Fernández Moreda subliña que se trata de garantir o bo funcionamento dos servizos básicos municipais
A Deputación da Coruña destina 26,5 millóns de euros para axudar aos concellos ante a actual situación de crise
24/03/2009
A 26,5 millóns de euros ascende o investimento especial que a Deputación da Coruña achegará aos concellos da provincia para contribuír a paliar a actual conxuntura económica. Os dous programas de investimentos, que serán ratificados pola Corporación provincial no Pleno do venres, 27 de marzo, foron presentados esta mañá polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, que estivo acompañado polo responsable da Comisión de Plans Especiais, José Manuel Pequeño Castro. A Deputación da Coruña investirá este ano directamente nos concellos, “con proxectos decididos e adxudicados polos concellos” un total de 95 millóns de euros”, segundo os datos achegados por Fernández Moreda.

Os plans deseñados pola Deputación da Coruña para paliar a crise económica están orientados a garantir o óptimo funcionamento dos servizos básicos municipais, e para facilitarlles aos concellos a execución de obras ou proxectos necesarios. “A Deputación da Coruña é consciente da situación e non pode ser insensible aos problemas dos concellos, polo que aprobamos, xa en Comisión Informativa, e o venres, farémolo no Pleno, estes dous plans anticrise”, sinalou Fernández Moreda, que se congratulou do consenso de todos os grupos, pois “é bo o acordo e o apoio de todos”.
O “Plan provincial de axuda contra a crise destinado ao financiamento dos gastos correntes dos concellos”, ten un orzamento de dez millóns de euros, e está dirixido aos concellos de menos de 50.000 habitantes, é dicir a un total de 91 concellos, os de menor capacidade económica e financeira.
Este plan ten como obxectivo financiar gastos correntes derivados do funcionamento de servizos como a iluminación pública, limpeza viaria, saneamentos e abastecemento de auga, así como do persoal e bens e servizos que sexa necesario adquirir, segundo os supostos enumerados por Fernández Moreda, que aludiu ao recente estudo realizado pola Xunta no que se conclúe que os concellos destinan o 75 por cento dos seus recursos a gasto corrente.
O presidente da Deputación da Coruña salientou que a distribución dos recursos financeiros de ambos plans se fará con criterios obxectivos, e conforme aos seguintes parámetros: 10% de cota fixa; 15% de esforzo fiscal; 10% número de parroquias; 35%, poboación e 30%, superficie”.
Neste suposto os concellos terán, e despois de aprobarse definitivamente as bases do plan, ata o 30 de outubro para presentar as súas propostas, e ata o 31 de marzo de 2010 para xustificar os gastos, que xa se aborán previamente pola Deputación da Coruña, xa que ten un carácter prepagable, é dicir que a institución provincial transferiralles os fondos con anterioridade para garantir o correcto funcionamento dos servizos.
O segundo programa é “Plan de axuda contra a crise destinado ao financiamento dos gastos de reposición asociados ao mantemento dos servizo públicos esenciais dos concellos” ten tamén unha achega económica de 10 millóns de euros, e está dirixido aos 91 concellos de menos de 50.000 habitantes, tamén cos mesmos criterios de distribución, sempre baseado en parámetros obxectivos.

Con este programa preténdese financiar a execución de obras en edificios e instalacións municipais, reparacións en infraestruturas públicas (iluminación, abastecemento de augas), ou ben a adquisición de maquinaria e equipamento para os servizos municipais.
A Deputación da Coruña aboará o 70 por cento do gasto solicitado polos concellos no momento en que estes presenten a acreditación de adxudicar o proxecto ou a adquisición, e o 30 por cento restante coincidindo coa última certificación de obra. Os concellos terán ata o 30 de xuño para presentar as súas solicitudes, e as contratacións dos proxectos ou subministracións deberanse facer ata o 30 de novembro.
Plan complementario ao FEIL
Fernández Moreda referiuse tamén ao plan complementario ao FEIL (Fondo Estatal de Investimento Local) do Goberno central. A Deputación da Coruña destina a este programa un total de 6.457.000 euros para financiar o 7% do importe dos proxectos presentados polos concellos. O detalle é o seguinte: (3%, redacción de proxectos), (3%, dirección de obra; e o 1%, para o plan de seguridade. Sen a achega da Deputación, serían os concellos quen terían que sufragar estes gastos.
En total, 26,5 millóns de euros de investimento provincial para paliar a situación de crise, segundo o salientado por Fernández Moreda, quen anunciou tamén que en abril se aprobará unha modificación das taxas do BOP de xeito que os particulares quedarán exentos do pagamento da taxa pola publicación de anuncios ordinarios no boletín oficial, sendo esta “unha pequena contribución para os empresarios e emprendedores”. Os concellos xa están exentos do pagamento.
Fernández Moreda referiuse tamén á colaboración da deputación para mellorar os problemas de tesourería dos concellos. Esta institución xestiona os tributos de 83 concellos da provincia, e aínda cando a recadación se executa no último trimestre, aos concellos fáiselles un anticipo a conta desde o mes de xaneiro, cantidade que mensualmente ascende a 7.100.000 euros. A recadación, por vía voluntaria e executiva en 2008, ascendeu a 103 millóns de euros, segundo os datos achegados polo presidente da Deputación da Coruña.
ACHEGAS ECONÓMICAS QUE LLES CORRESPONDEN AOS 91 CONCELLOS DA PROVINCIA EN CADA UN DOS PLANS. (A ACHEGA REFLECTIDA É POR PLAN)

