
Ilustración: Patricia Castelao
Andrés Sobrino
Universidade da Coruña
As bibliotecas públicas non tiveron para min significado até que comecei a estudar na universidade. Estiveron, por tanto, ausentes na miña formación lectora; o meu gusto polos libros non lles debe nada. Na miña infancia, nos primeiros anos cincuenta, a biblioteca integrábase con dificultade nos costumes cidadáns. Na miña cidade existía a Biblioteca da Casa da Cultura, dirixida moi eficientemente, como sabería anos despois, polo poeta Garcés, mais ninguén -nin os pais, nin o profesorado- me ensinou o camiño até o xardín de San Carlos. No colexio en que estudei os libros estaban protexidos do lector por librarías acristaladas, pechadas con chave.
Como cheguei aos libros? Na miña prehistoria lectora vexo unha revista, Blanco y Negro, que, segundo a miña nai, me facía comer mentres pasaba as follas e aparecía un conto esfollado, Blanquita, en que unha nena tiña un amigo león. Despois veu o TBO, que cada domingo me compraba o meu pai se me portaba conforme era debido. Foi un comezo de lecturas e angustia porque dona Pilar, que me ensinaba a ler, non acababa de o facer de todo. E o TBO agardaba coa familia Ulises, Babalú e os inventos imposibles daquel profesor de Copenhague.
Lembro o tremor da noite de Reis e a confianza que eu tiña en que me traerían libros. El tesoro de la juventud, o máis desexado, o que nunca chegou, incomprensiblemente ao meu xeito de ver. Chegaron, iso si, As mil e unha noites, O capitán de quince anos, Platero y yo...
Primeiras lecturas
O meu pai sentía un respecto enorme polos libros, gozaba comprándomos e referíase a eles chamándoos con reverencia, obras. Era, asemade, un gran lector en voz alta que, cando volvía do traballo nos lía a miña nai e a min: El Lazarillo de Tormes, As aventuras do Capitán Corcorán e, mesmo, As comedias para puritanos de Bernard Shaw. Aínda lembro a súa voz tranquilizadora léndome a Salgari nos meus longos períodos de enfermidade. Os meus veciños deixábanme os luminosos libros de Elena Fortún e as novelas de Karl May. Lía todo e todo o remataba enseguida. Ás veces, na rúa, facendo recados que me encomendaban na casa ou simplemente paseando, entrábame unha estraña urxencia. Había un libro, de Enid Blyton, de Verne, de quen fose, que me agardaba. E había poucos praceres máis grandes que aquel reencontro.
Os libros tiñan tamén un significado físico: cheiraban a novo, a tinta, tiñan cubertas de cores, brillantes ou mate, papel de diferentes rugosidades, debuxos mellores ou peores. Desde que chegaban ás miñas mans poñíame a presupoñer o seu contido: a capa facíame pasar a follealo, fixábame nunha frase, miraba un debuxo... Se non o podía comezar, pechábao con fame de ler.
Algo semellante ocorría cando ía ao cinema. Penso no antigo Equitativa da Coruña. Preparábame para o filme que ía ver cos carteis que se exhibían fóra da sala. Despois, xa sentado na miña butaca, acendíanse as luces arredor da pantalla que logo se apagaban. Abríanse unhas cortinas, iluminadas, subía o pano e comezaba o espectáculo, bigger than life, máis grande que a vida. Así era tamén a miña experiencia lectora, íame poñer en contacto, aos poucos, con algo que era imposible naquel mundo gris: a aventura, o perigo e a súa superación, illas, piratas...Pecho os ollos e aparecen a colección Pulga, Cadete, Historias, Salgari, Xulio Verne, os libros de Araluce...
As bibliotecas familiares
Na familia había unha biblioteca canónica, a do meu padriño. É dicir, unha biblioteca situada no lugar de respecto da casa: esa estraña habitación que se denominaba despacho e que cumpría un papel pouco coñecido. O dono da casa tiña un despacho, era así, mais ninguén sabía moi ben para que. Alí estaban as sempiternas librarías acristaladas, mais sen chave. Alí eu tiña permiso para revolver e ler o que quixese. O meu padriño, un home profundamente libre, non pensaba que os libros puidesen facer mal a ninguén.
