O sistema galego de bibliotecas. As bibliotecas públicas onte e hoxe
Daniel Buján
Bibliotecario
Un pouco de historia
As bibliotecas públicas galegas, nacen, cando menos oficialmente, a mediados do século XIX, como bibliotecas públicas provinciais, ligadas en certo modo aos Institutos daquela tamén creados e cos fondos procedentes da desamortización. Fano como polo demais o resto das españolas, cun concepto bastante diferente tanto do que temos hoxe en día de biblioteca pública, como do que na mesma época se está a desenvolver noutros ámbitos como o anglosaxón. Un concepto que mesmo vai lastrar algúns aspectos do desenvolvemento da biblioteconomía pública en España ata datas recentes (a limitación ata hai pouco do número de profesionais dos corpos estatais de bibliotecarios en razón do mantemento dun suposto nivel e prestixio intelectual dos seus compoñentes é un exemplo desta errónea concepción).
Hai exemplos de bibliotecas que fan servizos de biblioteca pública anteriores aos destas bibliotecas provinciais, ligadas en certo modo ás correntes ilustradas do país. A Biblioteca do Consulado en Coruña, aínda aberta, é un notable exemplo, as bibliotecas ligadas ás Sociedades Económicas de Amigos del País, aínda que con restricións, so outro. En calquera caso, esta visión con que nacen as bibliotecas públicas galegas ten a súa orixe no feito precisamente de que polo menos no que respecta aos seus fondos nacen non tanto dunha demanda ou dunha esixencia política, como do feito circunstancial dunhas bibliotecas monásticas confiscadas ou mellor "desamortizadas" por Mendizábal.
Pouco queda deses fondos. Tras o abandono en que quedan moitos deles ata a creación das Comisións de Monumentos Históricos e Artísticos, boa parte deles pérdense. Perviven os da Biblioteca Pública do Estado (biblioteca Nodal agora) en Pontevedra, que polo demais só supón arredor do vinte por cento dos fondos orixinalmente conservados en conventos da provincia, os da Biblioteca da mesmo orixe e categoría de Lugo e algúns máis dispersos (os do mosteiro de Conxo actualmente conservados en Poio, os de San Martiño Pinario e poucos máis). Os da Biblioteca de Ourense acabaron ardendo nun lamentable incendio e os de Coruña perdéronse na súa maioría.
Os feitos históricos teñen, neste caso, unha importancia maior da súa simple exposición. Cando nacen estas bibliotecas, o termo público refírese unicamente en que son accesibles, pero pouco máis. Trátase en boa parte dos casos de fondos esencialmente de uso relixioso, textos bíblicos e litúrxicos, moita literatura pastoral e obras de devoción, e, o que o fai aínda menos accesible, en boa parte escrita en latín.
O resultado era de esperar: non hai lectores. Os poucos índices de asistencia a estes centros no século XIX e ata ben entrado o XX sinalan un mesmo panorama, a inasistencia de lectores. Por iso e polas poucas posibilidades de acceso que teñen a elas boa parte da poboación, nace un novo concepto ao longo do século, que é de biblioteca popular, ou sección popular en bibliotecas públicas. Este termo non é actualmente de uso. En canto ás bibliotecas públicas hai tempo que teñen asentado o seu concepto popular e dirixido ao público común, pero non sempre foi así. É máis, a razón do seu nome está precisamente na necesidade de diferencialas das bibliotecas entón denominadas públicas, máis pensadas para eruditos e estudosos de alto nivel cultural que para lectores do común.
Podemos establecer pois que os esforzos dos bibliotecarios durante o século XIX van ser, por un lado o de enriquecer, modernizando, os fondos que con tan pouca operatividade pública nacen a mediados de século, e por outro o da creación de bibliotecas "populares", que podemos considerar, como estrutura estatal, orixinadas nunha política posta en práctica por José Echegaray. Nacen estas bibliotecas en escolas públicas, coa dobre función de escolares e populares e son varias as poboacións galegas que chegan a contar con este tipo de centros, Vigo entre elas. Podemos considerar este proxecto como o primeiro intento, fallido polo demais, de crear unha estrutura de bibliotecas fóra das capitais de provincia. Cada biblioteca recibía cerca de 200 libros enviados polo Ministerio de Fomento, que recibían o mestre e o alcalde da poboación.
