| | | Limiar
A
constitución dunha unión económica e monetaria estivo presente
ó longo da historia da Unión Europea. Foron motivos de política
interna e de conveniencia os que nun determinado sistema de relacións internacionais
contribuíron a disimular a importancia dunha decisión como a referida
á creación dunha moeda única aceptada por todos os países
da Unión. Foron os cambios nun ou noutro escenario os que levaron á
toma de decisións.
Situación
mundial nos anos 20 Na
segunda década do século XX, ó final da Primeira Guerra Mundial,
coa exaltación dos nacionalismos que esixían unha forte protección
que beneficiase á producción nacional con vistas ás tarefas
de reconstrucción, marcou tamén o do sistema librecambista que desde
fins do século XIX inspirara o comercio internacional e que fora posible,
fundamentalmente, gracias ó patrón ouro e a correlativa estabilidade
monetaria das diversas divisas. Rasgos característicos deste sistema foron
as fortes reduccións arancelarias, a ausencia de intervencionismo administrativo
e a igualdade de trato entre mercadorías nacionais e estranxeiras.
O final do conflicto levou aparelladas
fortes subidas da protección arancelaria dos países así como
restriccións cuantitativas, acordos clearing, prácticas comerciais
restrictivas e desleais e o establecemento de controis de cambio. As crises económicas
dos anos vinte culminan esta chea de despropósitos. Da magnitude das crises
pode ser exemplo considerar que o marco alemán pasa en 1922 e nun curto
período de tempo de valer 1 dólar = 162 marcos a 1 dólar
= 7000 marcos, cun derrubamento definitivo en 1923.
(Como se indica máis adiante a moderación ás mencións
á unión monetaria no Tratado de Roma de 1957 que crea a CEE derivan
da creación do Sistema Monetario Internacional logo da Segunda Guerra Mundial).
O s
acordos de Bretton Woods Para
evitar os desastres e efectos nefastos das políticas nacionais de empobrecemento
do veciño para asegurar o pleno emprego propio, unidos á gran depresión
de 1929, que mostraron a necesidade do intervencionismo do Estado para saír
das crises económicas, aconsellouse planificar a política que se
vai seguir a partir do día seguinte ó remate da Segunda Gran Guerra.
Durante os anos 1943 e 1944 tiveron lugar reunións entre funcionarios británicos
e norteamericanos, dirixidos respectivamente por Keynes e White.
As conclusións destas reunións concretáronse nos famosos
acordos de Bretton Woods (New Hamsphire, EUA). A solución dada ós
problemas de estabilidade monetaria e de financiamento internacionais atopouse
na creación de institucións de cooperación multilateral,
especialmente o Fondo Monetario Internacional (FMI), destinado a actuar no ámbito
monetario, o Banco Internacional de Reconstrucción e Desenvolvemento (Banco
Mundial) orientado á mobilización de recursos de investimentos a
longo prazo, e o Acordo Xeral sobre Aranceis e Comercio (GATT) encargado da liberalización
dos intercambios comerciais, que viron a luz, respectivamente, en 1944 as dúas
primeiras, e en 1947 a terceira. Convén aclarar que o FMI e o BIRD son
organismos da ONU, mentres que o GATT non é máis que un simple acordo
internacional.
O
Sistema Monetario Internacional. Para
os efectos da unión monetaria é importante lembrar que polas características
do SMI acordado en xuño de 1944 en Bretton Woods e as atribucións
do FMI nel, o dólar dos EEUU pasaba a ser a moeda utilizada nas relacións
internacionais, servindo de referencia na fixación dos tipos de cambio
e como moeda de reserva de cada economía nacional.
A aplicación do acordo sobre o SMI baseado no dólar tivo como consecuencia
que este país tivera que realizar unha proposta de relanzamento da economía
europea co fin de non bloquear o potencial crecemento da súa economía
e evitar a quebra do propio sistema antes, incluso, de que entrara en funcionamento:
o Plan Marshall en 1947.
Creación
da CECA, CEE e CEEA O
9 de maio de 1950 é considerado polos historiadores como a data clave no
inicio da constitución das comunidades europeas. Nese día, Robert
Schuman, ministro de Asuntos Exteriores francés, declara a necesidade de
poñer en común a producción do carbón e do aceiro
entre Francia e Alemaña como forma de acabar coa secular rivalidade entre
ambos países. Froito desta declaración, o 18 de abril de 1951 asínase
o Tratado de París polo que se crea a CECA (Comunidade Europea do Carbón
e do Aceiro). Este Tratado, que asina, ademais de Francia e Alemaña, Bélxica,
Holanda, Luxemburgo e Italia abría as esperanzas para a futura cooperación
política, económica e monetaria europea. Non obstante, en 1952 fracasa
a proposta dunha Comunidade Europea de Defensa e en 1953 a dunha Comunidade Política
Europea. Os froitos da cooperación
europea non se recollen ata o 25 de marzo de 1957, data na que se asina o chamado
Tratado de Roma que crea a CEE (Comunidade Económica Europea) e a CEEA
ou EURATOM (Comunidade Europea da Enerxía Atómica).
O Tratado de Roma é un fito no proceso de construcción europeo,
aínda que hai que recoñecer que malia que o artigo 2 da CEE contemple
a posibilidade da creación dunha unión económica e monetaria,
faino dunha forma indirecta e insuficiente. Incorpora unicamente algunhas disposicións
tocante ás opcións de política económica nacional
respecto do control dos déficits da balanza de pagamentos e sobre o uso
da alteración dos tipos de cambio das moedas nacionais como instrumento
corrector destes.
Malia que en 1957
había razóns para xustificar o inicio dunha unión monetaria
en Europa (con superávits comerciais e alto nivel de reservas exteriores),
os países iniciadores do proceso non se atreveron a dar o gran paso. Os
motivos baséanse por un lado, na orde económica mundial existente
nos anos cincuenta, encabezado polos EEUU e o dólar, e na política
interna dos propios Estados membros que preferían a xestión autónoma
das políticas monetarias e de tipo de cambio.
Na década dos sesenta prodúcese un lento pero progresivo avance
europeísta. En 1960 créase o FSE (Fondo Social Europeo). En 1961,
coincidente co Muro de Berlín, prodúcense as primeiras solicitudes
de adhesión ás Comunidades Europeas: Irlanda, Reino Unido, Dinamarca
e Noruega (o longo proceso de adhesión culminará en 1972 para os
tres países primeiramente citados). En 1962 apróbase o primeiro
Regulamento (norma comunitaria directamente aplicable nos países membros)
sobre libre circulación de traballadores e créase o FEOGA (Fondo
de Orientación e Garantía Agrícola). En 1967 fusiónanse
os executivos previstos nas tres comunidades. En 1968 entra en vigor a Unión
Alfandegueira.
Crise
do Sistema Monetario Internacional En
liñas xerais o SMI funcionou ben ata 1971. Sen embargo, a inflación
de fins dos sesenta e fortalecemento doutras economías emerxentes, como
a alemana e a xaponesa, cambiaron o clima de seguridade por un ambiente de incertidume.
Cando os déficits comerciais e fiscais dos Estados Unidos comezaron a ser
preocupantes (pola inflación e os gastos derivados da guerra do Vietnam,
fundamentalmente) desencadeáronse movementos especulativos contra o dólar
a partir dos fondos existentes no denominado mercado dos eurodólares (dólares
existentes no mundo, especialmente en Europa, fóra do control das autoridades
americanas) que acabaron por romper un sistema baseado no mantemento das condicións
de supremacía do dólar máis alá das posibilidades
reais da economía americana. O 15 de agosto de 1971 o Presidente Nixon
suprime a convertibilidade do dólar en ouro e desvalorízao cinco
meses máis tarde coa finalidade de aumentar as exportacións e reducir
a súa débeda exterior.
A
situación levou ós seis países comunitarios a adoptar un
acordo monetario que impedise, ou polo menos debilitase, os efectos da inestabilidade
monetaria sobre as súas relacións económicas e comerciais,
que desde o 1 de xullo de 1968 se realizaban sen aranceis internos.
