Galego / Castellano
galego carta de servizos contacto DO serie L e C DO serie S convocatorias busca socios programas novas prensa dixital e-Boletín ED publicacións ED CE en España presidencia UE ligazóns

 


 
 
 
Estatuto xurídico

 

  Página Principal del Euro

 
 

Introdución

Co inicio da terceira fase da UEM, o 1 de xaneiro de 1999, producese a substitución do ecu, cesta de moedas comunitarias polo euro, moeda de dereito propio dos Estados participantes. A resolución dos problemas que presenta a adopción da divisa común trátanse de resolver no que se denominaron o marco xurídico regulador do euro. Este marco xurídico componse, inicialmente, de dous regulamentos do Consello Europeo. 

O primeiro dos Regulamentos, o 1103/97, aprobado polo Consello o 17 de xuño de 1997 e publicado no Diario Oficial das CE núm. 162, serie L, de 19.06.1997, sobre determinadas disposicións relativas á introducción do euro; o seu obxectivo era ofrecer, no contexto do mercado común e de cara á transición da moeda única, seguridade ós cidadáns e ás empresas en todos os Estados membros en relación con algunhas disposicións relativas á introducción do euro con bastante antelación ó inicio da terceira fase.

O segundo Regulamento, o 974/98, aprobado polo Consello da Unión Europea o 3 de maio de 1998, publicase no Diario Oficial das CE núm. 139, serie L, de 11.05.1998, entra en vigor o 1 de xaneiro de 1999. Neste regulamento contense o marco xurídico da introducción do euro e trátanse de regular os restantes aspectos que necesariamente se debían dilucidar unha vez que se decide que Estados participan no euro e se establecen irrevogablemente os tipos de conversión das respectivas moedas nacionais. O seu obxectivo tamén era o de ofrecer a maior seguridade xurídica posible ó desenvolvemento do proceso de introducción da moeda única. 

Up


Aspectos relevantes do Regulamento núm. 1103/97 sobre determinadas disposicións relativas á introducción do euro

1. Conversión do ecu en euro 

A partir do 1 de xaneiro de 1999 toda referencia ó ecu que figure nun instrumento xurídico entenderase feita ó euro, a un tipo dun euro por un ecu. 

2. Continuidade dos contratos 

A introducción do euro non produce alteración ningunha dos termos dos instrumentos xurídicos nin exime ou escusa o cumprimento do establecido naqueles, nin tampouco outorga ás partes a facultade de alteralo ou dálos por rematados unilateralmente. 

3. Os tipos de conversión 

Adoptanse en forma dun euro expresado en termos de cada unha das moedas nacionais dos Estados membros participantes. Adoptanse con seis cifras significativas. Utilizanse para as conversións en ambos sentidos entre a unidade euro e as unidades monetarias nacionais. Non se utilizan tipos inversos calculados a partir dos tipos de conversión. 

4. As normas do redondeo

Os importes monetarios que se teñan que converter dunha unidade monetaria nacional a outra deben converterse, en primeiro lugar, nun importe monetario expresado na unidade euro, debendo o dito importe ser redondeado, como mínimo, ó terceiro decimal e, posteriormente, converterse á outra unidade monetaria nacional. Non pode utilizarse ningún outro método de cálculo, agás que produza os mesmos resultados. 

Os importes monetarios que se teñen que aboar ou contabilizar cando se leve a cabo unha operación de redondeo despois dunha conversión á unidade euro, conforme ó establecido, deben redondearse por exceso ou por defecto ó céntimo máis próximo. Os importes monetarios que se teñen que aboar ou contabilizar e se convertan a unha unidade monetaria nacional deben redondearse por exceso ou por defecto á unidade fraccionaria máis próxima ou, se falta esta á unidade máis próxima, ou ben, de conformidade coa lexislación ou as prácticas nacionais, a un múltiplo ou fracción da unidade fraccionaria ou da unidade monetaria nacional. No caso de que ó aplicar o tipo de conversión se obteña unha cantidade cunha última cifra que sexa exactamente a metade da unidade ou da unidade fraccionaria, o redondeo efectuase á cifra superior. 

