Patricia Castelao
Ilustración para o Calendario das Letras 2007
Lápiz/dixital

O valor da lectura: ler por ler

Santiago Yubero
Universidade de Castilla-La Mancha


O longo camiño cara á lectura

Formando parte da nosa memoria colectiva atópanse as historias que nos acompañaron durante a infancia. Historias que xeraron a estrutura intertextual que somos capaces de recoñecer cando nos enfrontamos a unha trama argumental, sexa lida, escoitada ou vista a través do cine ou a televisión. Neste ámbito atópanse os contos tradicionais que nos contaron e limos de pequenos. Cada vez que nos acercamos a unha estrutura narrativa similar a aquelas que coñecemos e aprendemos noutro tempo, espértanse os nosos esquemas cognitivos para alertarnos de que produciuse un encontro con algo coñecido.

Un de aqueles contos é A bela durminte, cuxo esquema estrutural volve unha e outra vez, como nos recordan as mulleres "silentes" que describe no seu libro, A casa das mulleres durmidas, Yasunari Kawabata, ás que, precisamente, Gabriel García Márquez no seu último libro, Memoria de mis putas tristes, fai unha homenaxe da man de Delgadina, un personaxe co que ben podería reconstruírse á perfección o mito da propia Bela Durminte. Sen embargo, as referencias ao intertexto lector e o mito da Bela Durminte, aquí só as imos tomar como escusa para establecer unha relación metafórica entre o papel que cumpre a moza protagonista do vello conto recollido polos Grimm e o proceso de aprender a amar a lectura.

Recordemos que neste conto, a Bela permanece inerte á espera de que un mozo príncipe a bique para recobrar un suspiro de vida, pero aínda así, a pesar da súa situación, toda a súa beleza permanece inalterable,…, simplemente, atópase durmida. O novo príncipe que ao final consiga chegar ata ela, co seu bico non lle concederá a beleza, só (e non é pouca cousa) conseguirá activar todos os encantos que a nova dama xa atesoura previamente.

Neste vello conto, antes de que o príncipe consiga acercarse ata a princesa, outros príncipes o intentan, sen conseguilo. Algúns non o conseguen porque non tiveron o valor suficiente para afrontar as dificultades, outros simplemente non puxeron o empeño necesario; outros, sen embargo, non elixiron o momento adecuado,…, foron, sen dúbida, moitos os príncipes cuxas accións e esforzos non tiveron a recompensa, nin o éxito desexado.

A imaxe do lector recórdanos á dos príncipes que buscan encontrarse coa Bela. Á do príncipe que trata de achegarse a bicar á princesa para espertar a súa beleza durmida. Así é a lectura, sen dúbida unha Bela Durminte esperando a que o seu príncipe (o lector) lle dea vida, faga espertar a beleza que conten no seu interior.

Logo, ela, a Bela (a lectura) collerá da man ao príncipe, tal coma o fixo no conto, para ensinarlle as marabillas do seu palacio, do seu país, do seu mundo e así poder gozar xuntos do que a vida pode ofrecerlles. A lectura ven a dicirnos que o paraíso existe, que a esperanza existe, que se dúbida conseguila esixe esforzo, aínda que talvez necesitemos tamén un golpe de sorte.

Non creo que, no esencial, esta historia cambie moito. É posíbel que a Bela cúbrase doutras vestimentas que, aparentemente, fágana parecer distinta e, talvez, incluso, o príncipe non teña moito que ver con aquel outro; pero o camiño a seguir é o mesmo, tortuoso, difícil, cargado de fitos que marcarán o éxito ou o fracaso da aventura.

Coma no vello conto da Bela Durminte, ela agarda, conservando todo o seu encanto, a que o príncipe roce os seus beizos para facerlle partícipe dos seus marabillosos soños. Así espera o libro. Pero non é nin foi nunca tarefa fácil chegar ata el, moitos o intentan, sen embargo non son moitos o que o conseguen; se necesita tesón, forza de vontade, motivación, atrevemento, bos consellos e, seguramente, unha pizca de sorte,…, aínda que, sen dúbida, merece a pena. No camiño do lector, seguramente, cada día barreiras de xilveiras impidan o paso e haxa que loitar e superar o agotamento que nutre a desgana.

