A este certame poderán concorrer todos os artistas galegos ou residentes en Galicia que traballen no campo das artes plásticas, cun máximo de dúas obras por artista. A temática e técnica das obras é libre, establecéndose só un límite máximo de dous metros en calquera das súas dimensións para as pinturas e obras gráficas e dun metro para as esculturas.
Os e as artistas interesadas en participar no certame deberán presentar unha foto de 20x25 cm. de cada unha das obras presentadas, montada sobre un soporte de folla de álbum e acompañada dos datos persoais e o currículo profesional do/a autor/a. O prazo de presentación das obras remata o vindeiro 15 de abril de 2009.
O xurado do premio, integrado por prestixiosos artistas galegos, preseleccionará baseándose nestas fotografías as obras que considere máis salientadas, entre as que se elixirán despois aquelas que conformarán unha exposición itinerante que percorrerá dez municipios da provincia. A Deputación da Coruña destinará 45.000 euros á adquisición das obras seleccionadas polo xurado do premio entre aquelas que participen nesta exposición.
Ademais dunha plataforma para promover valores da creación artística, nos seus distintos apartados de pintura, escultura fotografía, e deseño, o certame "Isaac Díaz Pardo", constitúe tamén unha homenaxe do organismo provincial a este gran artista e polígrafo galego.
O impreso de solicitude de participación no certame e as súas bases poden obterse na páxina web www.dicoruna.es/cultura/premios