As primeiras propostas partiron de Raymond Barre, vicepresidente da Comisión
das Comunidades Europeas, en primeiro Plan en 1969 e segundo Plan en 1970. Á
vista do primeiro Plan, no Cumio dos xefes de Estado e de Goberno celebrada na
Haia os días 1 e 2 de decembro de 1969 afírmase "será elaborado
un plan por etapas ó longo de 1970 con vistas á creación
dunha unión económica e monetaria" (punto 8 do comunicado do Cumio).
En outubro de 1970 preséntase o Plan Werner.
O Plan Werner, daquela presidente e ministro de Facenda do goberno luxemburgués,
preséntase en outubro de 1970 como resultado da declaración da Haia,
cunhas formulacións que foron cualificadas de prematuras e excesivas, pero
que presentan o paradoxo de servir de base ó futuro Plan Delors.
O informe Werner propón, ademais dunha unión monetaria, un reforzo
progresivo da coordinación das políticas económicas dos países
da Comunidade e a creación dun órgano comunitario encargado de supervisalas.
As decisións de importancia macroeconómica debían ser consultadas
ó resto de países.
O
carácter prematuro do plan Werner pode demostrarse, en certa medida, ademais
de polo seu fracaso, polas dificultades reais que sobreviñeron á
construcción monetaria europea en décadas posteriores. En 1969,
data de elaboración, todas as moedas europeas fluctuaban, fronte ó
dólar, dentro das bandas de +-1%, exclusivamente arredor das paridades
en verdade axustables, pero permanentemente fixas na práctica. A mobilidade,
aínda limitada, dos capitais entre os países europeos non tiña
nada que ver coa actual. De feito o paso a tipos irrevogables parece máis
realista nesas datas que nas actuais. As crises monetarias de 1971 e 1972 son
as que marcan o final do sistema de Bretton Woods e escoran o Plan Werner.
O Plan Delors, formulado vinte anos máis tarde, recolle moitas das formulacións
do Plan Werner, entre eles destacan:
-
a definición precisa do obxectivo que se vai acadar: convertibilidade das
moedas, mobilidade de capitais e tipos de cambio irrevogables. -
consecución dunha unión económica
e monetaria por etapas sucesivas. -
aumento progresivo da disciplina de cambio entre os países membros. -
creación dun sistema europeo de bancos
centrais. -
converxencia
dos resultados macroeconómicos dos países.
A
Serpe Monetaria Europea.
En decembro de 1971 prodúcese o acordo
do Smithsonian Institute sobre o Sistema Monetario Internacional, as marxes de
fluctuación entre o dólar e o resto das moedas foron ampliados a
+-2,25%, o que en realidade supoñía unha marxe de fluctuación
moi ampla para dúas moedas europeas. Este feito motivou a creación
do sistema europeo de cambio, máis coñecido como a Serpe Monetaria
Europea: as marxes de fluctuación entre a moeda europea máis forte
e a máis débil non podía superar o 2,25%. O 3 de abril de
1973 creouse o FECOM cun obxectivo que era dirixir as operacións relacionadas
coa "Serpe". A Serpe sobreviviu algún tempo preservando un mínimo
de orde monetaria en Europa. A crise do petróleo de 1972 e 1973 e as reaccións
diverxentes dos Estados membros en materia de política económica
fixeron imposible para varios países respectar as marxes de fluctuación
(de feito o franco francés, a libra esterlina e a lira abandonaron a Serpe
Monetaria). O obxectivo da unión monetaria abandonouse por moito tempo. O
Sistema Monetario Europeo. A
década dos setenta foi unha época de retroceso xeralizado da disciplina
en materia de cambios no mundo. Durante 1978 os países europeos decidiron
crear unha zona de estabilidade monetaria. En concreto, no Consello Europeo de
Bremen, celebrado os días 6 e 7 de xullo de 1978, as máis altas
autoridades europeas decidiron crear un sistema monetario europeo. O Consello
Europeo reunido en Bruxelas o 5 de decembro de 1978 adopta unha resolución
na que se anuncian as disposicións tocante ó establecemento do SME
a partir do 1 de xaneiro de 1979. A proposta tomou forma en marzo de 1979 coa
entrada en funcións do Sistema Monetario Europeo, que logo duns difíciles
comezos sentou as bases para a existencia duns tipos de cambio máis estables
e dunhas políticas económicas e monetarias máis competentes.
O SME componse de catro elementos:
o ecu; o mecanismo de cambio e intervención; os mecanismos de apoio e de
crédito; e o Fondo Europeo de Cooperación Monetaria
- O ecu.
O ecu, unidade de conta europea,
é a unidade de medida de todas as operacións do SME. Defínese
como unha cesta de moedas, xa que o seu valor é igual á suma de
cantidades fixas de cada moeda comunitaria, calculadas por referencia á
importancia económica de cada país. As moedas
dos Estados membros da UE que o eran antes do TUE, entran na composición
do ecu. Desde a creación do ecu, a composición da cesta foi modificada
en diferentes ocasións, a previsión era que se realizase cada cinco
anos, para ter en conta a evolución das distintas moedas, con base a tres
criterios: 1) participación no volume de negocio comunitario; 2) o PIB;
e 3) a cota no FECOM. A partir da entrada en vigor do TUE a composición
do ecu non se modifica, aínda que si varía o peso relativo de cada
moeda debido a que as súas cotizacións fluctúan constantemente
no mercado de divisas. Desde o 21.09.1989, as porcentaxes respectivas das moedas
nacionais na composición do ecu quedaron fixadas do seguinte modo (reflectíndose
paralelamente o seu valor medio durante o mes de xaneiro de 1998):
Moeda
| Porcentaxe
| Valor
medio xaneiro/98 |
| Marco alemán | 30,10% | 1.975810
DM | | Franco francés | 19,00% | 6.616820
FF | | Libra esterlina | 13,00% | 0.665059
UKL | | Lira italiana | 10,15% | 1944.670
LIT | | Franco belga/Lux. | 07,90% | 40.75970
BLF | | Florín holandés | 09,40% | 2.226630
HFL | | Peseta española | 05,30% | 167.4740
PTA | | Coroa danesa | 02,45% | 7.525520
DRK | | Libra irlandesa | 01,10% | 0.786808
IRL | | Escudo portugués | 00,80% | 202.1060
ESC | | Dracma grego | 00,60% | 312.3250
DRA | |
De acordo co art. 109 G do TUE, a composición
do ecu non pode ser modificada, tratando de establecer unha garantía para
a estabilidade da moeda europea: se unha das moedas que o compoñen se desvalorizase
non conlevaría unha depreciación do ecu, pois o importe permanece
invariable, diminuíndo unicamente a parte porcentual da moeda correspondente
na cesta. De forma paralela ó ecu oficial, utilizado
no marco do SME e para o presuposto da Comunidade, desenvolveuse unha importante
esfera de actuación do ecu privado desde 1979, cando algúns bancos
belgas abriron ás institucións europeas, tralo previo pedimento
destas, contas á vista e a prazo en ecus. A verdadeira expansión
do ecu privado data da creación dun sistema de compensación entre
os grandes bancos en 1982. Desde entón, todos os Estados membros recoñeceron
xuridicamente ó ecu como unha moeda estranxeira. Así mesmo, o mercado
interior do ecu coñeceu unha grande auxe desenvolvéndose un mercado
a moi longo prazo, proba da confianza dos investidores no futuro da moeda única
europea. As funcións esenciais do ecu eran:
- ser o denominador (numerario) no mecanismo de cambio
- ser
a base sobre a que se establece un indicador de diverxencias
- ser
o denominador para as operacións tanto no mecanismo de intervención
como no mecanismo de crédito
- ser o medio de pagamento
entre as autoridades monetarias na CEE. cambio
O mecanismo
de cambio e intervención. O SME introduce un mecanismo
de cambios entre as moedas do sistema que nel participen coa obriga de limitar
as fluctuacións dentro dunhas marxes prefixadas. Para
as moedas participantes, as marxes de fluctuación autorizadas dentro do
mecanismo de cambios do SME é do +-2,25% (6% para a peseta e a libra esterlina)
-na actualidade a marxe é do +-15%- en relación coa cotización
do tipo de referencia fixado en ecus por decisión do Consello de Ministros
da Comunidade e que só pode ser modificada de mutuo acordo. Este é
un dos aspectos esenciais do SME: o patrón de referencia das moedas da
Comunidade non é exterior (ouro, dólar, ien, etc.) senón
interior ó sistema. A evolución das moedas do SME entre elas, está
ligada á evolución das economías do SME. Para
corrixir as previsibles desviacións que poñan en perigo o cumprimento
destes compromisos (cotizacións máximas e mínimas), os bancos
centrais teñen a obriga de intervir cos medios ó seu dispor nos
mercados de cambio co fin de garantir o mantemento dos tipos dentro desa banda
de fluctuación, dispoñendo dun dereito automático para recibir
financiamento en contía limitada dos demais bancos centrais. Os
mecanismos de apoio e de crédito. Para facilitar a xestión
do mecanismo de cambio e o financiamento de déficits das balanzas de pagamento
existen tres mecanismos de crédito: - Financiamento a
moi curto prazo (FMCP): o seu obxectivo é financiar as intervencións
obrigatorias en moedas comunitarias. Consiste nunha liña de crédito
de importe e duración (un mes, 45 días, prorrogables por tres meses)
limitados que se abren reciprocamente, nas súas moedas, os bancos centrais
que están participando no mecanismo de cambio.