Mostra dun cambio de concepción na política destas bibliotecas vai ser a autorización (que agora parécenos común, pero daquela era unha novidade, moi contestada por varios sectores profesionais) do servizo de préstamo, dun só libro por lector e por dez días, e sempre que non se trate de "dicionarios, atlas ou outras obras de precisa consulta". Contaban ademais con amplas coleccións de libros de lectura e recreo (case un vinte oito por cento, que se hoxe nos parece insuficiente, neses anos era unha importante conquista).
A política de creación de bibliotecas populares mantívose durante anos, estendéndose a outros tipos de centros, como sociedades artesáns, ateneos e círculos obreiros e mercantís, etc., pero non consegue en ningún momento formar en Galicia a necesaria estrutura de lectura pública, que non nace de feito ata a creación dos Centros Coordinadores de Bibliotecas, xerme do que é a actual Rede de Bibliotecas de Galicia. Non coñecemos ningún estudo acerca da continuidade das bibliotecas populares creadas no século XIX e principios do XX en Galicia, pero o feito é que, cando os centros coordinadores comezan a creación das actuais bibliotecas municipais, fano practicamente a partir de cero.
A inexistencia duna forte rede de bibliotecas públicas municipais, e unha política demasiado centrada nas bibliotecas provinciais, van ser outra das herdanzas que lastran en varios aspectos a nosa estrutura bibliotecaria. Orixina en certo modo unha ampla fenda entre o mundo, profesional e técnico, das bibliotecas do Estado, e o das bibliotecas municipais, sen corpos asentados e unificados de bibliotecarios, e vivindo en moitos casos (isto verase acrecentado, como veremos, coa desaparición dos centros coordinadores) nun illamento que non beneficia a ninguén. Mesmo a concepción de provincial das bibliotecas do Estado choca en certo modo co papel, en realidade urbano e centrado na súa comunidade concreta, que é a cidade onde se sitúa, que xogan. Iso provoca a duplicidade (en casos como o da Coruña, "triplicidade") de organismos públicos de xestión na que poderiamos considerar rede de bibliotecas da localidade.
Non faltan en calquera caso, proxectos e plans de bibliotecas de ámbito nacional que van incidir máis ou menos en Galicia e sobre os que non imos estendernos, para centrarnos na creación e política dos Centros Coordinadores de Bibliotecas que de feito podemos considerar como primeiro punto de partida da nosa configuración bibliotecaria actual.
Os Centros Coordinadores
A idea, que nace en Asturias en plena guerra civil e vaise establecendo nas restantes provincias na época de posguerra, chega a Lugo no ano 1949, e a Ourense, Coruña e Pontevedra en 1956 (García Ejarque, 2000). Aínda que hai variacións no seu funcionamento, esencialmente baséase nunha estrutura provincial dirixida tecnicamente pola Biblioteca Pública Provincial (ou do Estado) e financiada pola Deputación Provincial e o Estado, a través do Servizo Nacional de Lectura. Estes centros coordinadores son os responsables, xunto cos concellos cos que se asinaba acordo, da estruturación de moitas das bibliotecas públicas municipais galegas, nunha estrutura, que cos seus defectos, contaba con importantes vantaxes que no momento da súa desaparición vanse facer patentes.
Esencialmente, estes Centros Coordinadores:
contaban con persoal profesional ao seu cargo, ao estar dirixidos polos directores das bibliotecas provinciais;
contaban con persoal estable para crear, atender, asesorar e controlar tecnicamente as bibliotecas municipais;
contaban con presupostos de apoio ás bibliotecas. Non só no momento da súa creación, senón tamén no do seu mantemento;
constituíanse en puntos de coordinación estables, normalizadores de procesos de selección de persoal, e en constante contacto coas bibliotecas municipais ao seu cargo. O feito de estar estruturadas no ámbito provincial favorecía ademais este contacto e a proximidade ás bibliotecas atendidas.
