Biblioteca e mediateca. Espazos para o coñecemento

Texto e fotos:
Xosé Manuel Rosales Noves
Arquitecto e profesor de ensino secundario
Carlos Muñoz Fontenla
Arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña
 

O laborioso e intenso proceso vivido ao longo do pasado século na procura dunhas mellores condicións de vida para a cidadanía do noso país, ten que continuar no presente tendo por un dos obxectivos fundamentais garantir o acceso xeneralizado á cultura como un dos piares básicos en que se debe asentar o noso modelo social. Neste obxectivo as bibliotecas xogan, xunto con outras institucións, un papel fundamental pola súa capacidade para se integraren na vida da colectividade.

As bibliotecas son institucións do coñecemento e, como as outras institucións dunha sociedade, son lugares cheos de momentos en que se concentran os esforzos humanos e onde os desexos individuais se confunden e mesturan cos obxectivos de todo un pobo. Son puntos de encontro que nos brindan a oportunidade de satisfacer a nosa ansia de aprender e de compartir o aprendido.

É importante lembrar que a xeralización da educación básica no noso país foi moi tardía. A Lei xeral de educación 1970, coa extensión da escolarización obrigatoria ata os 14 anos, supuxo o inicio da superación do grande atraso histórico na educación e, por tanto, do acceso xeneralizado da cultura para a cidadanía. Iso quere dicir que a maioría da poboación con idades superiores aos 47 anos non tivo oportunidade de acceso a unha educación básica que lle permitise gozar duns coñecementos e habilidades que lle facilitasen a formación ao longo da súa vida. Este feito é realmente significativo para entender cal é o papel que as bibliotecas están a xogar na nosa sociedade para unha parte moi significativa da poboación e cales son as demandas funcionais e espaciais que deben cubrir.

Pode que o inicio deste texto teña un ton reivindicativo que o leve a ser visto como algo fóra de lugar no presente, mais o noso obxectivo e mostrar como as infraestruturas e equipamentos que facilitarían e deberían facer posible o acceso democrático aos recursos que permitan unha mellora substancial da nosa formación persoal e o desenvolvemento das nosas capacidades, están aínda moi lonxe do que o noso contorno europeo leva xa anos ofrecendo.

O pasado próximo

Desde as grandes bibliotecas de Estado, santuarios en que se acumulaba o coñecemento recollido nos libros, ata as actuais mediatecas de barrio, en que punto se sitúan as nosas bibliotecas públicas? O certo é que nos atopamos nun punto intermedio que reflicte a dualidade presente no sistema bibliotecario: por un lado, a visión que teñen os responsables públicos da toma de decisións e, por outro lado, os bibliotecarios e as bibliotecarias que enchen as bibliotecas de contidos e actividade.

Como marco de reflexión imos tomar a cidade da Coruña, unha cidade que presenta unha rede de bibliotecas municipais que pode ser representativa dos modelos de bibliotecas públicas inseridas na rede de barrios da cidade e que, por tanto, ten o valor da proximidade á cidadanía para a prestación de servizos e a oferta de equipamentos e actividades.

A primeira biblioteca municipal da Coruña créase en 1927, con 4255 volumes, e instálase no salón de sesións da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, no Pazo Municipal. Nos anos trinta constrúese nos xardíns de Méndez Núñez o edificio Atalaia (1933-35), unha obra do arquitecto municipal Antonio Tenreiro, unha excelente obra de arquitectura racionalista que sufriu importantes transformación a finais do século XX. Este edificio albergaba aseos públicos no semisoto, unha biblioteca infantil e o despacho do xefe dos xardíns na planta baixa, e un pequeno bar na terraza superior. Esta pequena obra condensa moitos dos valores que hoxe son desexables para as novas bibliotecas: emprazamento nun espazo público significativo da trama urbana, coexistencia de espazos de lecer e cultura e unha imaxe de absoluta contemporaneidade na formalización da súa arquitectura. Este edificio permaneceu pechado algúns anos e abriuse de novo en 1969, recibindo o nome de Ramón Menéndez Pidal. Tras un progresivo deterioro dos locais e da colección, os fondos desta biblioteca pasan finalmente, en 1986, á sede central de Durán Loriga, a que fora trasladada a biblioteca de María Pita en 1978.