- Apoio
monetario a curto prazo: trátase dun crédito recíproco entre
os bancos centrais da Comunidade; a súa contía tamén é
limitada así como o seu prazo (tres meses prorrogables ata nove meses).
- Colaboración
financeira a medio prazo: trátase dun crédito recíproco que
poden concederse ós Estados da Comunidade por un prazo de entre dous e
cinco anos.
O Fondo Europeo de Cooperación Monetaria
(FECOM). Creado o 3 de abril de 1973, o FECOM (cun obxectivo
inicial que era contribuír á realización da UEM por etapas)
representou un dos elementos fundamentais do SME ata a súa disolución
a comezos da segunda fase da UEM, na que se traspasan as súas funcións
e competencias ó Instituto Monetario Europeo. Dotado
de personalidade xurídica, era administrado por un Consello composto de
membros do Comité de Gobernadores dos Bancos Centrais e da Comisión.
A súa función consistía en facilitar as intervencións
nos mercados de divisas, efectuar as liquidacións entre os bancos centrais
e xestionar as facilidades crediticias a curto prazo que se conceden ós
bancos centrais emisores para poder facer fronte ás intervencións
necesarias en cada momento. Co SME, os bancos centrais quedaron
obrigados a poñer ó dispor do FECOM o 20% das súas reservas
en ouro e divisas. Como contrapartida a este depósito, o FECOM emitía
ecus que os países utilizaban para devolver as débedas contraídas
a moi curto prazo, co fin de soster a súa moeda. Esta posta ó dispor
realizábase baixo a forma de créditos cruzados (swaps) que se renovaban
cada tres meses. O
SME é, en definitiva, un sistema de cambios fixos pero axustables. As moedas
que participan nel están obrigadas a respectar as bandas de fluctuación
predefinidas arredor de paridades centrais. Estas paridades poden ser modificadas
ocasionalmente, aínda que só co acordo conxunto dos participantes
no marco dos chamados realiñamentos. Entre 1979 e 1989 efectuáronse
once realiñamentos. Igual
que na Serpe, a amplitude das marxes era, como se indicou, do +-2,25%, que se
ampliaron ó +-6% para aqueles países que desexasen impoñer
unha disciplina de cambio (como España, Italia, Reino Unido e Portugal),
pero sen poder respectar inmediatamente marxes estreitas, consideradas moi restrictivas.
Como consecuencia da crise do SME de 1992 e 1993, estas marxes foron ampliadas
a un +-15%. Iso débese á incoherencia existente entre liberalización
plena do comercio e, especialmente dos movementos de capital, e o mantemento da
autonomía nacional en política monetaria. Con frecuencia as autoridades
nacionais tratan de fixar tipos de interese que permitan, por exemplo, o control
da inflación e a estabilización da economía nacional, pero
poden fracasar pola chegada masiva de capitais e de mercadorías desde fóra,
sen que se poidan impoñer restriccións polos acordos acadados. Pénsese
que o Mercado Único Europeo foi relanzado en 1985 e consagrado na Acta
Única Europea de 1987, supoñendo un programa progresivo de eliminación
de obstáculos existentes á libre circulación de mercadorías,
servicios e capitais.
A principal
crítica dirixida ó SME foi a polarización que as políticas
monetarias, principalmente antiinflacionistas sufriron respecto da política
económica alemana e, máis concretamente, do Bundesbank. O marco
alemán converteuse na áncora do SME. Este protagonismo debeuse ó
peso do marco na composición do ecu e á tenacidade alemana no mantemento
dunha política antiinflacionista por riba de todo. E iso con independencia
de considerar que ó resto dos gobernos lles interesaba esta situación
para defender as súas políticas con gran resistencia social.
Esta asimetría do SME, que
inicialmente contribuíu ó seu éxito (de feito, a Comisión
Europea realiza un balance moi positivo do funcionamento do SME), provocou tamén
as súas grandes dificultades. A comezos dos noventa Europa sufriu un impacto
macroeconómico coa reunificación alemana. A situación tería
requirido unha nova avaliación do marco alemán e un certo distanciamento
entre a política monetaria de Alemaña e a dos seus socios europeos.
Alemaña aumentou os seus tipos de interese nun momento en que o resto de
países comezaban a entrar nunha recesión xeradora de paro. O rexeitamento
de certos países, como Francia, para aceptar un realiñamento, que
podía interpretarse como un abandono da política económica
seguida ata ese momento, abriría as portas das crises monetarias de 1992
e 1993.
Dous
factores conxugáronse para que o obxectivo da unión monetaria se
retome vinte anos despois do informe Werner. O primeiro deles radica no espacio
financeiro europeo posto en marcha a principios dos anos oitenta que con independencia
das experiencias obtidas do funcionamento do SME concluíuse a necesidade
dunha maior coordinación das políticas económicas (informe
Padoa-Schioppa de 1987). O segundo factor radica na dinámica que animaba
a Europa a mediados dos oitenta. En 1985 adoptárase o proxecto de creación
dun verdadeiro mercado interior, que coas disposicións do AUE debía
acadarse a fins de 1992. En
concreto, a Acta Única Europea (AUE), que entrou en vigor o 1 de xullo
de 1987, representa un notable impulso á formación do Mercado Interior
Único e unha nova aproximación á consecución da moeda
única.
A creación dun
mercado sen fronteiras e o estreitamento da interdependencia económica
sentaron as bases para unha maior coordinación das políticas económicas,
factor fundamental para o desenvolvemento dunha Unión Económica
e Monetaria (UEM).
Os obxectivos
da Acta Única Europea para a aproximación á Unión
Económica e Monetaria son:
-
O reforzamento da cohesión económica e social entre os Estados membros. -
A extensión da competencia comunitaria
ós ámbitos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico
e medio natural. -
A realización
do Mercado Único para o 31.12.1992. -
A confirmación do obxectivo da Unión Económica e Monetaria
(reafirmación do SME, desenvolvemento do ECU, competencia comunitaria no
ámbito da política social, etc.).