Nesta biblioteca folleei a nosa Enciclopedia Británica, o Espasa. Foi unha lectura continuada e sempre reiniciada que, alén de motivar curiosidades, achegoume á Historia da Arte. Tamén había novelas en edicións anteriores á guerra, da Editorial Prometeo, novelas inglesas dos anos 40, obras de Stefan Zweig, libros de Valle-Inclán... De cando en vez, meu pai recomendábame unha lectura ou dicíame que outra non a debía ler. Cando isto sucedía eu quedábame perplexo. Por que non debía ler aqueles contos das Mil e unha noites- na edición de Blasco Ibáñez- que non estaban no libro que me trouxeran os Reis? Non o comprendía, meu pai tampouco pasaba da indicación.
Tiña acceso a outra biblioteca, a da miña avoa materna. Era o contrario da anterior en fondo e en accesibilidade. Alí había revistas carlistas encadernadas, folletíns de Sopena e novelas, moi emocionantes para min, de Dick Turpin e de Dick Norton. Tamén se podía observar algunha revista republicana, asustada naquel mundo francamente conservador. A avoa prohibíanos o acceso aos armario dos libros a min e aos meus curmáns e isto proporcionounos un pracer engadido: ler ás agochadas, vixiando por se viña.
A adolescencia sorprendeume lendo os libros do Reader´s Digest, aquelas versións que a revista americana facía de novelas de éxito. Tamén apareceron libros que, decididamente, o meu pai non me deixaría ler. Estou a falar de Trópico de Capricornio de Henry Miller. Mais todo alimenta. De súpeto, descubrín que, alén de quentura, Henry Miller producíame un novo pracer, a conciencia de descubrir un grande escritor, aínda que o motivo do meu achegamento fose, nunca mellor dito, non sancto.
E aos poucos, medraban os meus propios libros, en que investía os meus escasos aforros. Xuntábanse nos estantes, interferíanse, uns chamaban a outros que aínda estaban por chegar. Creouse algo dinámico e sorprendente que eu ordenaba de mil xeitos. O illamento lector producíase no meu cuarto, non demasiado alleo aos ruídos do exterior, alumado por un flexo, mais, naqueles tempos, podíase dar en calquera lugar, como sucede cando se le cunha entrega absoluta, cunha entrega de converso.
Da universidade e a censura
E chegou a universidade e alí si que houbo bibliotecas públicas. E que bibliotecas! Estou pensando singularmente na da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, onde estudei. Recórdoo como unha experiencia viva, fermosa e, tamén, olorosa: un cheiro a unha mestura de cera, madeira e humidade, só lle faltaba unha ráfaga de incenso. Dera un paso cara ao máxico: lía unha edición de La Regenta, ilustrada por Llimona, nunha fermosa biblioteca histórica, chea de segredos que se me brindaban amablemente. Consultaba o Summa Artis, intentaba traducir os Carmina Buranna... O tempo, aínda, pasaba lento e o silencio, moi relativo, non me impedía concentrarme. E continuei coa miña vida de lector, animada polo descubrimento deste novo paraíso.
Na biblioteca encontraba ademais libros de arte con anotacións persoais, que me aclaraban a posible atribución dunha ou doutra obra, diferente á sinalada polo autor do libro. E esta incorrección, de xeito evidentemente censurable, levábame a pensar no seu autor, nas súas motivacións escritoras e no seu perfil persoal. Aínda hoxe, cando compro un libro de segunda man, contemplo con interese a tarxeta postal esquecida e as anotacións, intelixentes ou cándidas, que acompañan as súas páxinas. Alguén fixo partícipe da súa vida e da súa intimidade ese libro. Cando o leo, leo un libro humanizado. Ás veces somos nós, en lecturas anteriores, os humanizadores. Así obteremos ese momento único, en que o libro que lemos no verán nos brinda un rego de area de praia. É un fermoso agasallo de tempos máis claros. Como Proust coa súa madalena, de súpeto invádenos unha sensación especial, un benestar novo e, pensando nela, volta o día soleado e, nalgúns casos, feliz.
