Galego / Castellano
galego carta de servizos contacto DO serie L e C DO serie S convocatorias busca socios programas novas prensa dixital e-Boletín ED publicacións ED CE en España presidencia UE ligazóns

 


 
 
 

ED A Coruña. Axudas
Programa: Programa específico "Persoas" polo que se executa o Sétimo programa marco da Comunidade Europea de accións de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración (2007-2013)

 
 
  • Base legal: Decisión do Consello do 19 de decembro de 2006 relativa ao programa específico: "Persoas" polo que se executa o sétimo programa marco da Comunidade Europea de accións de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración (2007-2013), (DO L 400/271 do 30.12.2006)

  • Período de vixencia: 01.01.2007-31.12.2013

  • Descrición: O programa específico prestará apoio ás actividades de "Persoas", fomentando a entrada de persoas na profesión de investigador, fortalecendo, cuantitativa e cualitativamente, o potencial humano da investigación e a tecnoloxía en Europa incluído polo que respecta ao potencial da muller. As actividades de apoio ao desenvolvemento das carreiras e a formación dos investigadores, coñecidas como accións "Marie Curie", centraranse nos aspectos claves das cualificacións e o desenvolvemento das carreiras e no fortalecemento da relación cos sistemas nacionais.

  • Eidos de actuación: O obxectivo estratéxico global deste programa é construír unha Europa máis atractiva para os investigadores, pois isto constitúe unha condición previa para mellorar a capacidade e o rendemento da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico europeos e para consolidar e desenvolver o Espazo Europeo da Investigación. Para lograr os seus fins, o programa procurará xerar un considerable efecto estruturador a nivel europeo en diversos ámbitos, entre os que cabe mencionar a organización, a calidade e os resultados da formación en investigación, o desenvolvemento activo das carreiras dos investigadores, o recurso aos investigadores para o intercambio de coñecementos entre sectores e organizacións de investigación, o aumento da colaboración entre os sectores industrial e académico e a participación xeneralizada das mulleres e investigadores noveis na investigación e o desenvolvemento.

    Actividades

    Financiaranse as seguintes "accións Marie Curie" (Bolsas e axudas Marie Curie):

    • Formación inicial dos investigadores: Esta acción presta apoio á formación inicial e está dirixida aos catro primeiros anos (o período equivalente de traballo a tempo completo) das carreiras dos investigadores, se ben a súa duración pode ampliarse até un ano máis cando resulte necesario para finalizar dita formación. A acción estabelece un mecanismo de redes transnacionais (cuxo obxectivo é estruturar unha parte substancial da capacidade de formación inicial en investigación de alta calidade que posúen os Estados membros e os países asociados, tanto no sector público como no privado), grazas o cal agarda mellorar as perspectivas de carreira dos investigadores en ambos sectores, aumentando tamén con isto o grao de atracción que exercen as carreiras de investigación sobre a mocidade.
    • Formación ao longo de toda a vida e desenvolvemento das carreiras: Esta acción vai dirixida a investigadores experimentados que se encontren en etapas diversas da súa carreira, coa fin de favorecer a diversificación das súas competencias individuais mediante a adquisición de cualificacións interdisciplinarias ou multidisciplinarias ou a realización de experiencias intersectoriais. O obxectivo é prestarlles axuda aos investigadores para obter e/ou consolidar un posto independente de alto nivel (por exemplo, investigador principal, titular de cátedra ou outro posto de alto nivel no mundo académico ou empresarial). Tamén se lles axudará mediante esta acción aos investigadores que desexen reiniciar a súa carreira de investigación despois dunha interrupción dela ou ben reintegrarse ao sector da investigación dos Estados membros e os países asociados (o cal inclúe ao seu país de orixe) despois dunha experiencia de mobilidade.
    • Pasarelas e asociacións entre a industria e a universidade: Esta acción ten por obxecto fomentar o estabelecemento de pasarelas dinámicas entre organismos de investigación públicos e empresas comerciais privadas, especialmente PEME, xunto co sector industrial de fabricación tradicional. As actividades basearanse en programas de cooperación a longo prazo encamiñados a incrementar a mobilidade intersectorial e a transferencia e o uso compartido de coñecementos (con inclusión da xestión de proxectos, a xestión dos dereitos de propiedade intelectual e o desenvolvemento de produtos), así como a fomentar a comprensión recíproca das diferencias de culturas e requisitos de formación que caracterizan a ambos sectores.
    • A dimensión internacional: O tratamento da dimensión internacional —compoñente fundamental dos recursos humanos en I+D de Europa— realizarase mediante accións especializadas, enfocadas tanto no desenvolvemento das carreiras dos investigadores europeos, como na consolidación da cooperación internacional a través dos investigadores.
    • Accións específicas: Para prestar apoio á creación dun auténtico mercado laboral europeo para os investigadores, poñeranse en práctica un conxunto coherente de accións de acompañamento, coa fin de eliminar os obstáculos á mobilidade e mellorar as súas perspectivas de carreira en Europa. Estas accións terán como meta particular sensibilizar aos interesados e ao público en xeral (por exemplo, mediante a concesión dos "premios Marie Curie"), estimular e apoiar a actuación a nivel dos Estados membros e servir de complemento ás accións comunitarias. As accións específicas incluirán tamén incentivos para as institucións públicas para promover a mobilidade, calidade e perfil dos investigadores, cando ditas actividades reúnan os criterios europeos de valor engadido, apertura e transparencia.


  • Condicións de accesibilidade: REGULAMENTO (CE) Nº 1906/2006 DO PARLAMENTO EUROPEO E DO CONSELLO do 18 de decembro de 2006 polo que se estabelecen as normas de participación de empresas, centros de investigación e universidades nas accións do Sétimo programa marco, e as normas de difusión dos resultados da investigación (2007-2013).

  • Financiamento: 4 750 millóns de euros.


  • Centros de información comunitarios e nacionais (Cordis)