Neste contexto, no cumio de Hannover de xuño de 1988, os doce confiaron
a un comité de expertos, presididos por Jacques Delors, daquela presidente
da Comisión, a tarefa de estudiar e propoñer as etapas para levar
a cabo a UEM. O Comité de expertos formouse cos gobernadores dos bancos
centrais dos Estados membros da CE e por tres expertos independentes, entre os
que estaba o ex-ministro de economía español, Miguel Boyer (quen
curiosamente manifestou ata datas moi recentes a súa escasa confianza na
viabilidade da UEM). A decisión política de acadar a unión
monetaria estaba tomada de feito, esta comezara en 1990 coa consecución
do mercado interior, a libre circulación de capitais e converxencia económica.
O Plan presentado por Delors o 13
de abril de 1989 segue as pautas marcadas polo Plan Werner. A presentación
marcou a aparición de controversias sobre os modelos que se van seguir
cara á unificación. O Plan debateuse os días 26 e 27 de xuño
de 1989 na capital de España, coa decisión final de ir progresivamente
á unión monetaria e impulsar a preparación dunha conferencia
intergobernamental sobre a unión monetaria ó longo de 1990. Esta
tivo lugar en decembro de 1990 e, nela deuse luz verde ós traballos que
desembocaron na negociación e posterior aprobación do Tratado da
Unión Europea.
En canto ás
controversias suscitadas no cumio de Madrid pode indicarse que, por un lado, provocouse
o enfoque de "terapia de choque". A unificación monetaria debía
realizarse nun curto período de tempo, por sorpresa.
Por outro, conforme a Delors, o enfoque progresivo e cooperativo. A unión
conseguiriase en diversas etapas nas que a disciplina e coordinación monetaria,
así como a presupostaria van aumentando progresivamente.
Por último, presentouse a proposta británica, o chamado Plan Lawson-ministro
de economía británico- que suxería deixar circular libremente
en toda a Comunidade as moedas dos países membros. Os axentes económicos
ou, o que é o mesmo, o mercado designaría, ó final, a mellor
moeda europea. Esta proposta completouse polo plan Major, que propoñía
que o Fondo Monetario Europeo puxera en circulación un ecu reforzado, que
iría substituíndo progresivamente ás moedas nacionais. O
único que subsiste do plan Major é a idea do reforzo do ecu: desde
1992 a composición do ecu conxelouse, o que levou a que as moedas fortes
aumentaran o seu peso co paso do tempo.
Deuse un paso máis no Consello Europeo de Dublín do 25 e 26 de xuño
de 1990, ó fixarse para o seguinte 14 de decembro o comezo da Conferencia
Intergobernamental sobre a UEM, dispoñéndose que un día despois
se iniciaría a tocante á Unión Política.
Segundo as previsións, cumpríronse os prazos inicialmente previstos
para a UEM, e en menos dun ano, o 11 de decembro de 1991, concluíase a
dobre Conferencia Intergobernamental, coa redacción dos artigos do Tratado
de Maastricht, que unha vez incorporados ó texto básico deron lugar
ó Tratado da Unión Europea.
Tratado
adoptado no cumio de Maastricht, o 7 de febreiro de 1992, asume, finalmente, o
procedemento cooperativo e progresivo para a UEM. Non obstante, dous países,
o Reino Unido e Dinamarca obtiveron o beneficio dunha cláusula de excepción.
O Tratado de Maastricht consagra o
proceso de consecución da moeda única europea seguindo o modelo
propugnado por Delors, xa que as modificacións introducidas referíanse
fundamentalmente á concepción da segunda fase, que se iniciaría
dous anos máis tarde do naquel establecido e sen cesión de competencias
ó SEBC. Para iso proponse a creación de novas institucións,
sendo a principal delas o Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC) co Banco Central
Europeo. Así mesmo, o Tratado prevé un calendario preciso para acadar
o obxectivo en tres fases. Sen embargo, a entrada definitiva na unión monetaria
dependerá do cumprimento por parte dos Estados membros dos criterios de
converxencia. De maneira esquemática podemos indicar a formulación
da UEM no Tratado:
-
27 artigos
(do 102A ó 109M integrantes do Título VI) -
7 Protocolos: -
Estatutos
do SEBC e do BCE (núm. 3) -
Estatutos do Instituto Monetario Europeo (núm. 4). -
Procedemento aplicable en caso de déficit
excesivo (núm. 5) -
Criterios de converxencia (núm. 6) -
Condicións para a transición á terceira fase da UEM (núm.
10) -
Estatuto opting out
para Gran Bretaña e Dinamarca (núm. 11 e 12) Como
se indicou, a primeira etapa da marcha cara a unión monetaria iníciase
en 1990, antes da ratificación do Tratado de Maastricht. Esta etapa caracterízase
pola liberalización completa dos movementos de capitais e, nun sentido
máis xeral, polo logro do mercado único, e por un reforzo da coordinación
e control multilateral das políticas económicas (os Estados comprometíanse
a presentar "programas de converxencia" destinados a aproximar e mellorar os seus
resultados económicos). O paso
á segunda etapa efectúase o 1 de xaneiro de 1994. O art. 109 E do
Tratado indica a súa duración de 1994 a 1997. O IME entra en funcionamento
desde entón ó tempo que os países membros se someten a dous
tipos de medidas novas:
A primeira
delas está relacionada coa independencia dos bancos centrais con respecto
ós poderes políticos e a prohibición do financiamento dos
déficits públicos.
A
segunda ten que ver coa converxencia económica. Os Estados deben esforzarse
en respectar os diferentes criterios de converxencia. O control destes criterios
corría a cargo da Comisión e do IME. O Instituto Monetario Europeo
entrou en funcionamento o 1 de xaneiro de 1994 substituíndo ó Comité
de Gobernadores dos Bancos Centrais da CE e do FECOM.
A terceira fase iniciase coa fixación irrevogable dos tipos de cambio entre
as moedas dos países implicados. O 1 de xaneiro de 1999 o SEBC sucede ó
IME e o euro convértese xuridicamente na única moeda da Unión.
A
crise do Sistema Monetario Europeo. A
crise que experimentou o SME entre o verán de 1992 e o verán de
1993 aparece como moi espectacular xa que se produce despois dun longo período
de funcionamento relativamente harmonioso do sistema. Este non requirira ningún
realiñamento verdadeiro desde 1987; a modificación do tipo de pivote
da lira en 1990 non tivera outra finalidade que a de permitir á moeda italiana
pasar das bandas amplas de fluctuación (+- 6%) ás bandas consideradas
como normais (+-2,25%). Paralelamente, a libra esterlina, a peseta e o escudo
incorporáranse ó mecanismo de cambios, deixando, en abril de 1992,
só ó dracma grego en situación de flotación. Así
mesmo, o SME parecía terse adaptado á mobilidade crecente de capitais
en Europa, a pesar da falta dunha verdadeira coordinación das políticas
monetarias. É neste contexto no que sobrevirán, en xuño de
1992, as primeiras tensións.
Aínda que pode que non supuxera máis que efecto catalizador, o resultado
negativo do referendo danés, o 2 de xuño de 1992, para ratificar
o Tratado de Maastricht, considérase a miúdo como o punto de partida
da crise do SME. O non danés interpretouse polos mercados como o primeiro
signo de debilidade da proposta da futura UEM. A unión víase como
algo asequible. A reunificación alemana, co impacto macroeconómico
conseguinte para o dito país, dado que houbo que destinar miles de millóns
de marcos á antiga Alemaña do Leste, produciu unha demanda interior
espectacularmente alta da súa moeda. Dado que a avaliación do marco
non se producía sen que o resto de moedas fosen atacadas, todos parecían
admitir que Europa funcionaba como unha unión monetaria de feito. Sen embargo,
cando o Bundesbank aumentou, en xullo de 1992, os seus tipos de interese, en resposta
á persistencia das tensións inflacionistas, púxose de manifesto
que a converxencia entre as economías europeas non era tan pronunciada
como se pensaba. Naqueles momentos economías como a de Francia, Reino Unido
e Italia facían fronte a un crecemento débil e aumento do desemprego.
A lira e a libra foron as primeiras moedas en soportar movementos especulativos
no seo do SME.