A lectura como expresión da liberdade

Para construír e transmitir a cultura o instrumento do que dispoñemos é a linguaxe. Aínda que as imaxes, nun mundo como o noso, cobraron unha importancia relevante como fonte de socialización e, con elo, o desenvolvemento de novas habilidades para o recoñecemento dunha renovada linguaxe icónica, a palabra impresa segue formando parte esencial dos procesos de comunicación e un elemento básico para a información. Sexa acompañando a unha imaxe como eslogan impactante ou en textos informativos ou narrativos, a palabra é a fonte que nutre o proceso de socialización co que interiorizamos as normas, crenzas e pautas de conduta aceptadas pola nosa sociedade. Sen dúbida, tal vez sexa este o factor máis relevante da importancia da lectura. A lectura como fonte de socialización, pode supor o mantemento do orden establecido sen trabas críticas, pero tamén pode formar un individuo máis crítico e libre, que non acepte sen mais o que se lle impón. Non é casual que os gobernos autocráticos teman aos lectores e fagan fogueiras de libros para destruír un instrumento de subversión; os nazis queimaron libros, as ditaduras perseguen aos intelectuais e prohiben a edición e a lectura de determinados libros; na memoria de moitos españois atópanse as vivencias sobre a prohibición de ler a moitos autores e a esixencia de ler textos moralistas e de formación nacional. E é que, efectivamente, ler pode ser un instrumento de sometemento ou unha afirmación individual que nos pode facer libres, solidarios, críticos e independentes. Non se pode controlar ao que le libremente. O lector descubre a través do texto outras realidades e pode chegar a interpretar de forma crítica a súa propia. Deste xeito, non pode controlarse a orde establecida, o que pon en perigo o sometemento do individuo ás instancias de poder: institucións, ideoloxías políticas ou relixións. Por iso, aínda hoxe, non é estraño observar lugares onde se quere controlar a lectura actitudes contradictorias nalgunhas instancias de poder que, mentres recomendan a lectura, non poñen os medios precisos para facilitar e xeneralizar os comportamentos lectores; pois a lectura xeneralizada e libre, supoñería persoas máis formadas, máis críticas e, sen dúbida, máis independentes.

Pero a lectura e a escritura son fenómenos construídos socialmente, aos que se lles engade unha serie de capacidades que han de ter un valor social, cun significado cultural dentro do seu contexto. Por iso, o proceso lector non se reduce a saber ler e escribir, senón que tamén son os seus obxectivos a adquisición do razoamento abstracto e do pensamento independente e crítico.

A lectura, polo tanto, non pode analizarse soamente desde variables individuais, senón que resulta imprescindíbel unha análise en función da sociedade na que o individuo desenvólvese, sen separar as condutas lectoras das imaxes proxectadas socialmente da lectura, que orientar ou bloquear a conduta lectora.


Miguel Porto
 
 

Lectura instrumental vs lectura pracenteira

Na nosa sociedade, por moito que se trate de fomentar a lectura pracenteira, á actividade lectora se lle soe dar importancia pola súa dimensión instrumental. A lectura adoita asociarse coa actividade intelectual, coa aprendizaxe, co estudo e, basicamente, coa transmisión de información e a adquisición de coñecementos. Pero tamén existe, aínda que non de forma tan maioritaria como desexáramos, a idea que asocia a lectura co entretemento, aludindo ao seu carácter relaxante e de ocio agradable. Así pois, podemos diferenciar a lectura instrumental, que faise para obter información (aprender, estudar, saber o funcionamento de algo,…), da lectura ociosa, polo feito de que a última se elixe de forma libre e voluntaria, co obxectivo de ler por ler, por entretemento e autosatisfacción, aínda que tamén poda aportar coñecemento sen que, en ningún caso, este sexa o seu obxectivo primordial.

Podemos preguntarnos se a lectura é unha actividade imprescindíbel cando un número considerable de persoas, en torno á metade da poboación, non len e non parece que ocorra nada. O éxito social non depende do nivel cultural. O éxito social pasa polo consumo e a lectura queda relegada nun segundo plano, como conduta individual, que só realizan as minorías. A nosa cultura ten a súa base na economía e os medios de comunicación véndennos modelos de conduta baseados no consumo e en actitudes hedonistas.

Os lectores non son modelos sociais. Sen embargo, un fogar con libros segue sendo máis distinguido. A existencia no domicilio particular dunha biblioteca constitúe unha marca social positiva; quizá por iso, moitos personaxes públicos elixen fotografarse para os medios de comunicación diante das súas bibliotecas.

