas e o BCE. 
Up

41. ¿De que recursos dispón o Banco Central Europeo?

De acordo co que dispoñen os seus Estatutos, o capital do BCE é de 5.000 millóns de euros (825.000 millóns de ptas. aproximadamente). 

Os únicos suscritores e accionistas son os bancos centrais nacionais, ós que se lles fixa o importe da súa suscrición tendo en conta a suma de dúas porcentaxes: 

1) o 50% da participación do Estado membro respectivo na poboación da Comunidade o penúltimo ano anterior á constitución do SEBC; e 

2) o 50% da participación do Estado membro respectivo no PIB, a prezo de mercado, da Comunidade, segundo se rexistre nos cinco últimos anos que preceden ó penúltimo ano anterior á constitución do SEBC. 

As participacións previstas axustaranse cada cinco anos. 

A achega española ó capital do BCE acada o 7,77% do capital citado. 
Up

42. ¿Ademais do seu capital, o BCE dispón de máis reservas?

Conforme ó que dispoñen os seus Estatutos, ademais do seu capital propio, o BCE recibiu inicialmente dos bancos centrais nacionais activos exteriores de reserva distintos das moedas dos Estados membros, dos euros, das posicións de reserva e dos dereitos especiais do FMI, ata un importe equivalente a 50.000 millóns de euros (8.250.000 millóns de pesetas aproximadamente). Con posterioridade á súa creación, o BCE pode acordar a achega de reservas adicionais.

As achegas de cada banco nacional fixanse en proporción á súa participación no capital subscrito do BCE. 

Up

43. ¿Quen asume os beneficios ou perdas do BCE?

A asignación de beneficios e perdas netas do BCE, no caso de que produzan, realizarase conforme ás seguintes regras: un importe non superior ó 20% dos beneficios netos producidos destinaranse a cubrir un fondo de reserva xeral (cun límite que se cifra no 100% do capital), os beneficios sobrantes distribuiranse entre os accionistas do BCE proporcionalmente ás súas accións desembolsadas. As perdas do BCE compensaranse co fondo de reserva xeral e, no seu caso, mediante os ingresos monetarios do exercicio económico correspondente. 
Up

44. ¿Como é a relación entre as institucións financeiras da UEM e as institucións políticas?

As institucións financeiras da UEM están caracterizadas pola súa independencia. As disposicións do Tratado da UE así o declaran expresamente ó indicar que cando exerza facultades que lle confiren o TUE e os seus Estatutos e desempeñen as funcións e deberes correspondentes, nin o BCE, nin os bancos centrais nacionais, nin ningún membro dos seus órganos rectores poden reclamar nin aceptar instruccións procedentes das institucións ou organismos comunitarios, de ningún Goberno dun Estado membro nin de ningún outro organismo. 

Non obstante, estas institucións non están nunha burbulla de cristal, necesariamente deben relacionarse e coordinarse cos poderes políticos: 

a) A nivel constitutivo: son os Estados membros os que de común acordo nomean os membros do Comité Executivo do BCE. Así mesmo, cada un deles ten a competencia para nomear os presidentes dos seus correspondentes bancos centrais nacionais. 

b) A nivel decisorio: a política monetaria que desenvolve o BCE necesariamente debe de estar coordinada coa política económica establecida dentro da Comunidade. 

Á parte da existencia destas vías de comunicación, a única obriga do BCE con respecto ós órganos políticos, Parlamento Europeo, Consello, Comisión e Consello Europeo, é a de cumprir o seu deber de facilitar información regular sobre as súas actividades. 

 
Up

45. ¿Como se relacionan os países da UEM cos que non forman parte dela?

O inicio da terceira fase da UEM, o 1 de xaneiro de 1999, supón a existencia de dúas zonas monetarias, nunha encadranse os países que adoptan o euro, e na outra os países que manteñen as súas respectivas moedas. Para a relación entre estas dúas zonas, o Sistema Monetario Europeo foi substituído por un mecanismo de tipos de cambio (o MTC2) cunhas normas de funcionamento que se establecen por acordo entre o BCE e os bancos centrais nacionais e que non forman parte da zona euro. 

O MTC2 vencella ó euro todas as moedas dos Estados membros que non forman parte da moeda única. O euro é o centro do novo mecanismo, que funciona no marco das políticas orientadas á estabilidade, elemento central da UEM. 