Polo seu interese práctico resulta moi interesante aclarar todos os aspectos relativos á aplicación dos tipos de cambio e do redondeo: Os tipos de conversión teñen seis cifras significativas. (O tipo de conversión de pesetas/euros consta de tres enteiros e tres decimais).

  1. Os tipos de conversión adoptanse en forma dun euro expresado en termos de cada unha das moedas nacionais participantes.
  2. Por ex.:
    1 euro = 166,386 pesetas
    1 euro = 40.3399 francos belgas
    1 euro = 1.95583 marco alemán
    1 euro = 6.55957 francos franceses
  3. Os tipos de conversión utilizanse para as conversións en ambos sentidos entre a unidade euro e as unidades monetarias nacionais.

  4. Non poden utilizarse taxas de conversión inversas.

    Por ex.:
    euros a pesetas => importe en euros x tipo de conversión.
    pesetas a euros => importe en pesetas : tipo de conversión.
  5. Redondeo:
    1. As cantidades obtidas despois de realizar a conversión de pesetas a euros deben ser redondeadas ó céntimo máis próximo:
      • Cando a milésima do importe en euros é 0, 1, 2, 3, ou 4, o céntimo máis próximo é o obtido no cálculo.
      • Cando a milésima do importe en euros é 5, 6, 7, 8 ou 9, o céntimo máis próximo obtense sumando 1 ó céntimo obtido no cálculo.
    2. Os importes que se pasen de euros a pesetas deben redondearse á peseta máis próxima:
      • Cando a décima do importe en pesetas é 0, 1, 2, 3, ou 4, a peseta máis próxima é a obtida no cálculo.
      • Cando a décima do importe en pesetas é 5, 6, 7, 8 ou 9, a peseta máis próxima obtense sumando 1 á unidade obtida no cálculo.
  6. Os importes monetarios que se teñen que converter dunha unidade monetaria nacional a outra deben converterse, en primeiro lugar, nunha cantidade expresada na unidade euro, debendo a dita cifra ser redondeada, como mínimo, ó terceiro decimal e , posteriormente, converterse á outra unidade monetaria nacional.
Up

Aspectos relevantes do Regulamento 974/98 sobre a introducción do euro
1. Substitución das moedas nacionais polo euro 

A partir do 1 de xaneiro de 1999, a moeda dos Estados membros participantes na UEM é o euro. A unidade monetaria é un euro. Un euro dividese en cen céntimos. 

O euro substitúe á moeda de cada Estado membro participante conforme ó tipo de conversión. 

O euro é a unidade de conta do Banco Central Europeo (BCE) e dos bancos centrais dos Estados membros participantes. 

2. Disposicións transitorias para o período 01.01.1999-01.01.2002 

O euro dividese nas unidades monetarias nacionais conforme ós tipos de conversión. Mantense toda subdivisión delas. 

Cando nun instrumento xurídico se faga referencia a unha unidade monetaria nacional, esta ten a mesma validez que se se trata dunha referencia á unidade euro conforme ós tipos de conversión. 

A substitución da moeda de cada Estado membro participante polo euro non ten como consecuencia, nela mesma, a alteración da denominación dos instrumentos xurídicos que existan na data da substitución. 

Os actos que deban executarse en virtude de instrumentos xurídicos que dispoñan a utilización de o estean denominados nunha unidade monetaria nacional deben executarse na dita unidade monetaria nacional. Os actos que deban executarse en virtude de instrumentos xurídicos que dispoñan a utilización de o estean denominados na unidade euro deben executarse na dita unidade. 

Non obstante, todo importe denominado na unidade euro ou na unidade monetaria nacional dun determinado Estado membro participante pagadeiro no dito Estado membro mediante o aboamento en conta do acredor, pode ser aboado polo debedor tanto na unidade euro, como na unidade monetaria nacional. O importe é aboado na conta do acredor na denominación desta, tendo en conta que toda conversión é efectuada conforme ós tipos de conversión. 