Para que unha persoa se motive no desenvolvemento dos seus hábitos lectores é preciso que interprete a lectura como un feito cultural relevante e coma unha destreza individual importante; pero o significado social defínese en termos culturais, non individuais. Por iso, o que a linguaxe escrita e a lectura sexan relevantes para o neno, dependerá da comunidade de referencia. O neno formulará interpretacións sobre a linguaxe escrita, a súa natureza e propósitos, baseándose na interpretación ofrecida polos outros, indicando coa súa actividade a importancia destas accións, para o funcionamento adecuado na sociedade á que pertence.

As dimensións cognitiva e afectiva na actitude lectora están intimamente coordinadas; quizás a dificultade radica en que a nivel educativo soamente pénsase, ou faise de maneira prioritaria, no compoñente cognitivo desta actitude, deixando que o compoñente afectivo xurda por si mesmo ou incluso ignorando a súa potencialidade. Trátase de que o libro non sexa un intruso na vida das persoas, un elemento incómodo que nos persegue. A relación entre a lectura e o neno debe estar baseada na empatía. Soe ser habitual pasar dos primeiros encontros lectores conxuntos, cheos de emotividade e complicidade, entre o neno os seus pais, a situacións de illamento do neno co libro, á hora de comezar a súa aprendizaxe lectora. O neno enfróntase a textos de forma individual que son difíciles de descifrar para el pero que, sen embargo, en moitas ocasións son literariamente máis simples que os contos narrados ou lidos conxuntamente. Se a lectura non serve para gozar como antes e compartir situacións cos adultos significativos, a actividade lectora pode perder o seu significado social, desposuíndoa do seu valor inicial e quedándose, exclusivamente, como unha actividade circunscrita á esfera escolar.

Outro dos problemas é o que suscitan os programas de ensinanza cando se centran, basicamente, na funcionalidade da lectura e no libro como instrumento de aprendizaxe, isto contribúe a considerar a lectura coma unha tarefa escolar allea á vida cotiá e afastada da liberdade de escoller, próxima á obrigatoriedade, en moitas ocasións tediosa. Por iso, algúns nenos chegan a percibir a lectura da aula coma unha tarefa propia dese contexto e, desde logo, como algo diferente da lectura que se poida realizar fóra da escola.

Aínda que se trata de fomentar o valor da lectura pracenteira, a actividade lectora que é válida, en moitos casos, dentro do contexto escolar é a que leva a resolver con éxito unha tarefa. Se o pracer está no resultado de acabar o libro, por ler un máis e gañar aos compañeiros, sen interesarse polos personaxes ou polo argumento, a lectura acabarase cando desapareza a competencia, a nota polo resultado. Neste proceso de aprendizaxe condutual onde o relevante son os reforzos obtidos ou as tarefas, como símbolo do castigo, a acción de ler, en si mesma, non ten ningún significado.

O interesante é transmitir que a lectura é conveniente e altamente satisfactoria. A meta non é ler para devorar libros, senón gozar da lectura como actividade intrinsecamente reforzadora, cunha meta inmediata na propia acción e co obxectivo de conseguir o hábito lector a medio prazo. Ser lector habitual proporcionará nun futuro próximo unha formación cultural máis sólida e unha configuración da personalidade máis equilibrada.

O obxectivo debe ser que a lectura convértase nun goce, primando a liberdade de acción, e extraendo do libro todo o seu mollo emocional e cognitivo. Unha vez creada a inclinación favorable cara ao acto lector, e descuberto o valor da lectura, poderá realizarse con maior ou menor intensidade nunha época determinada da vida, pero a actividade lectora volverá a producirse, aínda que se suspendera temporalmente.

O valor da lectura ou a lectura como valor

Unha comunidade alfabetizada facilitará o desenvolvemento das competencias lectoras e, nela, a lectura constituirá un coñecemento socialmente valorado. Os modelos aos que están expostos os nenos, o material de lectura ao que acceden e os seus propios intereses, inflúen constantemente na súa concepción da lectura. De feito, unha influencia moi importante do factor social é a frecuencia do contacto co obxecto cultural, a presenza de libros e lectores no entorno social inmediato do neno. Se se prodúcen contactos coa lectura, o neno aprende que o libro sirve para mirar, para ler, para divertirse e o texto é visto como portador dun contido, que vai a ser valorado.