E así é como, en 1990, cando xa levabamos uns anos de xestión democrática nos concellos, na planta baixa dun edificio municipal, na rúa Durán Loriga, na anterior Delegación de Facenda, estaba situada a Biblioteca Municipal da Coruña, un local de 125 m², obsoleto, deteriorado e inadecuado para prestar o servizo bibliotecario.

Nese momento, a biblioteca central da Coruña padecía de todos os erros que, ao noso entender, afectaban e seguen afectando ás bibliotecas do noso país pola visión que os responsables públicos teñen destes equipamentos:

-Entender a biblioteca coma un depósito de libros destinado a un servizo de préstamo e consulta, non habendo ningunha outra actividade ou servizo para prestar á cidadanía dentro da biblioteca.

- Non se necesitan requirimentos espaciais diferenciados para o desenvolvemento da súa función polo que, ao seu entender, pode integrarse facilmente en calquera edificio público en que haxa un espazo sobrante.

É en 1990 cando comeza a constituírse o actual sistema municipal de bibliotecas. Así, en 1991 entran en funcionamento a Biblioteca Municipal Salvador de Madariaga ou Biblioteca Central, formada por tres seccións independentes: hemeroteca, biblioteca infantil e xuvenil e biblioteca de estudos locais. Esta "refundación" non vai acompañada duns novos equipamentos, dispoñendo unicamente da incorporación das antigas dependencias do arquivo municipal na 1ª planta do edificio de Durán Loriga. É así como, en 1991, a Biblioteca Municipal Central da cidade da Coruña dispoñía duns 300 m², dispostos en dúas salas situadas en dúas plantas do antigo edificio de Facenda, na rúa Durán Loriga, unhas dependencias que a día de hoxe seguen sen resolver os problemas de accesibilidade que os chanzos da súa entrada presentan.

En 1991 a Biblioteca Central era a única biblioteca municipal ata que se pon en marcha, neste mesmo ano, a Biblioteca da Sagrada Familia, a primeira biblioteca de barrio de cidade. Xorde esta biblioteca por iniciativa da Entidade Benéfico-Constructora Sagrada Familia que lle ofrece ao concello uns locais comerciais que sumaban uns 200 m² nos baixos das Torres da Sagrada Familia. Esta entidade vía na biblioteca unha saída aos graves problemas que sufrían os novos do barrio. A posta en marcha fíxose cunha mínima adecuación dos locais, tirando tabiques e comprando mobiliario.

Desde 1933 ata 1995 non se encarga o primeiro edificio propio para unha biblioteca. Un edificio de 375 m2 pegado ao centro social do Castrillón. Por primeira vez, o arquitecto responsable do proxecto consulta as necesidades coa bibliotecaria e, ao rematar a obra, accede a seleccionar o mobiliario de acordo coa bibliotecaria. Que retraso levamos! Cando o estándar medio para unha poboación duns 15000 habitantes está arredor dos 1500 m2, nós facemos unha biblioteca de 375 m².

En 1995 o concello saca a concurso o edificio do centro cívico do Forum Metropolitano. O programa incorpora un espazo destinado a biblioteca pero, unha vez máis, non se consulta aos servizos bibliotecarios municipais sobre cal debe ser o programa e as necesidades funcionais e espaciais que debe satisfacer este novo equipamento. Os autores do programa, descoñecedores dos requirimentos necesarios para estes espazos, soamente destinan 400 m² claramente insuficientes e que non permiten a básica diferenciación entre os espazos infantís e os espazos de adultos. Houbo que esperar a 1998 para poder dispoñer dunha sala independente para a sección infantil coa anexión dunha estancia de 200 m2 na planta baixa do edificio.