Como excepción á norma xeral de coexistencia durante o período transitorio das moedas nacionais e o euro, permítese ós Estados membros adoptar as medidas que consideren convenientes para introducir o uso obrigatorio do euro en determinados supostos (por ex. débeda pública, mercados de bolsa, sistemas de compensación e liquidación de pagamentos, etc.). 

Os billetes e moedas denominados nunha unidade monetaria nacional seguen sendo de curso legal dentro dos seus límites territoriais vixentes o día anterior á entrada en vigor do presente regulamento. 

3. Billetes e moedas denominados en euro 

A partir do 1 de xaneiro do 2002, o BCE e os bancos centrais dos Estados membros participantes poñen en circulación billetes denominados en euro. Estes billetes denominados en euro son os únicos de curso legal en todos estes Estados membros. 

Os Estados membros participantes cuñan moedas denominadas en euro ou en céntimo. Estas son as únicas moedas de curso legal en todos estes Estados membros, coa excepción temporal xa indicada. Agás a autoridade emisora e as persoas expresamente designadas pola lexislación nacional do Estado membro emisor, ningunha parte está obrigada a aceptar máis de cincuenta moedas en cada pagamento. 

4. Disposicións aplicables ó final do período transitorio (01.01.2002) 

As referencias ás unidades monetarias nacionais nos instrumentos xurídicos que existan ó termo do período transitorio entendense feitas á unidade euro conforme ós tipos de conversión respectivos, coa aplicación das normas de redondeo previstas 

Os billetes e moedas denominados nas unidades monetarias nacionais seguen sendo de curso legal dentro dos seus límites territoriais ata seis meses despois de que remate o período transitorio; este prazo pode reducirse mediante lei nacional. 

Cada Estado membro participante pode establecer, durante un prazo de ata seis meses a partir do fin do período transitorio, normas para a utilización dos billetes e moedas denominados na súa unidade de moeda nacional e pode adoptar as medidas necesarias para facilitar a súa retirada da circulación. 

Recomendación 98/286/CE da Comisión de 23 de abril de 1998 sobre as comisións bancarias pola conversión a euros (Diario Oficial CE, serie L, número 130 de 01/05/1998.

A Comisión recomenda ós bancos normas de boas prácticas no que respecta á conversión sen comisións; as ditas normas deben incluír:

  1. prácticas que a xuízo da Comisión constitúen un requisito legal:
    1. conversión gratuíta á unidade euro dos ingresos denominados na unidade monetaria nacional, e viceversa, durante o período transitorio,
    2. conversión gratuíta á unidade euro das contas denominadas na unidade monetaria nacional ó remate do período transitorio,
    3. cobramento de comisións iguais por servicios denominados na unidade euro e por servicios idénticos denominados na unidade monetaria nacional;
  2. outras prácticas recomendadas:
    1. conversión gratuíta á unidade euro dos pagamentos denominados na unidade monetaria nacional, e viceversa, durante o período transitorio,
    2. conversión gratuíta á unidade euro das contas denominadas na unidade monetaria nacional durante o período transitorio,
    3. cambio gratuíto para os clientes (é dicir, os titulares de contas) de billetes e moedas nacionais por billetes e moedas en euros, en cantidades «de uso doméstico», durante o período final. Os bancos deberían cuantificar de maneira transparente as cantidades «de uso doméstico», por volume e frecuencia.
    A transparencia nas operacións de conversión. Os bancos deben informar ós seus clientes de maneira clara e transparente, antes e despois das operacións, sobre as posibles comisións de conversión e de cambio.
Recomendación 98/286/CE da Comisión de 23 de abril de 1998 en relación coa dobre indicación de prezos e outros importes monetarios, Diario Oficial CE, serie L, núm. 130 de 01/05/1998.