Por iso, para desenvolver o valor da lectura é preciso xerar un modelo social onde esta tome sentido. Se a construcción do lector é unha acción social, todos somos responsables. Debemos entender que a lectura incide á súa vez sobre os suxeitos de forma individual e sobre a sociedade na súa totalidade; construíndo individuos máis formados, mellora a sociedade.

Por outro lado, a lectura tamén pode ser un medio para educar valores, pero non é a finalidade da lectura a educación moral. A lectura será educativa cando o neno se identifique coa historia e os personaxes, cando se fascine pola lectura e descubra toda a capacidade da narrativa. Será nesas circunstancias cando a lectura lle aproxime ao coñecemento dun estilo de vida, cando lle sirva para estruturar a súa propia xerarquía de valores e lle brinde liberdade de decisión a partir do desenvolvemento crítico da realidade e da ficción; en palabras de Caballero (2002), o libro convértese entón nun vehículo de aprendizaxe da vida. Os valores non deixan de ser abstraccións, pero pódense materializar nos comportamentos e caracterización dos personaxes, na resolución da trama, incluso explicitarse no texto, ao quedar como unha construcción trala lectura; aínda que iso dependa, basicamente, da percepción do lector e do propio contexto social de referencia onde insérese o suxeito.

Ao adulto na súa mediación se lle ha de esixir que ame a lectura, que sexa capaz de transmitir aos nenos o encanto de ler e de facer do encontro unha situación pracenteira. Recordemos que o primeiro é o desexo de ler e o goce da lectura, os aprendizaxes son complementarios ao propio acto lector.

Como sabemos, os nenos teñen que adquirir a cultura do seu entorno, teñen que asimilar os valores que marcarán a súas pautas de comportamento para construír un estilo de vida. Ese proceso de aprendizaxe realízase a través do modelaxe, os nenos farán o que vexan facer aos seus maiores, serán os seus modelos a seguir e imitar. Nun principio serán os seus pais, pero axiña entran en xogo outros axentes de socialización, actuando tamén como modelos neste proceso. Entre eses outros que poden actuar como modelos dos nenos atópanse os personaxes das narracións, orais nun principio e escritas cando teñen desenvoltas as destrezas lectoras. Recordemos que na primeira infancia os nenos non establecen diferencia cognitiva entre a realidade e a aparencia, entre a ficción e a realidade, para eles, os personaxes dun conto poden guiarlles de igual maneira que unha persoa real do seu entorno inmediato.

Que a lectura por si mesma ten valor é algo innegable e indiscutible. As potencialidades cognitivas que desenvolve, o espírito crítico que conleva, as aprendizaxes que nos proporciona…, existen multitude de estudos que avalan estas afirmacións. Pero, sobre todo, interésanos a lectura, como actividade lúdica, situada no tempo de ocio da nosa sociedade e, polo tanto, ha de concedérselle un valor social.

Non hai dúbida de que ser lector implica máis que levar a cabo o acto de ler, ese é soamente o compoñente condutual. A lectura debe acompañarse dun compoñente emocional, a satisfacción ao ler, e dun compoñente cognitivo que da importancia á lectura (Larrañaga e Yubero, 2005). A conxunción deses tres compoñentes é o que da valor á lectura e o que fai que a lectura teña valor por si mesma. Cando se le por libre vontade, gozando dun libro, cando se le por ler, o demais ven por engadidura.

Bibliografía

Caballero, J.M. (2002). De lectores y lecturas. En J.A. Millán (coord.), La lectura en España (pp. 383-392). Madrid: Federación de Gremios de Editores.
Cerrillo, P.C. e Yubero, S. (2003). La formación de mediadores para la promoción de la lectura, Cuenca, Servizo de Publicacións da UCLM-CEPLI.
Cerrillo, P.C. e Sánchez, C. (2006). Literatura con mayúsculas. Ocnos, 2, 7-21.
Tejerina, I. (1996). Literatura y compromiso: hacer preguntas para buscar respuestas. Puertas a la lectura. Lectura y valores. Badaxoz: Universidade de Estremadura.
Larrañaga, E. e Yubero, S. (2005). Ocnos, 1, 43-60.
Yubero, S. (2006). Sobre el valor de la lectura en los valores del mediador. Ponencia V Seminario Internacional de 'Lectura y Patrimonio'. Cuenca, 25-27 outubro.
Yubero, S., Larrañaga, E. e Cerrillo, P.C. (2004). Valores y lectura. Estudios multidisciplinares, Cuenca, Servizo de Publicacións da UCLM-CEPLI.


 
 

   Atrás       Subir