
Esta ponte formaba parte dun camiño importante que, en tempos lonxanos, conducía desde A Coruña a Ponteceso, despois de separarse na aldea de Oseiro, seguindo un camiño paralelo á costa. Está constituída por tres arcos de medio punto e bóvedas de canón, cunha pila e tallamares que os divide, sen varandas ou peitorís, nin pegadas que indiquen a súa existencia pretérita, e con dovelas máis ou menos regulares e pavimento de ringleiras de cantería en sentido transversal, con outros lonxitudinais de bordo. Entre estes últimos e as dovelas, os frontes da ponte presentan un recheo de cachotes graníticos, sistema constructivo que prevalece no resto do conxunto.
Hoxe, restaurado pola Deputación da Coruña, presenta un bo aspecto nun contorno ben coidado, a pesar do seu emprazamento no polígono industrial de Sabón.