A Comisión considera que a dobre indicación de prezos, en moeda euro e en moeda nacional, facilita considerablemente a adaptación ó euro dos consumidores, minoristas e provedores de servicios e, en particular, supón un importante instrumento para a sensibilización e protección do consumidor. Non obstante, na Comisión chegaron á conclusión de que, nos casos en que se efectúa a dobre indicación, a observación de certas «normas de boas prácticas» achega maior seguridade e claridade a todas as partes afectadas; que as citadas normas de boas prácticas deben comportar o seguinte: clara indicación polos minoristas de se están dispostos a aceptar pagamentos en euros durante o período transitorio; nítida diferenciación entre a unidade en que se fixe o prezo e deban calcularse os importes por pagar e o correspondente contravalor indicado con fins de información exclusivamente; cando proceda, acordos para a adopción dun mesmo formato ou deseño para a dobre indicación; e evitar un exceso de información que poida inducir a erro; 

Desta maneira conclúese que sempre que se proporcione unha dobre indicación de prezos ou doutros importes monetarios, son de aplicación as seguintes normas, conforme á lexislación existente:

  1. para calcular os contravalores para efectos dunha dobre indicación deben aplicarse os tipos de conversión;
  2. o redondeo ó céntimo máis próximo representa o grao mínimo de exactitude con que deben indicarse os prezos ou outros importes monetarios que se converten dunha unidade monetaria nacional á unidade euro;
  3. a dobre indicación de prezos e outros importes monetarios debe ser inequívoca, facilmente identificable e claramente lexible.
Recomendación 98/286/CE da Comisión de 23 de abril de 1998 tocante ó diálogo, ó seguimento e á información para facilitar a transición ó euro. Diario Oficial CE, serie L, núm. 130 de 01/05/1998

O obxectivo desta recomendación é seguir avanzando na preparación práctica do paso ó euro procurando que as autoridades nacionais fomenten o mantemento dun diálogo interactivo entre as asociacións de consumidores e as organizacións profesionais. Dentro destes diálogos, convídase ás asociacións de consumidores e ás organizacións profesionais a negociar e, no seu caso, acordar unha serie de normas de boas prácticas en materia de dobre indicación e pagamento, así como a definir normas mínimas con respecto á información que debe facilitarse. Esta invitación faise extensible ás empresas. 

Recoméndase a creación de observatorios de transición ó euro, para facer posible o seguimento da introducción do euro, da lealdade das transaccións e da transparencia das prácticas dos profesionais. Estes observatorios, nos que deben participar todos os sectores profesionais afectados, as Administracións públicas pertinentes e os cidadáns (e, entre eles, os representantes de movementos asociativos, particularmente de consumidores), deben desempeñar unha función de acollida, orientación cara as fontes de información, audición, mediación e asistencia ós cidadáns concretos que deben levarse a cabo. 

Convídase, por último, ós Estados membros a mobilizar o antes posible os estamentos escolares e educativos arredor do tema do euro e a adoptar con tal fin cantas medidas resulten oportunas para sensibilizar, informar e formar ó persoal docente e demais persoal dos establecementos escolares. As accións no ámbito da educación deben comprender medidas específicas para todas as formas de educación, tales como a educación a distancia, a educación para adultos, o ensino superior, a formación profesional e a formación en alternancia.

Up

Real decreto 363/97 do 14 de marzo.

Por este créase unha Comisión Interministerial para a coordinación de actividades para a introducción do euro, presidida polo Ministro de Economía e Facenda, atribuíndose a Secretaría á Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira (Secretaría de Estado de Economía, MEH). 

Plan nacional de introducción do euro, aprobado en decembro de 1997.

O Plan consta de tres capítulos. O primeiro describe os elementos esenciais do estatuto xurídico do euro na súa regulación comunitaria. O segundo analiza o proceso de transición do sistema financeiro. O terceiro e último capítulo adícase especificamente ás Administracións públicas. 