A sucesión de
acontecementos non é máis que unha longa lista de renunciamentos
por parte das autoridades monetarias e políticas para afrontar verdadeiras
ondadas especulativas. Italia foi o primeiro país en aceptar, o 13 de setembro,
unha desvalorización da súa moeda, pero a súa amplitude (o
7%) considerouse insuficiente. O Bundesbank fixo o esforzo de baixar simultaneamente
os seus tipos directores, aínda que moi debilmente ós ollos dos
mercados. Estes últimos parecían convencidos de que chegara a hora
dos realiñamentos.
Baixo a
presión da especulación, a lira e a libra renunciaron o 16 de setembro
á súa participación no SME, mentres que a peseta era desvalorizada.
A moi débil maioría favorable ó Tratado de Maastricht posta
de manifesto no referendo francés do 20 de setembro contribuíu moi
pouco a asegurar o futuro da UEM. O SME sobreviviu a 1992 gracias á drástica
intervención do Banco de Francia e un endurecemento do control de cambios
en Irlanda, Portugal e España, máis unha desvalorización
da peseta (a segunda) e do escudo.
O ano 1993 comezou cunha desvalorización da libra irlandesa (30 de xaneiro),
mentres que varios países persistían en manter os seus tipos de
interese en niveis moi elevados a pesar da coxuntura moi desfavorable. O 18 de
maio a peseta e o escudo foron novamente desvalorizados a as tentativas francesas
para reducir os tipos de referencia do Banco de Francia tropezaron co nivel base
constituído polos tipos alemáns. En xullo, un novo xermolo especulativo
trae consigo a ampliación das marxes do SME do +-2,25 ó +-15%. Esta
medida contribuíu a mitigar a especulación pero a Europa monetaria
sufrira unha crise espectacular. O réxime de cambios do SME máis
que fixos parecían próximos a unha flotación controlada.
O 12 de outubro de 1993 Alemaña ratifica o Tratado de Maastricht por escasa
marxe.
As crises do SME teñen
difícil explicación. Alégase a caída do muro de Berlín
en 1989 e a unificación alemana de 1990, a caída do "telón"
de aceiro, a perda de competitividade de Italia e Reino Unido con índices
de inflación superiores ós dos seus socios, a relaxación
da política monetaria, etc. Non existe acordo sobre as causas, o que si
parece que queda claro é que nun contorno de alta mobilidade de capitais,
resulta practicamente imposible a viabilidade dun réxime de cambios fixos
sen unha verdadeira coordinación monetaria.
No
avance cara a UEM, e a partir das disposicións do Tratado de Maastricht,
o Consello Europeo celebrado en Madrid en decembro de 1995 adoptou as prescricións
definitivas para a terceira fase da UEM (o que se coñece como o calendario
de Madrid) coas súas tres etapas sucesivas -A, B e C- que cobren desde
o 1 de xaneiro de 1998 ó 30 de xuño de 2002. No Consello de Madrid
tamén se acordou, a iniciativa de Alemaña, o cambio de denominación
da moeda común, pasando a denominarse euro no lugar de ecu.
Consellos
Europeos de Florencia e Dublín
O Consello Europeo volveu confirmar en Florencia, en xuño de 1996, que
a terceira fase da UEM comezaría o 1 de xaneiro de 1999, tal e como se
acordou no Consello Europeo de Madrid. Con relación á UEM adoptáronse
os seguintes acordos: -
Confirmación do inicio da terceira fase o 1 de xaneiro de 1999. -
Realización dos traballos preparatorios
para a creación dun Mecanismo de Tipos de Cambio 2 (MTC2 ou SME2), que
regule as relacións entre o euro e as moedas dos Estados membros da UE
que non participen na UEM. -
Realización dos traballos preparatorios sobre a estabilidade presupostaria
na terceira fase. O Consello Europeo
celebrado en decembro de 1996 en Dublín aclara que a terceira fase non
podería comezar antes do 1 de xaneiro de 1999 dado que é necesaria
unha maior converxencia entre os países europeos. Con relación á
UEM acadáronse acordos non definitivos sobre: -
A nova estructura do Mecanismo de Tipos de Cambio-2. -
O detalle do proxecto de Regulamento sobre o réxime legal do euro en dous
regulamentos: -
Regulamento
sobre determinadas disposicións tocante á introducción do
euro. -
Regulamento sobre
a introducción do euro. -
Os principios e principais elementos do Pacto de Estabilidade e Crecemento. -
Ínstase a intensificar os preparativos
da UEM para o seu inicio o 1.01.1999. -
Fíxase que a avaliación respecto do nivel de cumprimento dos criterios
de converxencia polos Estados membros efectuarase o antes que sexa posible no
ano 1998. Tamén en decembro
de 1996, o IME decide os marcos reguladores, organizativo e loxístico,
do Banco Central Europeo e do Sistema Europeo de Bancos Centrais, preparándose
a lexislación tocante á introducción da moeda única.
O cumio celebrado en Amsterdam o 16 e 17 de xuño de 1997 tiña como
un dos seus obxectivos dar credibilidade ó euro aprobando o chamado pacto
de estabilidade e crecemento. Este pacto era previsible con base ó art.
104 C.2 do Tratado de Maastricht, e foi inicialmente proposto polos alemáns,
producíndose a partir desta proposta longas negociacións, ata que
por fin, os ministros de Economía e os xefes de Goberno dos quince puxéronse
de acordo en Dublín o sábado 14 de decembro de 1996, comprometéndose
a non tolerar un déficit maior do 3% do PIB.
En datas previas ó cumio, Francia e Alemaña puxeron en perigo o
acordo precedente. Por un lado, os alemáns sostiñan o cumprimento
inflexible do 3% do déficit respecto ó PIB; o ministro de Finanzas
alemán, Teo Waigel, chegou incluso a afirmar que se non se asinaba o pacto
de estabilidade, é dicir, un plan polo que os países do euro debían
manterse dentro dun axuste presupostario permanente baixo pena de sanción,
Alemaña non entraría na moeda única.
Convén aclarar que a postura alemana derivaba das frustracións sufridas
en Maastricht na que ningunha das súas propostas para unha maior integración
política ou un maior protagonismo do Parlamento Europeo foron aceptadas.
Da ambiciosa visión do chanceler Helmut Kohl, unha Europa unida, quedou
en só unha unión monetaria. En 1992, cando se asinou o Tratado de
Maastricht, xa podía preverse que Alemaña tería dificultades
co seu déficit e débeda pública. Por decisións
políticas tanto o Goberno como o Parlamento decidiran que o financiamento
cara a ex-RDA viría por vía da débeda pública. En
principio, este feito debía dificultar a converxencia descrita en Maastricht
pero dadas as favorables perspectivas económicas non se considerou conveniente
informar á opinión pública alemana sobre estes detalles.
Sen embargo, a crise de principios dos noventa rematou chegando a Europa e con
ela a opinión pública alemana comezou a desconfiar da nova moeda.
A única maneira de dar confianza era a de manter a inflexibilidade no cumprimento
dos criterios económicos e soster que Alemaña non faría concesións
presupostarias para capítulos sociais.
Pola súa parte, os franceses, liderados por Lionel Jospin, afrontaban o
cumio baixo o lema "construír Europa sen destruír Francia", este
contrario ó Pacto, pensaba que para que fose aceptable a construcción
dunha Europa económica debía acompañarse dunha Europa social.
Hai que ter presente que nas semanas anteriores ó cumio de Amsterdam
o resultado das eleccións francesas e a demanda do novo primeiro ministro
francés de ter unha Unión Europea máis próxima ós
intereses dos cidadáns, especialmente referido ó emprego, engadiu
dúbidas sobre o Pacto de Estabilidade e sobre o proxecto europeo en si
mesmo. Para os mercados financeiros era inviable unha moeda europea sen que participasen
Francia e Alemaña.
En
Amsterdam acéptase o Pacto de Estabilidade e Crecemento acordado no cumio
de Dublín en canto ás regras de límite de déficit
excesivo na terceira fase da UEM e recóllese o obxectivo de enfatizar na
promoción de emprego nun capítulo específico.