A transferencia das responsabilidades en materia de bibliotecas públicas á administración autonómica vai provocar, non obstante, a progresiva desaparición destas institucións, que son seriamente afectadas polo feito de que no momento da citada transferencia, esta afecta ás bibliotecas adscritas ao Servizo Nacional de Lectura, ou sexa, as municipais, pero non ás bibliotecas do Estado, que non se transferirán ata case dez anos despois. E é que a transferencia de competencias entre o Estado e a Xunta de Galicia é, polo que respecta ás bibliotecas, un proceso relativamente lento, que se atasca en certo modo nas Bibliotecas Provinciais, e que dura dende 1980, en que se transfiren as competencias do Centro Nacional de Lectura, ata finais de 1989, en que se finaliza o proceso coa transferencia das Bibliotecas Públicas do Estado aínda a cargo do Ministerio de Cultura. A rotura deste cordón umbilical vai ser definitivo, xunto coa lei de bibliotecas de 1989 para a desarticulación do antigo sistema, pese a que nun principio inténtase reproducir en Galicia o sistema nacional de Centros Coordinadores, creando mesmo un Consello Rexional de Lectura, en imitación do Servizo Nacional de Lectura.
En calquera caso, e no momento de confeccionar a lei a situación baséase nunha estrutura en descomposición dos antigos Centros Coordinadores de Bibliotecas, xunto cuns centros provinciais, as Bibliotecas Públicas do Estado, que seguen baixo a xestión estatal, e que aínda que son transferidos o mesmo ano en que se publica a lei seguen nunha situación na que se produce unha certa duplicación de responsabilidades entre o Estado e a Comunidade autónoma con respecto a estas.
A titularidade delas segue a ser estatal.
A xestión é responsabilidade das comunidades autónomas.
O Estado mantén determinadas competencias: os novos edificios (exemplo son os próximos de Santiago e Ourense) segue a ser a súa responsabilidade e son financiados en exclusividade polo Estado.
O mesmo pasa con determinados elementos como a informatización.
O Estado segue regulamentando determinados aspectos das bibliotecas públicas (Regulamento de Bibliotecas Públicas do Estado).
Por esa razón, as bibliotecas denominadas nodais, (agás Vigo, que é municipal) Coruña, Ourense Pontevedra e Lugo e ás que lles habería que sumar Santiago, forman ao tempo parte do Sistema Español de Bibliotecas e do Sistema de Bibliotecas de Galicia.
Esta situación, coas Bibliotecas Provinciais dependendo da Administración Central e as Municipais dependendo dos concellos e da Xunta de Galicia, impediu durante eses anos a creación dunha verdadeira estrutura de rede. Non existía ademais unha Biblioteca Central, e a Lei de bibliotecas non se promulga ata 1989, data que podemos considerar punto de partida para a actual configuración do sistema bibliotecario en Galicia.

A Lei de Bibliotecas de Galicia
A Lei de bibliotecas do ano 1989 é, en calquera caso, a base sobre a que se estrutura a actual configuración das bibliotecas galegas. A lei recolle o concepto de sistema bibliotecario, e pretende organizar un sistema para Galicia que desenvolve a través de catro títulos:
1) O primeiro define o concepto, ámbito e funcións das Bibliotecas Públicas de Galicia.
2) O segundo título "Organización e funcionamento do Sistema bibliotecario de Galicia" articula o que será o dito sistema, constituíndoo en "Órganos" e en "Centros" bibliotecarios.
A) Serían órganos:
O servizos bibliotecarios dependentes da consellería competente en materia de Cultura, o Consello de Bibliotecas e os Centros Territoriais de Bibliotecas. A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, ten por cometido ocuparse do estudo, da planificación e programación de necesidades, do informe, apoio e inspección técnica, da proposta de distribución de créditos e da coordinación do funcionamento das bibliotecas que se integren no sistema.
O Consello de Bibliotecas é un órgano consultivo e asesor da Xunta de Galicia en materias relacionadas co sistema bibliotecario. Está formado por nove membros, catro deles elixidos polo Parlamento e un polo "Consello da Cultura Galega" e debe reunirse polo menos unha vez cada seis meses.
Os "Centros Territoriais de Bibliotecas" son órganos de orientación e coordinación do funcionamento da rede bibliotecaria. Teñen funcións de orientación, apoio técnico, fomento e coordinación da rede no ámbito provincial, deben coñecer e aprobar os presupostos das bibliotecas da rede e repartir os fondos achegados pola Xunta de Galicia con destino ás Bibliotecas Municipais (nunca chegaron a poñerse en funcionamento).
