Galego / Castellano
galego carta de servizos contacto DO serie L e C DO serie S convocatorias busca socios programas novas prensa dixital e-Boletín ED publicacións ED CE en España presidencia UE ligazóns

 


 
 
 

Unha Constitución para Europa


A CONSTITUCIÓN

A Constitución substitúe os tratados que fundamentan a UE por un texto único que se estrutura en catro partes:
  1. Disposicións fundamentais: que é a Unión Europea, cales son os seus obxectivos, en que ámbitos actúa, como se toman as decisións e cales son as súas institucións
  2. Carta dos dereitos fundamentais
  3. Políticas da Unión
  4. Cláusulas finais

A partir de agora haberá unha Unión Europea que substituirá ás antigas "Comunidades Europeas" e "Unión Europea". Aínda que se manteñan procedementos especiais de toma de decisións en política exterior, seguridade e defensa, desaparecen os chamados "tres piares", que basicamente distinguían aqueles ámbitos en que as decisións se tomaban de forma comunitaria (políticas de competencia da Comunidade) daqueles nos que as decisións se tomaban de maneira intergobernamental (políticas da Unión Europea).

A Carta de Dereitos Fundamentais, proclamada no Consello Europeo de Niza en decembro de 2000, aparece recollida na segunda parte do texto. A Constitución recolle tamén os valores e obxectivos da Unión así como os principios que rexen as relacións entre a Unión e os seus Estados membros. Aparece por primeira vez unha clara distribución de competencias e simplifícanse os instrumentos legais.

Agora ben, a Constitución non deixa de ser un tratado internacional e como tal só entrará en vigor cando todos os Estados membros a ratifiquen. Calquera modificación posterior requirirá a unanimidade dos asinantes, aínda que algunhas modificacións, como a ampliación a novos ámbitos do voto por maioría cualificada, requirirán só o acordo unánime do Consello Europeo.

A cuestión da maioría cualificada suscitó grandes debates na Conferencia Intergobernamental (CIG) previa á aprobación da Constitución. Como se propoñía na Convención, as decisións do Consello serán adoptadas por unha dobre maioría de Estados e poboación, aínda que finalmente os gobernos modificaron os valores mínimos porcentuais á alza, o que dificulta un pouco máis a toma de decisións. Deste modo, unha decisión tomada por maioría cualificada requirirá o apoio dun 55% dos Estados membros que representen polo menos o 65% da poboación.

Un novo marco institucional

A Constitución clarifica o papel do Parlamento Europeo, o Consello e a Comisión. A Comisión ve recoñecido o seu case monopolio de iniciativa lexislativa, as súas funcións executivas e a súa capacidade para representar á Unión no exterior excepto nos ámbitos que lle corresponden a Política Exterior e de Seguridade Común (PESC). O procedemento de codecisión pasa a ser o procedemento lexislativo habitual, de forma que o 95% das leis europeas serán adoptadas conxuntamente polo Parlamento e o Consello.

A principal novidade é a creación dun ministro de Asuntos Exteriores da Unión, que será o responsábel de representar á UE no mundo e que asumirá as tarefas que agora lle corresponden ao alto representante para a Política Exterior e de Seguridade Común ("Mr. PESC") e ao Comisario de Relacións Exteriores.

Por outro lado, o Consello Europeo (reunión dos xefes de Estado ou de Goberno dos Estados membros) pasa a ser unha institución, cun presidente nomeado para un período de dous anos e medio. No Consello da UE (reunión dos ministros dos Estados membros) mantense o sistema de presidencias por roldas de seis meses entre todos os Estados membros.

O Parlamento Europeo terá un máximo de 750 membros, cun mínimo de 6 parlamentarios para o Estado menos poboado e un máximo de 96 para o máis poboado. A Comisión manterá a súa composición actual, un comisario por Estado, até o 2014. A partir dese momento, a Comisión estará formada por un número de comisarios equivalente a dous terzos do número de Estados membros. Os membros da Comisión serán elixidos por un sistema de roldas entre os Estados membros tal e como se decidira xa no Tratado de Niza.