Abegondo: 104.014,17 €; Ames: 202.736,55 €; Aranga: 84.976,89 €; Ares: 80.185,56 €; Arteixo: 223.739,64 €; Arzúa: 144.167,52 €; A Baña: 97.046,13 €; Bergondo: 89.032,89 €; Betanzos: 109.215,97 €; Boimorto: 78.639,99 €; Boiro: 166.359,17 €; Boqueixón: 88.919,04 €; Brión: 105.341,33 €; Cabana de Bergantiños: 97.329,42 €; Cabanas: 68.102,14 €; Camariñas: 80.432,44 €; Cambre: 170.846,56 €; A Capela: 59.682,67 €; Carballo: 270.694,71 €; Carnota: 79.245,26 €; Carral: 82.820,55 €; Cedeira: 105.947,09 €; Cee: 96.423,20 €; Cerceda: 116.115,91 €; Cerdido: 50.481,14 €; Cesuras: 78.869,80 €; Coirós: 59.021,06 €; Corcubión: 43.262,45 €; Coristanco: 131.320,35 €; Culleredo: 207.384,76 €; Curtis: 104.899,18 €; Dodro: 49.263,28 €; Dumbría: 104.287,90 €; Fene: 122.499,13 €; Fisterra: 61.687,45 €; Frades: 77.325,71 €; Irixoa: 62.577,54; Laxe: 67.728,62 €; A Laracha: 145.302,74 €; Lousame: 81.612,83 €; Malpica de Bergantiños: 95.883,56 €; Mañón: 71.065,43 €; Mazaricos: 128.946,25 €; Melide: 137.998,55 €; Mesía: 89.077,82 €; Miño: 106.870,73 €; Moeche: 55.556,17 €; Monfero: 109.316,59 €; Mugardos: 74.637,60 €; Muxía: 112.294,28 €; Muros: 107.779,33 €; Narón: 255.841,06 €; Neda: 66.807,03 €; Negreira: 128.198,36 €; Noia: 123.515,50 €; Oleiros: 222.909,07 €; Ordes: 163.282,83 €; Oroso: 99.342,91 €; Ortigueira: 182.728,61 €; Outes: 112.701,65 €; Oza dos Ríos: 82.124,70 €; Paderne: 58.060,73 €; Padrón: 97.533,19 €; O Pino: 116.150,07 €; A Pobra do Caramiñal: 94.916,51 €; Ponteceso: 114.090,81 €; Pontedeume: 96.597,46 €; As Pontes: 220.310,44 €; Porto do Son: 123.041,06 €; Rianxo: 110.913,05 €; Ribeira: 206.699,23 €; Rois: 95.659,53 €; Sada: 127.444,39 €; San Sadurniño: 85.369,57 €; Santa Comba: 176.296,56 €; Santiso: 73.367,13 €; Sobrado: 93.706,35 €; Somozas: 80.660,32 €; Teo: 153.229,81 €; Toques: 65.906,93 €; Tordoia: 100.498,43 €; Touro: 105.336,46 €; Trazo: 89.216,84 €; Valdoviño: 100.774,88 €; Val do Dubra: 98.448,91 €; Vedra: 83.863,86 €; Vilasantar: 60.945,81 €; Vilarmaior: 46.084,66 €; Vimianzo: 152.801,11 €; Zas: 117.753,71 €; Cariño: 77.905,42 €. Total: 10.000.000 €.