Inicio

Novas

Diego Calvo asinou esta mañá un convenio de colaboración co alcalde, Gerardo Conde Roa, e outro coa Asociación de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago de Compostela
A Deputación da Coruña achega 450.000 euros a proxectos de promoción turística en Santiago
02/11/2011

O presidente da Deputación da Coruña mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, na que foi a primeira visita institucional de Diego Calvo á cidade desde o seu nomeamento e na que, ademais, asináronse tres convenios para a promoción de distintas accións na cidade.

 En dous destes acordos, destinados á promoción do turismo na área compostelá, a Deputación investirá 450.000 euros, dos cales 350.000 destinaranse ao financiamento do Plan de Competitividade Turística do Concello e 100.000 recibiraos a Asociación de Empresarios de Restauración e Hospedaxe para o seu proxecto “O Camiño Inglés para comelo, un camiño por descubrir”.
 O primeiro dos convenios, asinado por Diego Calvo e o alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, ten por obxecto a colaboración en todo o programa de actividades que se vai desenvolver dentro do Plan de competividade turística. Inclúense aquí accións encamiñadas á promoción da cidade (congresos, feiras ou presentacións), a posta en marcha de diferentes paquetes turísticos ou o investimento en publicacións tanto impresas como dixitais. En total, o orzamento destas actividades é de 437.500 euros, dos cales o 80% (un total de 350.000 euros) serán achegados directamente pola institución provincial.
 
Non acaba aquí a colaboración da Deputación provincial coa promoción turística na cidade, xa que Diego Calvo tamén asinou un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Restauración e Hospedaxe de Santiago para financiar o proxecto de desestacionalización turística “O Camiño Inglés para comelo, un camiño por descubrir”. O obxecto deste acordo é contribuír ao financiamento das actividades desta entidade, orzadas en 125.000 euros dos cales 100.000 serán achegados pola institución provincial.
 

Entre as actividades que contribuirá a custear a Deputación están diferentes accións promocionais do Camiño Inglés, como a organización dunha peregrinación conxunta no outono, a reedición dunha guía multimedia da ruta ou unhas xornadas gastronómicas e históricas do camiño que se ha celebrar durante o inverno.

“Estou especialmente satisfeito da sinatura destes convenios, sobre todo porque un deles contribuirá a algo moi importante, que é a desestacionalización do turismo en Santiago, un dos puntos máis importantes deste sector en Galicia”, apuntou Diego Calvo, que engadiu que, no futuro, a colaboración co Concello de Santiago seguirá sendo “moi activa”. O alcalde de Santiago, pola súa banda, agradeceu a visita do presidente da Deputación e mostrouse moi agradecido a unha institución que “sempre ten as portas abertas aos concellos”.

Erradicación do chabolismo

Diego Calvo e Gerardo Conde Roa tamén asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración para financiar o programa municipal de erradicación do chabolismo e as infravivendas como expresión de marxinalidade na provincia.
 

A Deputación achegará un total de 30.000 euros para colaborar na retribución do persoal que traballa nos programas postos en marcha desde o Concello para a inclusión residencial da comunidade xitana ou usuaria de infravivendas que se atope actualmente inmersa nun proceso de realoxamento ou rehabilitación.

Plan de obras e servizos e Fórum Gastronómico

 Ademais de asinar os tres convenios de colaboración, a reunión entre Diego Calvo e o alcalde santiagués tamén serviu para que ambos falasen dalgúns proxectos pendentes e, entre outras cuestións, falaron do Plan de obras e servizos da Deputación en Santiago e da posible colaboración na próximo edición do Fórum Gastronómico.