Houbo que esperar a 1999, no proxecto da biblioteca de Monte Alto, situada na terceira planta do centro social -un edificio cun marcado carácter asistencial, carente de imaxe institucional e de espazos de acollida e cunha desafortunada conexión coa trama urbana- para que, por primeira vez, unha biblioteca municipal dispuxese dun vestíbulo-recepción, unha sala infantil e unha sala de adultos, así como dunha área de traballo interno e dunha sala de reunións. Isto foi posible xa que é tamén a primeira vez que o arquitecto responsable das obras traballa de xeito coordinado cos servizos bibliotecarios, establecendo claramente as áreas e os requirimentos funcionais na procura de optimizar o espazo dispoñible (647 m²), ao que contribuíu claramente a proposta integradora do mobiliario na definición dos espazos. O resultado foi claramente mellor ao das anteriores actuacións mais a escasa superficie do local fixo que a incorporación de novos servizos (aula de informática...) e o aumento dos fondos afectasen substancialmente ao espazo inicialmente deseñado. A aparición de novos estantes e o incremento da súa altura, xeran barreiras visuais e diminúen os espazos libres, afectando á accesibilidade interna e á continuidade espacial das estancias.

Xa estamos en 2002. E ata agora non hai na cidade unha biblioteca municipal que cumpra os estándares mínimos desexables para este equipamento, con independencia de que existan na cidade outras bibliotecas abertas á cidadanía (Deputación, Universidade, Estado...). Coa remodelación da Biblioteca da Sagrada Familia -lembren que era a que estaba situada nos baixos comerciais das torres da Sagrada Familia- xorde a oportunidade de facer un proxecto de biblioteca de principio a fin, contándose co arquitecto desde os seus inicios. O resultado é un valiosísimo espazo que cumpre a función de centro documental, punto de encontro e de formación nuns espazos cunha calidade e definición significativamente superiores ás anteriores. Soamente a limitación de superficie (740 m2) e de altura (3,50 m) non permitiu concluír cunha proposta en que se puidesen integrar os novos servizos e unha óptima accesibilidade interior.

En 2006 decídese ampliar a biblioteca do Castrillón, que pasará a ter uns 900 m² e crear a biblioteca dos Rosales, cuns 700 m², asociada ao centro cívico. Unha vez máis os servizos bibliotecarios ofrecen a súa colaboración na definición do programa funcional mais aínda está por ver se as súas indicacións serán tidas en conta. O exceso de suficiencia disciplinar, a negativa a escoitar aos que lle van dar vida aos espazos que propoñemos, ten nefastas consecuencias para a boa adecuación das nosas propostas ao que se espera delas. Non podemos desaproveitar o coñecemento e a entrega que os profesionais doutras disciplinas poden ofrecer ao noso traballo como arquitectos non só para a certeira solución as demandas coñecidas senón para indagar nas novas realidades ás que lle temos que dar novas e imaxinativas respostas.

O presente inmediato

Tras a visión do que, ao noso entender, foi a xestación da rede de bibliotecas públicas municipais da cidade da Coruña, con que pretendemos amosar cal é o escenario en que xorden e o papel xogado por cada un dos actores, queremos facer unha breve reseña de onde vemos o presente das bibliotecas, do que está a acontecer no noso contorno cultural cos espazos bibliotecarios e cales son os novos requirimentos espaciais que as bibliotecas públicas demandan para poder brindar os seus vellos e novos servizos.

A aula non é o único lugar en que se produce a aprendizaxe. Para acadar o éxito na sociedade da información, necesitamos poder acceder a opcións educativas individuais que se axusten ás distintas necesidades de aprendizaxe que temos ao longo da nosa vida. Un contorno que reflicte de xeito excepcional a diversidade do coñecemento humano é, xustamente, o da biblioteca. É o lugar a que nos diriximos de xeito prioritario cando buscamos información, materiais de aprendizaxe ou formación continua ou para pasar simplemente un momento de lecer.