O Tratado de Amsterdam recolle a prioridade de aproximar a Unión Europea
á preocupación dos cidadáns europeos, chegando a acordos
sobre temas como a seguridade, o emprego, a política exterior, a defensa,
e a lexitimidade das institucións europeas.
Este
Tratado contén catro obxectivos básicos: -
facer do emprego e dos dereitos dos cidadáns o eixe da Unión; -
suprimir os últimos obstáculos
á libre circulación e reforzar a seguridade; -
facer que a voz de Europa transcenda mellor
ó mundo; e -
facer
máis eficaz o armazón institucional da Unión co obxectivo
da próxima ampliación. En
canto ás actuacións sobre o emprego, se ben o Tratado recoñece
que son os Estados Membros os que teñen a responsabilidade principal, tamén
proclama a necesidade de consensuar uns obxectivos comúns a nivel europeo
en materia de emprego. Concretamente, co Tratado de Amsterdam, os gobernos de
cada Estado comprométense a orientar as súas políticas de
emprego en consonancia coa política económica da Comunidade, a promover
unha man de obra cualificada capaz de adaptarse ós cambios económicos,
e a crear un sistema de vixilancia multilateral das políticas nacionais.
Outro aspecto a desenvolver en canto á política social é
a de compaxinar a flexibilidade do mercado laboral coa seguridade do emprego.
Respecto do obxectivo de suprimir
os últimos obstáculos á libre circulación e reforzar
os medios para garantir a seguridade, co Tratado de Amsterdam os asuntos de xustiza
e interior sométense ás regras comunitarias. Ademais o espacio de
Schengen intégrase na Unión, xa creado en 1990 por Alemaña,
Francia e os países do Benelux, co obxecto de suprimir os controis fronteirizos
nas estradas e os aeroportos.
O novo
Tratado propón actuar unidos para transmitir cunha soa voz a sensibilidade
de Europa ante determinados acontecementos internacionais. Para iso propón
máis medios para defender os intereses económicos da Unión
nos mercados novos como a propiedade intelectual e os servicios, propón
fixar marcos estratéxicos comúns en materia de política exterior
e de seguridade. Ademais créase unha célula de especialistas co
fin de vixiar o desenvolvemento de determinados acontecementos internacionais
e os seus posibles efectos sobre a Unión, facilitando ó Consello
a adopción rápida de decisións. Por último, propón
afondar na creación dunha identidade europea de seguridade e de defensa.
Finalmente, este Tratado propón
adaptar as estructuras institucionais europeas para mellorar o seu funcionamento
ante a futura ampliación; así, en materia de lexislación
o Parlamento e o Consello pasan a decidir conxuntamente situando a ámbolos
dous en igualdade de condicións. Ademais, en previsión
da próxima ampliación, o Consello estende a posibilidade de adoptar
decisións por maioría cualificada a novos ámbitos de actuación
pública. Tamén, aléntase unha maior participación
dos parlamentos nacionais nos asuntos da Unión. Por outro lado, inclúese
a noción de avance a distintas velocidades, o chamado principio de flexibilidade
refiríndose á posibilidade de que un certo número de Estados
Membros coopere en ámbitos específicos dentro do marco institucional
da Unión. Por último, prevese un cambio no peso relativo dos estados
membros nas distintas institucións co fin de facilitar o funcionamento
da engranaxe institucional europea.
En detalle, con relación á UEM en Amsterdam adoptáronse os
seguintes acordos:
-
Resolución
pola que se establece o firme compromiso dos Estados membros coa execución
do Pacto de Estabilidade e Crecemento. -
Acordo sobre os dous Regulamentos que fixan un marco de vixilancia multilateral,
con obrigas para todos os Estados da UE, incluso os que non participan na área
do euro. -
Resolución
sobre os principios e elementos fundamentais do novo Mecanismo de Tipos de Cambio
(MTC2). -
Acordo completo
cos dous regulamentos que constitúen o marco xurídico do euro. -
Respaldo á elección do deseño
das moedas fraccionarias do euro.
Os
tres días de maio (o cumio de Bruxelas)
No Consello Europeo celebrado
en Bruxelas os días 1 a 3 de maio decídese que países ían
formar parte inicialmente da unión monetaria:
| Alemaña | Austria | Bélxica | España | Finlandia | Francia |
| Holanda | Irlanda | Italia | Luxemburgo | Portugal | |
Quedan inicialmente
fóra: Dinamarca, Gran Bretaña, Grecia e Suecia
O Consello Europeo recomenda os nomeamentos de:
Win
DUISEMBERGER, presidente do BCE por unha duración de oito anos. Christian
NOYER, vicepresidente por unha duración de catro anos. Otmar
ISSING (alemán, duración oito anos), Tommaso
PADOA SCHIOPPA (italiano, duración 5 anos), Eugenio
DOMINGO SOLANS (español, duración 6 anos) e, Sirkka
HÄMÄLÄIEN (finlandesa, duración 5 anos), membros do comité
directivo. Estes nomeamentos sométense
á decisión dos gobernos dos Estados membros a nivel dos xefes de
Estado ou de goberno dos países partícipes na UEM, trala previa
consulta ó Parlamento Europeo e ó Consello do IME.
No ECOFIN previo a este Consello Europeo fíxanse as paridades bilaterais
das moedas partícipes, que se utilizarán, no seu día, para
a fixación das taxas de conversión irrevogables destas moedas na
UEM respecto do EURO.
Adóptanse
por unanimidade a regulación da denominación e das especificacións
técnicas das moedas do euro.
Reafírmase o compromiso dos gobernos na estabilidade e o saneamento das
finanzas públicas e de reforzamento dos mecanismos de vixilancia sobre
os presupostos nacionais e sobre a coordinación das políticas económicas.
O Consello da Unión Europea
na súa reunión do 31 de decembro de 1998 aproba de forma definitiva
os tipos de conversión entre o euro e as distintas moedas nacionais dos
Estados membros participantes da Unión Monetaria. Este acordo, que se reflicte
no Regulamento núm. 2866/98, publicado no Diario Oficial das CE, serie
L núm. 359 de 31 de decembro, é o seguinte:
- 1 EUR= 40.3399 BEF
- 1.95583 DEM
166.386 ESP 6.55957 FRF .787564 IEP 1936.27 ITL 40.3399 LUF
2.20371 NLG 13.7603 ATS 200.482 PTE 5.94573 FIM
Por decisión do Consello do 19 de xuño
de 2000 (publicada no DOCE serie L, núm. 167 de 7 de xullo), Grecia forma
parte da UEM dende o 1 de xaneiro do 2001, e a súa moeda, a dracma, ten
a equivalencia de 1 EUR = 340.750 GRD.
Actualmente España
está plenamente integrada na Unión Europea e participa como membro
fundador da unión económica e monetaria. Pero esta situación
que parece normal, non foi precisamente a norma ó longo da nosa historia
económica. A norma, polo contrario, foi o distanciamento entre a evolución
do noso país e os países do noso contorno, dos que, en xeral, nos
mantiñamos aillados. Por un tortuoso e lento camiño transitouse
do aillamento secular á plena integración.
En 1808, durante a guerra de Independencia, acuñou José Bonaparte
a primeira peseta.
Ata a primeira
metade do século XIX existían en España moedas de épocas
e sistemas diferentes: convivían moedas da época romana como o sesteiro
con reais, onzas, duros, pesos, marabedís e pesetas.
En 1868, en concreto o 19 de outubro, o xeneral Serrano promulga un decreto de
reforma polo que a peseta se convertía en moeda oficial e única
nos territorios españois, coa mesma lei e peso que o franco francés.
A peseta dividíase en 100 céntimos (de 10, 5, 2 e 1) e moedas de
prata de 5 pesetas (tamén chamado duro). No deseño destas
moedas intervén como responsable gravador da Casa da Moeda o italiano Luis
Marchioni.