O Plan para a transición ó euro das Administracións públicas lembra, con carácter previo, os principios que rexen a introducción da moeda única durante o período transitorio (desde o 01.01.1999 ata o 01.01.2002):

  • "Non prohibición-non obrigación": ninguén está obrigado a utilizar o euro como moeda nas súas transaccións, pero tampouco se lle pode prohibir o seu uso.
  • "Equivalencia legal": os importes monetarios poden converterse voluntariamente en euros ó tipo de conversión fixo e irrevogable.
  • "Continuidade dos contratos": a introducción do euro non produce alteración ningunha dos termos dos instrumentos xurídicos nin exime ou escusa o cumprimento do establecido naqueles, nin tampouco outorga ás partes a facultade de alteralo ou dálos por rematados unilateralmente.
  1. Asuntos xurídicos

  2. Aprobación dunha "lei paraugas": respecto da cobertura formal que hai que brindar á introducción do euro optouse por unha solución mixta, que consiste en complementar a aplicación automática do Estatuto xurídico do euro coa redacción dunha "lei paraugas" que evite inseguridade xurídica e permita o desenvolvemento posterior de modificacións legais en determinados campos do ordenamento xurídico que presentan particularidades. 

    A continuidade dos contratos. 

    A redenominación dos capitais sociais

    Os índices de referencia durante o período transitorio: o MIBOR dos préstamos hipotecarios.

  3. Aspectos contables, estatísticos e rexistrais

  4. Decidiuse propoñer a aceptación da presentación de estados contables alternativamente en pesetas ou euros ás empresas ó longo do período transitorio; é dicir a opción euro completa.

  5. Tributos

  6. En relación co sistema alfandegueiro e o sistema tributario estatal o plan procurou minimizar os custos indirectos derivados das esixencias formais necesarias para o cumprimento das obrigas tributarias (artigo 103, un, 3 da Lei 31/1990), así como o desexo de impedir que as empresas españolas se atopen nunha desvantaxe competitiva en relación coas radicadas noutros Estados membros da Unión Europea. 

    O Plan parte da hipótese de considerar que a inexistencia de billetes e moedas durante o período transitorio fai pouco atractiva a utilización do euro nas declaracións tributarias das persoas físicas. En cambio, moitas entidades mercantís poden decidir utilizar o euro durante este período, incumbindo á Administración tributaria a tarefa de facilitarlles o cumprimento das súas obrigas na nova moeda. 

    Igualmente, a Facenda Pública desexa facer efectivo o principio de neutralidade, entendeu este no sentido de que o paso á moeda única non incremente a presión fiscal e que ningún contribuínte deba pagar máis imposto polo feito de pasar a relacionarse coa Administración tributaria nunha nova moeda. 

    O plan contempla os tres aspectos básicos que implica a relación entre a Facenda Pública e os contribuíntes, a Administración e as empresas. 

    Tales áreas son: ingresos e pagamentos, contabilidade e declaracións. Nas dúas primeiras o plan contempla unha liberdade de actuación total desde o inicio do período transitorio, estendida ademais a todas as persoas, non só ás entidades mercantís. No aspecto das declaracións, en cambio, propiciarase unha introducción gradual.

    • Pagamento de impostos en euros

    • A Administración tributaria acepta o pagamento de impostos en euros a partir do 01.01.1999. Aínda que durante o período transitorio non circulan billetes e moedas en euros, os contribuíntes poden manter contas abertas en euros nas institucións financeiras, desde as que poden ordenar transferencias a favor do Tesouro Público. Esta posibilidade recoñécese a calquera persoa ou entidade, con independencia de que desenvolvese ou non actividades empresariais ou profesionais. 

      Para o pagamento en euros utilizase o tipo fixo de conversión. Este é o importe que se carga na conta do contribuínte. 

      As contas restrinxidas de recadación de tributos abertas nas entidades colaboradoras continuan denominándose en pesetas ó comezo do período transitorio. 

      Devolucións tributarias en euros

      Do mesmo xeito, a partir do 1 de xaneiro de 1999, o Tesouro Público transfire ós contribuíntes as sumas que lles adebede por devolucións tributarias (xa sexan froito do normal mecanismo de retención-pagamento a conta-devolución, xa resulten de ingresos indebidos), aboándose nas contas abertas en institucións financeiras na mesma moeda en que estean denominadas, sexan pesetas ou euros, aplicándose neste último caso o tipo fixo de conversión.

    • Declaracións tributarias en euros

      1. Declaracións de SOCIEDADES

      2. Desde o inicio do período transitorio (1.1.1999) as sociedades poden presentar en euros as declaracións tributarias correspondentes ó imposto de sociedades, ó IVE e ó documento único aduaneiro. Para iso estas sociedades deben acreditar que levan a contabilidade en euros durante o período obxecto de declaración. 