O MTC2 contribúe: 

a) a asegurar que os Estados membros fóra da zona euro que participen no mecanismo orienten as súas políticas económicas cara a estabilidade e fomenten a converxencia, servindo de referencia para que leven unha política económica en xeral, e monetaria en particular, axeitadas. 

b) a protexer a todos os Estados das presións inxustificadas dos mercados de divisas. 

c) a garantir que os Estados que desexen adoptar o euro con posterioridade a 1999 reciban o mesmo trato que aqueles que xa o adoptaron, polo que respecta ós criterios de converxencia. 

A existencia do MTC2 deriva, en definitiva, da necesidade de manter o bo funcionamento do mercado único, no que os requirimentos dun maior investimento, crecemento e emprego esixen un contorno económico estable. 

Aínda que a participación dos países que non pertencen á zona euro no MTC2 é voluntaria, se algún país decide non integrarse nel non existen obstáculos para que poida incorporarse con posterioridade, xa que a finalidade última do MTC2 é garantir que os Estados non integrados no euro orienten, dentro da estabilidade, as súas políticas cara a converxencia conseguindo finalmente participar na moeda única. 

 
Up

46. ¿Como funciona o mecanismo de tipos de cambio (MTC2)?

O MTC2 establécese ó inicio da terceira fase da UEM, o 1 de xaneiro de 1999, tendo por finalidade relacionar a moeda euro coa dos países comunitarios que non forman parte inicialmente da moeda única. 

Os pormenores do funcionamento do MTC2 establécense por acordo entre o BCE e os bancos centrais nacionais baseándose en termos xerais nas seguintes normas:

Fíxase un tipo central respecto do euro para cada unha das moedas que participe no MTC2. 

Hai unha marxe normal de fluctuación do 15% aproximadamente arredor dos tipos centrais, aínda que cada Estado membro pode propoñer marxes de fluctuación máis estreitas.

As intervencións nas marxes son, en principio, automáticas e ilimitadas, mediante financiamento a moi curto prazo. 

Pódese facer un uso flexible dos tipos de interese e existe a posibilidade dunha intervención intramarxinal coordinada. 

 
Up

47. ¿Que é o sistema TARGET?

A creación do euro e a posta en marcha dunha política monetaria única esixe a creación dun sistema de pagamentos transnacional dentro da UEM. Unha das funcións básicas do BCE é a de xestionar e promover o bo funcionamento do sistema de pagamentos da UEM. O correcto funcionamento do SEBC e do BCE así como a execución da política monetaria común esixe un sistema de transferencias axeitado entre estes e os respectivos bancos centrais nacionais. 

O sistema TARGET (Transeuropean Automated Real Time Gross Gettlement Express Transfer System - sistema transeuropeo automatizado de transferencias urxentes con liquidación bruta en tempo real) permite executar de maneira áxil todas as operacións que leven a cabo os bancos nacionais integrados. Target consta de dous elementos : 1) os distintos sistemas de grandes pagamentos nacionais; e 2) un sistema de interconexión informática, denominado Interlinking, encargado de unir ós distintos bancos centrais nacionais entre si e co BCE. 

Todas as operacións de política monetaria realizadas polos bancos centrais dos países integrados na UEM realizanse a través do sistema TARGET que está aberto a todo tipo de pagamentos en euros. Para os países que non forman parte da UEM ou non sexan comunitarios non é obrigatorio operar a través deste sistema. Tamén é opcional o seu uso para os operadores privados. 

 
Up

48. ¿TARGET é o único sistema de pagamentos transnacionais na UEM?

Nada impide que xunto ó sistema de liquidación de pagamentos Target poidan existir, na UEM, outros sistemas de pagamentos transnacionais. 

O sistema de pagamentos da EBA (Ecu Banking Association) pode ser unha alternativa para as transferencias transfronteirizas de importe medio e que non esixan unha rapidez excesiva na súa tramitación. Por ser un sistema de liquidación de netos o seu custo por operación será inferior ó de Target (de 0,5 a 0,8 euros aproximados por operación fronte ós 2 a 3 euros en Target). 

Outros sistemas operativos poden ser o Correspondent Banking (sistemas de pagamentos trasfronteirizos mediante comunicación directa entre os bancos dos distintos Estados) e o Automated Clearing House (sistema previsto de interconexión entre cámaras de compensación electrónica dos distintos países europeos). 

 
Up

49. ¿Como afecta o euro ós sistemas electrónicos de pagamentos polo miúdo?

As tarxetas convencionais non sufren cambio algún, non é necesario cambialas por outras novas. Son os procesadores ATM (caixeiros automáticos) e TPV (Terminal Punto de Venda) os que adaptan os seus sistemas procesadores para que as transaccións cumpran a normativa. 
Up