En 1874 retírase
o privilexio de emisión de moeda ós bancos privados. Con Alfonso
XII aparecen as moedas de 5 e 10 céntimos coñecidas como patacos.
Durante o século XIX e primeiro
tercio do século XX, España non puido adherirse ó patrón
ouro, aceptado entón como sistema monetario internacional polos países
relevantes da época. A tardía incorporación española
ós movementos europeos de modernización económica coincide
coa quebra ferroviaria de 1866 que provoca unha grave crise económica no
noso país. Rematada a
guerra civil, era impensable que o noso país (aillado por razóns
políticas da toma de decisións a nivel internacional, quedou á
marxe das reunións internacionais das que naceron a cooperación
económica no ámbito mundial e europeo) participase nas tarefas de
cooperación internacional, sen realizar un cambio profundo tanto nas súas
políticas como nas súas condicións económicas de aillamento,
caracterizadas pola inflación (como procedemento para financiar o desenvolvemento),
a protección (como método para manter a nosa producción á
marxe da competencia internacional) e un forte intervencionismo estatal.
A mediados dos cincuenta, o apoio
arxentino con Perón e os sucesivos convenios cos EUA mantiveron a economía
nacional, pero non paliaron a continuada perda das reservas internacionais. O
modelo autárquico estaba definitivamente esgotado.
A
necesidade de estabilizar a economía e liberalizala buscando a eficacia
nun mellor funcionamento dos mercados, rompendo co aillamento, produciuse a fins
dos cincuenta. Un lustro despois dos convenios cos EUA, de 1953, iniciáronse
procesos de cambio, aínda que con moitas trabas de carácter político,
xa que se pensaba que unha apertura económica podería conducir cara
unha inevitable liberalización política. O movemento liberalizador
viña empurrado polo comezo do turismo e a afluencia de recursos provenientes
da emigración. Iníciase nestes anos unha etapa de tecnocracia e
crecemento económico orientada a limitar o gasto público, liberalizar
o comercio exterior, ordenar a banca e favorecer os investimentos estranxeiros.
En 1959 aprobouse o Plan de estabilización
e de liberalización co respaldo do Fondo Monetario e da OECE (organización
europea de cooperación económica). É nestes anos cando se
produce a progresiva incorporación española ós organismos
internacionais:
1955:
incorporación á ONU. 1958:
incorporación ó Fondo Monetario Internacional e ó Banco Mundial.
1959, incorporación á OECE,
precedente da OCDE (organización de cooperación e desenvolvemento
económico). 1963: incorporación
ó GATT, precedente da recente OMC. A
tarefa de integración europea foi máis complicada. Co grave atranco
da homologación política, o achegamento español á
CEE prodúcese máis por necesidade que por vontade real: os avances
experimentados en política agrícola na Europa dos seis poñían
en perigo as exportacións españolas e, ademais, a solicitude de
ingreso do Reino Unido podía agravar o aillamento español. A primeira
tentativa de achegamento serio prodúcese o 9 de febreiro de 1962 coa solicitude
formal "da apertura de negociacións con obxecto de examinar a posibilidade
de vinculación do meu país coa CEE" realizada polo daquela ministro
de AAEE Fernando María Castiella. A solicitude gardouse no caixón
de arquivos. En 1964 insístese de novo no tema.
Entre 1964 e 1965 propúxoselle ó goberno español por parte
de Bruxelas un acordo comercial que se rexeitou. En 1967, cinco anos despois da
primeira solicitude, comezou unha verdadeira negociación. En 1970, en Luxemburgo,
asínase un "acordo preferente" con indubidables vantaxes para España,
que sen embargo pouco difería dos asinados pola Comunidade con Túnez,
Marrocos ou Israel. Este feito presentouse á opinión pública
española como un primeiro paso no proceso de aceptación do noso
país no círculo europeo.
A transición á democracia é punto de partida clave para o
achegamento en serio do noso país á CEE. Despois de sete anos de
negociacións, aínda que realmente serias foron catro de 1982 a 1985,
o 12 de xuño de 1985 asínase o Tratado de Adhesión. España
incorporábase á Comunidade como membro de pleno dereito o 1 de xaneiro
de 1986, é dicir, con 29 anos de atraso. Desde esa data, España
participa activamente no movemento europeísta.
En xuño de 1989, España entra a participar no mecanismo de cambios
do Sistema Monetario Europeo (cunha marxe de fluctuación dun +-6%), con
dez anos de atraso. Ata esa data, a peseta fluctuaba libremente. En 1992 prodúcese
a convulsión monetaria en Europa, que provoca sucesivas desvalorizacións
da peseta.
En 1995 inícianse
os plans de axuste económico para tratar de incorporar ó noso país
na Unión Económica Monetaria.
En 1997, nun período de certo optimismo monetario, créase por Real
decreto 363/97 a Comisión Interministerial para a Coordinación de
Actividades de Introducción do Euro, desempeñando a Presidencia
o Ministro de Economía e Facenda e a Secretaría o Director Xeral
do Tesouro e Política Financeira. En decembro dese mesmo ano apróbase
o Plan Nacional de Transición ó Euro.
En maio de 1998, no Cumio Europeo de Bruxelas, dáse a conformidade para
que España entre a formar parte da Unión Monetaria o 1 de xaneiro
de 1999.
O 31 de decembro de
1998 determínase que a nova moeda europea, o euro, equivalla a 166,386
pesetas
Como se indicou,
hoxe en día a nosa economía está plenamente integrada. España
forma parte de todos os organismos económicos internacionais, incluída
a UE e a UEM. Pero, como quedou reflectido, non sempre foi así e o camiño
non sempre foi fácil. Porque a adaptación necesaria para incorporarse
á comunidade internacional e para cumprir as esixencias comunitarias, debeu
facerse no marco dunha economía internacional, sometida a cambios profundos
e rápidos como consecuencia dos avances do proceso de globalización,
ó que ninguén hoxe pode subtraerse.
Os
pasos previos á Unión Monetaria en datas
18.04.1951. Asínase o Tratado de París polo
que se constitúe a CECA (Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro)
integrada por seis países: Francia, Alemaña, Bélxica, Holanda,
Luxemburgo e Italia. 25.03.1957. Asínanse
en Roma os Tratados constitutivos da CEE (Comunidade Económica Europea)
e CEEA (Comunidade Europea da Enerxía Atómica).
30.07.1962. Entra en vigor a política agraria común (PAC).
01.07.1967. Vixencia do Tratado de Fusión dos Executivos das tres Comunidades
Europeas, asinado en abril de 1965, polo que se constitúe un Consello e
unha Comisión únicas.
01.07.1968. Ponse en práctica a Unión Alfandegueira: as mercadorías
circulan na Comunidade Económica Europea sen ningún tipo de limitación
e sen pagar dereitos de alfándegas. Créase un arancel exterior común.
01.12.1969. Cumio Europeo da Haia:
acorda a elaboración dun plan por etapas con vistas á creación
dunha unión económica e monetaria.
01.10.1970. Presentación do Plan Werner: precedente básico do Plan
Delors, propoñía a consecución dunha unión económica
e monetaria europea en etapas sucesivas.
30.12.1970. Os Estados membros poñen en práctica unha política
comercial común.
24.04.1972.
Créase a Serpe Monetaria Europea: os Estados membros deciden limitar as
marxes de fluctuación das moedas europeas, entre elas e con respecto ó
dólar.
01.04.1973. Fúndase
o FECOM (Fondo Europeo de Cooperación Monetaria) encargado de prestar apoio
ós países comunitarios no marco das súas operacións
financeiras.
13.03.1979. Comeza a andar
o Sistema Monetario Europeo. Establécese un sistema de cambios fixo con
bandas de fluctuación. Institúese o ECU (Unidade de Conta Europeo).
07.10.1979. Primeira elección
por sufraxio universal dos catrocentos dez membros do Parlamento Europeo.
01.07.1987. Iníciase a Acta única Europea, asinada en Luxemburgo
o 18.02.1986.