As bibliotecas, e principalmente as bibliotecas públicas, están en pleno proceso de transformación. A nova visión das bibliotecas fai fincapé no seu carácter de lugares de encontro, de centros de relación e comunicación, ao tempo que teñen que atender cada vez máis ás necesidades de autoformación e formación permanente da cidadanía poñendo á súa disposición os espazos e os recursos que lle faciliten desenvolver, segundo os seus intereses e necesidades, os procesos de aprendizaxe que necesiten.

Este novo marco demanda das bibliotecas a oferta, non só do acceso a documentos e información, senón tamén salas de reunións, espazos de exposicións e actividades culturais de todo tipo, salas de audición e visionado, lugares en que poder tomar un café ou xantar, así como puntos de traballo individuais e salas de traballo en grupo: un lugar de encontro con oportunidades para a inspiración, o diálogo, a contemplación ou o estudo.

A arquitectura das bibliotecas ten que dar resposta a todos estes requirimentos. A perfecta adecuación entre os servizos e os espazos en que se poidan ofrecer redundará no máximo rendemento espacial coa mínima carga de xestión engadida. Mais non podemos esquecer que as cualidades dos espazos teñen unha grande influencia no noso comportamento e nas nosas sensacións polo que, se se pretende promover un determinado tipo de uso, os espazos propostos para tal fin deben facilitalo e potencialo.

A diversidade de funcións e a diversidade e especificidade de intereses e necesidades da cidadanía, determina a necesidade dunha maior variedade nos espazos bibliotecarios. No deseño das novas bibliotecas entendemos que deberían seguirse os seguintes principios:

Espazos máis abertos e flexibles, que permitan unha adaptación constante ás demandas dos usuarios e aos novos medios e soportes de información e comunicación que poidan xurdir.

Localización céntrica na cidade ou no barrio, rexeitando os emprazamentos marxinais ou residuais a que tristemente nos teñen afeitos.

Deben ser deseñadas como unha prolongación do espazo público, sen ningún tipo de barreiras, cunha imaxe atractiva que anime á súa utilización, conformando espazos de comunicación e encontro, en que os usuarios teñan un papel protagonista e se identifiquen con estes novos espazos como os que mellor reflicten a ansia de aprender e compartir o aprendido.

As bibliotecas públicas son a conexión entre o coñecemento e a sociedade. Proporcionan os medios e os servizos que permiten ampliar ao máximo o acceso aos contidos nos máis diversos soportes -pasados, presentes e futuros. As tecnoloxías de uso persoal conforman unha rede que funciona continuamente e a dixitalización das fontes de información tradicional xeran novas experiencias. O préstamo xa non é o servizo prioritario ao tempo que aumentan os usuarios das bibliotecas. Este é o novo marco en que se sitúa a biblioteca pública do século XXI.

Como exemplo desta visión dos novos espazos do coñecementos, en que a presenza dos medios priman sobre a dos fondos, ao longo deste texto fomos presentando imaxes da Mediateca de Sendai, obra do arquitecto Toyo Ito, unha excepcional obra de arquitectura contemporánea en que a idea dos novos espazos para a comunicación e o coñecemento sintetízanse nunha obra absolutamente novidosa, coa máxima flexibilidade na distribución en organización dos espazos, en que están presentes todos os niveis de comunidade-privacidade desexables segundo as circunstancias e intereses e en que o mobiliario actúa como un elemento fundamental na conformación dos diferentes espazos da obra. Sirva como ilustración do que xa é presente nos países que asumen como prioritario o compromiso coa cultura e a democratización do acceso ao coñecemento e á información.

Esperemos que non tardemos moito en dispoñer dunha rede de bibliotecas municipais en que os edificios teñan a capacidade de posibilitar todas as actividades e servizos que a sociedade demanda e que pode ofrecer o persoal que lles dá vida e os enche de contidos. Pode que, nese momento esteamos achegándonos aos estándares que a chamada sociedade do coñecemento debe brindar á cidadanía.

   Atrás       Subir