        A Administración tributaria, sen embargo, converte as cifras a pesetas co fin de evitar erros no proceso destas. Por iso, é posible que nas comunicacións que as Administracións tributarias dirixan ós contribuíntes se empregue a moeda nacional ou que en circunstancias concretas se produzan redondeos, que en todo caso, se practican aplicando estrictamente a normativa comunitaria.

      3. Declaracións de PERSOAS FÍSICAS

      4. No que atinxe ás persoas físicas, as súas declaracións tributarias, continuan denominándose exclusivamente en pesetas durante o período transitorio. Durante os tres anos de duración deste período preparase o conxunto de novos modelos de declaración en euros, que sexan obrigatorios para os devengos que se produzan a partir do ano 2002. Polo tanto, é probable que non se admitan declaracións tributarias en euros para estes contribuíntes antes do 2002. 

        Sen embargo, é posible que cara o final do período transitorio se proceda paulatinamente a incorporar ás liquidacións un cadro en que consignar, a titulo informativo, o contravalor en euros do resultado en pesetas, co obxecto de propiciar unha función didáctica e de garantía de transparencia fronte ó cambio no momento definitivo. 

        Do mesmo modo, os programas informáticos de axuda ós contribuíntes posibilitan a información sobre os contravalores en euros das débedas tributarias.

    • Libros e rexistros contables

    • A posibilidade de practicar nos libros as anotacións contables utilizando a denominación euro é unha cuestión do maior interese para as persoas ou entidades que prevexan adoptar esta moeda como base da súa xestión financeira durante o período transitorio, polo que se propician as reformas que permitan recoñecer a aptitude do euro como moeda en que poidan levarse os libros e rexistros mercantís. 

      A aplicación desta medida debe facerse velando por que todos os libros e rexistros de cada empresa se leven na mesma moeda, e por que o cambio se produza unha soa vez en cada empresa, sen posibilidade de volver a utilizar a peseta unha vez materializado o cambio. Igualmente, debe procurarse que a conversión coincida co comezo do exercicio. 

      Baixo estas consideracións, a Administración tributaria asume o esforzo que implica para os seus servicios verificar a situación tributaria de contribuíntes con contabilidades soportadas indistintamente nunha ou outra moeda. 

      Esta liberdade de elección faise extensiva igualmente ás persoas físicas que, exercendo actividades empresariais ou profesionais, deban levar contabilidade segundo o Código de Comercio.

    1. Os rexistros fiscais.

    2. Coherentemente coa previsión anterior, a Administración tributaria dispón das medidas necesarias para que as persoas ou entidades que pasen a euros os libros esixidos pola lexislación mercantil utilicen a mesma denominación nos libros e rexistros esixidos polas normas fiscais exclusivamente. 

      Polo tanto, a partir do 1 de xaneiro de 1999, os rexistros fiscais deben utilizar a mesma denominación que se empregue nos libros e rexistros mercantís.

    3. A facturación.

    4. En aplicación do principio de "non prohibición - non obrigación", os contribuíntes poden elixir libremente a moeda en que se denominan as obrigas que se deriven das súas relacións contractuais, desde o inicio do período transitorio. Sendo a factura un reflexo documental delas, exprésase na mesma moeda en que deban cumprirse as obrigas. Por iso, recoñecese a plena validez ás facturas en euros, para os efectos de acreditar deduccións ou desgravacións fiscais, en base ou en cota, con independencia de cal sexa a moeda que o emisor ou o receptor da factura utilicen na súa contabilidade. 

      As facturas denominadas en euros deben expresar esta circunstancia de modo que non poida producirse confusión. 

      Todo o anteriormente exposto esixe unha serie de modificacións na lexislación tributaria.