01.06.1988. Cumio de
Hannover: confíase a un comité de expertos, presididos por Jacques
Delors, a tarefa de estudiar e propoñer as etapas para levar a cabo a UEM.
13.04.1989. Presentación do
Plan Delors.
26.06.1989. Cumio de Madrid:
debátese o Plan Delors e tómase a decisión de ir progresivamente
a unha unión monetaria.
01.07.1990. Iníciase a primeira fase da UEM. Nesta etapa suprímense,
con escasas excepcións, todas as restriccións á circulación
de diñeiro e capitais entre os Estados membros, intensifícase a
coordinación e supervisión conxunta da política económica
deles, así como a colaboración dos Bancos Centrais co Comité
de Gobernadores de Bancos Centrais.
07.02.1992. Cumio de Maastricht: conságrase o proceso de consecución
da moeda única europea seguindo o modelo propugnado no Plan Delors.
01.01.1993. Plena realización do Mercado Único: libre circulación
de mercadorías, persoas, capitais e servicios.
01.11.1993. Fíxase a composición da cesta do ECU (España,
asignado o 5,3%). Entra en vigor o Tratado da Unión Europea ou Tratado
de Maastricht. Comeza a segunda fase da UEM.
01.01.1994. Nace o Instituto Monetario Europeo (IME). Refórzase a coordinación
das políticas económicas a escala europea. Comeza a loita contra
os déficits excesivos e a política de converxencia económica
dos Estados membros.
31.05.1995. A
Comisión adopta o Libro Verde sobre a moeda única, que establece
o programa da transición á dita moeda.
16.12.1995. Consello Europeo de Madrid: acordo sobre o nome da moeda única,
euro. Fíxase o programa de introducción ó euro e o calendario
de transición á moeda única.
21.06.1996. Consello Europeo de Florencia: confírmase que a terceira fase
da UEM iniciarase o 1 de xaneiro de 1999.
13.12.1996. Consello Europeo de Dublín: intensifícanse os preparativos
para o inicio da terceira fase da UEM. Apróbase o Pacto de Estabilidade
e Crecemento.
31.12.1996. O IME decide
os marcos reguladores, organizativo e loxístico, do Banco Central Europeo
e do Sistema Europeo de Bancos Centrais. Prepárase a lexislación
tocante á introducción da moeda única.
16.07.1997. Cumio de Amsterdam: acordo político sobre un novo Tratado para
Europa. Compromiso para o estricto cumprimento do Pacto de Estabilidade.
01.05.1998. Consello Europeo en Bruxelas: decídense os once países
que inicialmente formarán parte da UEM. Noméanse os membros do Comité
Executivo do Banco Central Europeo: o holandés Win Duisemberger será
o seu primeiro presidente.
31.12.1998.
O Consello da Unión Europea aproba de forma definitiva os tipos de conversión
entre o euro e as distintas moedas nacionais dos Estados membros participantes
da Unión Monetaria. 1 Euro = 166,386 Pta.
A
transición cara a moeda única
Dos modelos presentados
para o paso á moeda única, decantáronse, fundamentalmente,
dúas posturas: a economicista, sustentada principalmente por Alemaña,
que consideraba que antes do paso á moeda única era necesaria unha
harmonización económica e lexislativa entre os Estados membros (marcha
lenta); e a monetarista, sostida por Francia, que avogaba por un paso rápido
á moeda única, mediante a creación dunha institución
monetaria que establecese os criterios económicos que debían seguir
os Estados membros. O modelo sancionado
en Maastricht achégase á postura economicista. No Tratado da Unión
Europea articúlase a transición en tres etapas:
O 1 de xullo de 1990, por acordo do Consello de Madrid, iníciase
unha etapa de consolidación do mercado interior. Os Estados membros debían
tomar as decisións necesarias para a consecución da libre circulación
de persoas, mercadorías, servicios e capitais. Plena realización
do mercado interior. Elaboración de plans de converxencia. O 1 de xaneiro
de 1994 comeza a segunda etapa coa realización das reformas legais e institucionais
necesarias cara á configuración da Unión Económica
e Monetaria: prohibición de financiamento privilexiado dos sectores públicos,
evitación de déficits públicos excesivos, creación
do Instituto Monetario Europeo, dun Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC)
e dun Banco Central Europeo (BCE). A terceira etapa inicíase o 1 de
xaneiro de 1999. Nesta etapa fíxanse de forma irrevogable os tipos de cambio
ó que o euro substitúe ás moedas nacionais e exercitan plenamente
as súas funcións o SEBC e o BCE.
O 1 de xaneiro de 1999 o euro convértese
na nova moeda de 11 Estados membros e introdúcese unha nova política monetaria
única baixo a autoridade do BCE, comezando a terceira e última etapa da Unión
Monetaria. Legalmente, as divisas nacionais participantes deixan de existir
e convértense en "subdivisións non decimais" do euro. Os mercados
financeiros da euro área cambian ao euro, incluíndo o cambio estranxeiro,
os mercados de obrigacións e accións. O período de tres anos
de introdución de moedas e billetes de euro comeza, co principio de "non compulsión,
non prohibición" que significa que as persoas e empresas teñen liberdade
para levar a cabo transaccións en euros, pero non están obrigados a facelo.
O 20 de xuño de 2000 elabórase a Decisión sobre a inclusión
de Grecia na euro área O
Cumio de xefes de Estado e de Goberno no Consello Europeo de Feira decidiu que
Grecia cumprira os criterios de converxencia e que se incorporaría ao euro dende
xaneiro de 2001. Tamén se anunciou o tipo de conversión do dracma grego ao euro.
O 28 de setembro de 2000 o referendo danés rexeita a inclusión
na euro área Os
daneses votan non á adopción do euro nun referendo nacional sobre a pertenza
á moeda única. Setembro de 2001: Precirculación e distribución de billetes
e moedas de euro. Aínda que non entran legalmente en circulación, os primeros
billetes e moedas de euro son distribuídos aos bancos e oficinas de correos.
O 1 de xaneiro
de 2002 os billetes e moedas de euro entran en circulación
Ao redor
de 7.80 millóns de billetes de euro e 40.000 millóns de moedas,
aproxi-madamente, 144.000 millóns de €, poñen en circulación os
bancos centrais dos 12 países da eurozona. O 28 de febreiro de 2002: retirada
das divisas nacionais. A data definitiva para o final do status legal das divisas
nacionais durante o período de cambio (dependendo dos calendarios dos plans nacionais
de cambio), significa a retirada definitiva da circulación das divisas nacionais.
O 14 de
setembro de 2003 prodúcese o referendo sobre a pertenza á zona euro
de Suecia. Suecia vota contra a adhesión á zona euro
A terceira etapa iníciase
o 1 de xaneiro de 1999. Nesta etapa fíxanse de forma irrevocábel
os tipos de cambio ao cal o euro substitúe as moedas nacionais e exercitan
plenamente as súas funcións o SEBC e o BCE.
O 1 de
xaneiro de 2004 adhírense 10 novos Estados membros á zona
euro (República Checa, Estonia, Chipre, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia,
Eslovenia e Eslovaquia). Bulgaria e Romanía adhírense á
UE o 1 de xaneiro de 2007. A eventual adopción dunha moeda única forma parte dun
dos requisitos estabelecidos no tratado. Estes países, non obstante, introducirán
o euro tan pronto como cumpran as condicións necesarias (especialmente
os criterios de converxencia de Maastricht) como estabelece o artigo 122.2 do
Tratado da Comunidade Europea. Eslovenia foi o primeiro Estado membro
que forma parte dos novos países adheridos en 2004, que cumpriu todos os criterios
de converxencia e estaba, por tanto, habilitado para adoptar o euro. Os billetes
e moedas entraron en circulación en Eslovenia o 1 de xaneiro de 2007.
O 1 de xaneiro do 2011 Estonia adopta como moeda o euro, sendo o último
dos países en facelo e sumando xa 17. |