
A obra titulada "Construcións", do poeta Eduardo Estévez, resultou gañadora do XIV premio de poesía "Miguel González Garcés", instituído pola Deputación da Coruña. O presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, foi o encargado de dar a coñecer a decisión do xurado, que seleccionou entre as 55 obras presentadas o poemario "Construcións", presentado baixo o lema "Ramón Caaveiro".
Eduardo Estévez, nado en Bos Aires e residente na actualidade na cidade da Coruña, xa obtivo un accésit na VII edición deste premio de poesía, correspondente ao ano 1997, pola súa obra "Só paxaros sairon desta boca".
O presidente da Deputación da Coruña resaltou a importancia do premio "Miguel González Garcés", considerando que é un dos máis importantes galardón poéticos de cantos se convocan en Galicia. Ademais da dotación económica de 6.500 euros, a Deputación da Coruña edita a obra gañadora na súa colección de poesía. "Unha colección que xa ten 25 títulos, aos que se suman o que se incorporará nos vindeiros meses como resultado desta nova edición do certame". Trátase, segundo Fernández Moreda, dunha das mellores coleccións de poesía galega contemporánea.
Pola súa banda, o voceiro do xurado, Manuel Forcadela, afirmou que a selección do gañador tivo lugar tras un intenso debate por parte do xurado, "que valorou a contemporaneidade da súa escrita e a aposta do autor pola renovación da nosa tradición estética", así como "a liña de construción expresiva" da obra "na que se pode advertir unha proximidade do cotián".
O comisario do premio, Xabier Seoane, destacou a elevada participación coa que contou esta edición do certame e destacou o prestixio dos integrantes do xurado. Seaone subliñou tamén a variada estética das obras presentadas, "o que demostra a boa saúde da poesía galega, tanto nos aspectos técnicos e formais como de contido".
A Deputación editará 1.500 exemplares das obras gañadora e finalista do certame, que se presentarán no derradeiro trimestre do presente ano.
O premio, creado no ano 1991, está dotado con 6.500 euros, ademais da publicación da obra gañadora. Entre os gañadores e finalistas do galardón en anteriores edicións atópanse recoñecidos nomes da lírica e da literatura galega como Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Estevo Creus, Román Raña, Xulio L. Valcárcel ou Xosé María Álvarez Cáccamo.
O xurado do certame estivo presidido por Salvador Fernández Moreda e integrado pola deputada responsable da área de Cultura da institución provincial, Caridad González Cerviño, e os poetas Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Fernández Álvarez, Gonzalo Navaza Blanco, Luz Pozo Garza, e Remedios Fernández Romero, gañadora da anterior edición.
XIV PREMIO DE POESÍA "MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS"
Obra gañadora: "Construcións"
Autor : Eduardo Estévez
(Bos Aires, Arxentina, 1969)
CV DE EDUARDO ESTÉVEZ
Títulos publicados:
|
-
|
|
Catedrales de perfil
(Buenos Aires, RundiNuskín editor, 1990)
|
|
-
|
|
Ya tan deshabitado
(Maracay, Venezuela, La liebre libre, 1994)
|
|
-
|
|
Só paxaros saíron desta boca
Accésit do premio de poesía Miguel González Garcés 1997
(A Coruña, Deputación da Coruña, 1998)
|
|
-
|
|
Lúa gris
Finalista do premio Tivoli Europa 1999
(Vigo, Edicións Xerais, 1999)
|
|
-
|
|
Os veos da paisaxe
(Compostela, Retagarda Edicións, 2000)
|
|
-
|
|
Caderno apócrifo da pequena defunta
XV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
(Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 2003)
|
|
-
|
|
Derrotas
VI Premio de Poesía Concello de Carral, 2002
(A Coruña, Espiral Maior, 2004)
|
|
-
|
|
Postais
texto escrito en colaboración con Caro Erlich
(edición web, 2005)
|
|
-
|
|
|
|
-
|
|
Itinerarios
antoloxía coral de textos de Eduardo Estévez realizada por Estevo Creus, Marta Dacosta, Eduardo Estévez, Celso Fernández Ssanmartín, María Lado, María do Cebreiro, Antía Otero, Baldo Ramos e Rafa Villar
(Santiago de Compostela, El Correo Gallego-Concello de Santiago-Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2005)
|
|
-
|
|
|
Foi membro do consello editorial de Letras de Cal e Retagarda Edicións.
Tradutor ao castelán dos poetas brasileiros Cecília Meireles, Affonso Romano de Sant'Anna e Chico Buarque, do portugués Nuno Júdice e dos galegos Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xela Arias e Manuel Forcadela. Estas traducións publicáronse con formato de libro nas seguintes edicións: Cecília Meireles, El estudiante empírico, Maracay, Venezuela, La liebre libre, 1992.
Chico Buarque, Construcción, Maracay, Venezuela, La liebre libre, 1993.
Affonso Romano de Sant'Anna, Epitafio para el siglo XX, Caracas, Fundarte, 1994.
Nuno Júdice, Antología poética, Caracas, Angria Ediciones, 1996.
AAVV, Finisterræ, Maracay, Venezuela, La liebre libre, 1994.
Algúns seus poemas soltos apareceron na revista Dorna da Universidade de Santiago de Compostela, e en A Revista de Vilagarcía de Arousa. Tamén foron incluídos textos seus na antoloxía dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 e mais noutras publicacións colectivas.
É autor da Antología breve de Alejandra Pizarnik, publicada en Caracas por Pequeña Venecia en 1993.
Algúns artigos seus e recensións de libros apareceron en diversos medios venezolanos (Imagen Latinoamericana, Picas&Puntos, El Nacional, ...) e galegos (O Correo Galego, Faro de Vigo, A Nosa Terra, ...)
Coordina obradoiros literarios. Na actualidade, un na biblioteca municipal de Fene e outro na das Pontes de García Rodríguez.
Actualmente é programador e nos poucos ratos libres desempéñase como construtor e soporte técnico dalgúns sitios web.