  7. Débeda pública

  8. A introducción da moeda única propiamente dita, en xaneiro de 1999, da lugar a un cambio radical no contexto do mercado de débeda pública español, especialmente notable en dous ámbitos:

    • No referido ó diferencial de tipos de interese con outros países, este deixa de estar condicionado basicamente por factores cambiarios para pasar a estalo esencialmente por dúas variables: a liquidez e moi especialmente o risco de crédito.
    • O principal é sen dúbida a perda da moeda como elemento de segmentación dos mercados. A aversión da grande maioría dos españois que van investir en activos financeiros denominados noutras moedas veu significando, nos últimos anos, que os mercados financeiros nacionais, e o de débeda pública en particular, foron o destino prioritario, e practicamente exclusivo, do investimento financeiro doméstico. A desaparición deste elemento de segmentación dos mercados financeiros nacionais da lugar a un novo marco de actuación no que os diferentes mercados compiten moito máis activamente por captar o aforro da zona UEM.
    Pero a consecuencia máis inmediata que a chegada do euro ten sobre o mercado español de débeda pública é sen dúbida a obrigación de emitir a débeda pública desde o 1 de xaneiro de 1999 en euros. Igualmente para evitar unha segmentación do mercado da débeda decidiuse redenominar os títulos en circulación.

  9. Cobramentos e pagamentos nas Administracións públicas.

  10. O Banco de España converte en euros o 1 de xaneiro de 1999 a conta do Tesouro no Banco de España. 

    Os presupostos xerais do Estado para 1999 aprobanse en pesetas, e polo tanto, debe haber unha contabilidade da execución presupostaria en pesetas. 

    Libranza de cheques contra as contas abertas no Banco de España (e expresadas en euros desde o 1.1.1999). Criterios definidos que se seguen:

    • Todas as contas, sen excepción, quedan denominadas en euros a partir do 1 de xaneiro de 1999.
    • As contas do sector público poden continuar emitindo cheques en pesetas contra estas contas durante o período transitorio.
    Con motivo da entrada en vigor da Unión Monetaria Europea, as administracións dos países inicialmente participantes no sistema, entre os que se encontra España, deben proceder a unha adaptación de todos os sistemas de información que manexen importes para axeitalos ós novos requisitos de tratamento de decimais, conversión de importes, redondeo, conversión de datos históricos e adaptación de bases de datos. 

    Trátase dunha tarefa moi complexa, xa que as Administracións públicas españolas inclúen a máis de 8000 concellos e a 17 Comunidades Autónomas máis Ceuta e Melilla con sistemas de tamaño e características dispares. 

    Para conseguir unha primeira aproximación do impacto da introducción do euro nos sistemas de información das Administracións públicas, enviouse un cuestionario exhaustivo a cada unidade administrativa con rango igual ou superior a Dirección Xeral que pretende obter un inventario pormenorizado do número de aplicacións afectadas, para así poder realizar a primeira aproximación económica do cambio. Analizáronse os datos recibidos, e procedeuse a reclamacións periódicas. 

    O conxunto da información foi procesada e redactada constituíndo o plan de introducción do euro nos sistemas de información: "O euro e os sistemas e tecnoloxías de información nas Administracións públicas", que se incorpora como anexo ó Plan. 

    Por último faise referencia ás accións institucionais de comunicación e información.

    Up

A lei de introducción do euro ou "lei paraugas"

Coa aprobación da Lei 46/1998, de 17 de decembro, publicada no BOE núm. 302, de 18 de decembro, trátase de complementar a aplicación automática do estatuto xurídico do euro, integrado polos Regulamentos CE núm. 1103/97 e 974/98, tratando de evitar a inseguridade xurídica e permitir o desenvolvemento posterior de modificacións legais en determinados campos do ordenamento xurídico que presentan particularidades. 

Na Lei paraugas dedícanse apartados específicos ós seguintes temas:

  1. Modificación de sistema monetario nacional:

  2. Desde o 1 de xaneiro de 1999 a moeda do sistema monetario nacional é o euro, que sucede, sen solución de continuidade, á peseta. Non obstante, durante o período transitorio a peseta pode seguir utilizándose como unidade de conta e como medio de pagamento ata o remate do período de troco.

  3. Principios e efectos que gobernan a modificación do sistema monetario:
  4. Principios: de neutralidade, de funxibilidade, de equivalencia nominal e de gratuidade. 