A colección Austral, cun prezo ao alcance do meu peto, achegoume aos clásicos. Aínda gardo o meu primeiro Quixote, subliñado en vermello e azul; insubstituíble. E virán os libros de Losada: a Xeración do 27 e Neruda, algúns comprados a Eduardo no seu portal da rúa do Vilar, que aconsellaba:
- Lévao, que tamén o levou don Benito Varela Jácome.
Os libros en galego impresos na Arxentina, comprados en trastendas, os meus primeiros livres de poche, as novelas de Eça de Queiroz, os poemas de Pessoa, Rosa Chacel e Giraudoux defendendo o meu propio ser nun longo servizo militar de 18 meses. Como esquecelos?
A procura do que a censura prohibía, fixo que axiña coñecese a compañeiros de ruta que, como eu, frecuentaban lugares onde ás veces achamos o que procurabamos. Os libros desexados, disputados con outros clientes, tiñan unha dupla condición de sufrimento, libros feridos polos censores e polos avatares do non sempre fácil transporte. Eu débolle a referencia dalgúns deles ao profesor Sobejano que, nun curso de verán para estranxeiros que organizaba a Universidade de Santiago de Compostela en Coruña, nos falaba de novelas que non podiamos ler, La reivindicación del Conde don Julián de Goytisolo e Si te dicen que caí de Marsé. Dous agasallos marabillosos.
A miña piedade polos libros ten un antecedente histórico, aínda estou a ver como unha tía avoa queimaba as láminas dunha castísima edición de O paraíso perdido de Milton. Eu era un neno e non podía comprender por que os pobres Adán e Eva tiñan que arder na cociña bilbaína. Por iso, cando xurdiu, adoptei libros: unha Antología rota de León Felipe, que quixeron esnaquizar furibundos fascistas dos anos oitenta, acompáñame coas súas páxinas medio borradas, lembrándome que a palabra non desaparece aínda que algúns teimen niso.
Enfermo de literatura
Os lectores compulsivos pertencemos a un club secreto, que os cataláns definen cunha palabra, lletraferits, os letraferidos. Coñecémonos entre nós polo xeito de coller un libro, de follealo, de valorar a calidade dun papel -ese sorriso que nos dá unha textura-, pola présa para buscar privacidade cando atopamos o libro procurado... Alén disto temos bastantes teimas, tratamos os nosos libros de xeito especial, ás veces ilóxica: un amigo meu prancha as follas dos libros logo de os ler, eu, que son capaz de os encher de anotacións, non tolero que se lles dobren as follas con marcas de lectura.
Sei, asemade, que comprarei libros até que poida. Oio á miña nai, cando eu era adolescente:
- Mais liches todo o que tes?
Como respondía entón, respondo hoxe:
- Non, claro que non.
O deber ser da biblioteca
Mais, como di Alberto Manguel, quen me pode privar de continuar a comprar consolación, esa consolación ás veces bebida até o fondo do vaso, outras simplemente probada... Consolación... que mira como arrecía, como dicía Gloria Fortes. E eu, o home que se fixo lector sen bibliotecas, que atopou máis tarde nelas maxia e alegría, soño cunha prolongación pública deste sentimento. Soño cunha biblioteca como a que desexa Umberto Ecco: algo comparable aos estantes deses vendedores que, nas beiras do Sena, ofrecen aos paseantes a súa mercadoría. Alí os libros procúranse, ás veces, atópanse e outras aparécensenos como as cousas importantes da vida. Esta biblioteca deberá ser íntima e pública, que nos permita illarnos na nosa tarefa e que, ao mesmo tempo, sexa un lugar de encontro e charla.
Fica aquí a miña homenaxe á Biblioteca Pública de Guadalaxara, que coñecín, viva e magnífica, na época en que a dirixía Branca Calvo.
Atrás
Subir