    Efectos de continuidade: a substitución da peseta polo euro non afecta ó cumprimento das obrigas.

  5. Redondeo:
  6. Na aplicación dos tipos de conversión, por ex. 1 euro = 166,386 pts, as cifras resultantes deben redondearse de acordo coas normas previstas. En ningún caso poden modificarse os importes que se van pagar, liquidar ou contabilizar como saldos finais, como consecuencia dos redondeos practicados en operacións intermedias.

  7. Período transitorio:
  8. Delimitación do período transitorio: este abarca do 1 de xaneiro de 1999 a 31 de decembro do 2001, ambos inclusive. 

    Principios que gobernan a coexistencia do euro e da peseta como unidade de conta e medio de pagamento durante o período transitorio: de dualidade no uso de unidades de conta e de execución segundo a unidade de conta empregada. 

    Medidas necesarias para garantir a dualidade de unidades de conta e medios de pagamento durante o período transitorio. Na lei regúlanse especificamente cuestións relativas a: redenominación de contas bancarias; réxime da débeda do Estado; redenominación das emisións de valores de renda fixa distintos da débeda do Estado; cambio da unidade de conta nos Mercados de Valores; cambio da unidade de conta nos procedementos operativos dos sistemas de compensación e liquidación de valores e sistemas de pagamentos; unidade de conta nas obrigas de información das institucións de investimento colectivo, fondos de pensións e entidades aseguradoras; redenominación da cifra do capital social; publicidade utilizando moedas en euros e moedas ou medallóns conmemorativos sen curso legal.

  9. Fin do período transitorio:
  10. Utilización exclusiva da unidade de conta euro a partir do 1 de xaneiro de 2002. 

    Período de troco: o troco de pesetas a euros pode realizarse desde o 1 de xaneiro do 2002 ata o 30 de xuño. A partir do 1 de xullo de 2002 exclusivamente debe realizarse o troco nas oficinas do Banco de España. 

    Instrumentos non redenominados durante o período transitorio: a partir do 1 de xaneiro do 2002 estes documentos non redenominados enténdense automaticamente expresados na unidade de conta euro.

  11. Medidas tendentes a favorecer a plena introducción do euro.
  12. En relación coas obrigas contables: durante o período transitorio as anotacións contables poden realizarse en pesetas ou en euros; ó remate do dito período a unidade de conta é o euro. 

    Axuste, ó céntimo máis próximo, do valor nominal das accións, participacións e cotas sociais, como resultado da redenominación do capital social. 

    En relación cos pagamentos públicos.
    Actos, contratos administrativos e normas.
    Actuacións de profesionais oficiais.
    MIBOR.
    Disposicións de Dereito Tributario
    Disposicións sobre cotizacións á Seguridade Social.
    Dobre exposición de prezos en pesetas e euros. Dereitos de consumidores e usuarios.
    Cotización oficial.

       
Outras disposicións en relación co euro:
  1. Lei orgánica 10/1998, de 17 de decembro, complementaria da Lei sobre introducción do euro (BOE núm. 302, de 18.12.98).
  2. Real decreto 2812/1998, de 23 de decembro, sobre adaptación da normativa de seguros, plans e fondos de pensións á introducción do euro (BOE núm. 306, de 23.12.98).
  3. Real decreto 2813/1998, de 23 de decembro, polo que se establece o procedemento de redenominación a euros da Débeda do Estado rexistrada na Central de Anotacións (BOE núm.306, de 23.12.98).
  4. Real decreto 2814/1998, de 23 de decembro, polo que se aproban as normas sobre os aspectos contables da introducción do euro (BOE núm. 306, de 23.12.98).
  5. Orde do Ministerio de Economía e Facenda, de 23 de decembro de 1998, sobre a unidade de conta nas obrigas de información dos organismos rectores dos mercados de valores e das institucións de investimento colectivo e sobre a expresión en euros de determinados requisitos relativos ó sistema de crédito en operacións bolsistas de contado e ás operacións de bolsa especiais (BOE de 30.12.98).
Up