B) Serían centros bibliotecarios:
O Centro Superior Bibliográfico de Galicia e mais os outros centros bibliotecarios que entren no ámbito da presente lei.
O Centro Superior Bibliográfico de Galicia está chamado a cumprir as funcións de "Biblioteca Nacional" de Galicia, como depositaria de cando menos un exemplar das obras suxeitas a depósito legal en Galicia, e como centro responsable dos labores técnicas bibliográficas que tal situación lle confire.
As Bibliotecas Municipais, establecidas mediante convenio, que poderían, segundo a lei, crearse en núcleos de poboación de mais de 2.000 habitantes.
As Bibliotecas Itinerantes de Préstamo, xestionadas pola Xunta de Galicia, completaban a estrutura básica do sistema.
3) O terceiro título da lei establece, a grandes trazos, os servizos e condicións mínimas das Bibliotecas Públicas, as posibilidades de cooperación coas Bibliotecas Universitarias e coas Bibliotecas Escolares, a realización de actividades culturais nas bibliotecas, e a obrigatoriedade de participar nos planes cooperativos e nos estudos estatísticos.
4) O cuarto e último título apunta a necesidade de contar con persoal cualificado e de esixir as probas de acceso oportunas, así como de procurar a súa formación permanente. Obriga tamén os titulares das bibliotecas a consignar nos seus presupostos ordinarios as partidas destinadas ao funcionamento destas, e darlle conta diso á Xunta de Galicia.
A lei precisaba dun desenvolvemento que se realizará a través de varias etapas. Nelas cubriranse algúns aspectos pendentes de desenvolvemento na lei e sobre todo definirase a parte fundamental do sistema bibliotecario que quedaba máis en suspenso: o da rede de bibliotecas municipais, que é o que configurará a rede de bibliotecas de Galicia. As etapas deste desenvolvemento, que van dende o Decreto de 1991 de Depósito Legal ata a Orde en 1995 de Creación de Bibliotecas e Integración na Rede de Bibliotecas de Galicia foron posteriormente recollidas no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, que introducía algúns lixeiros cambios e que substitúe actualmente á normativa anterior. Tamén o decreto e orde do depósito legal foron refundidos no decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Depósito Legal.
Este desenvolvemento da lei completaba a parte que esta última deixaba máis en suspenso, ou sexa, a propiamente formada polas múltiples bibliotecas públicas que realizan o servizo de lectura pública nos diferentes concellos de Galicia e por aquelas bibliotecas, as menos, que sen ser de titularidade municipal, facían tamén este servizo. A lei sinalaba xa algúns elementos, pero de forma xeral. Sinalaba, por exemplo, a responsabilidade da Xunta para asinar convenios con concellos e outros organismos públicos e privados para crear e manter servizos bibliotecarios e bibliotecas públicas suficientes. A lei sinala de feito e en certo modo unha obriga e ao tempo un obxectivo, que é o de que todos os núcleos de poboación de máis de 2.000 habitantes contasen cunha biblioteca aberta ao público, mentres que os núcleos con menor volume de habitantes estarían atendidos por un subsistema de bibliotecas móbiles ou axencias de lectura.
As bibliotecas móbiles nunca funcionaron debidamente. Só nalgunhas provincias as maletas viaxeiras foron realmente operativas, pero nunca se creou unha rede de bibliobuses (non hai actualmente ningún en funcionamento) e o préstamo directo (préstamo por correo) nunca se chegou a organizar. Da mesma maneira as bibliotecas fixas chegáronse a crear en núcleos sen apenas poboación co resultado de que moitas delas nunca chegaron a ter persoal e ser realmente operativas.
Sinalaba tamén a lei que a Xunta de Galicia velaría para que nas cidades de máis de 50.000 habitantes se establecesen redes bibliotecarias, e sinalaba as características básicas das bibliotecas públicas. Non incidía practicamente nas escolares nin nas universitarias.
O desenvolvemento da lei a través de decretos e ordes tiña en principio que contemplar o feito de que as bibliotecas municipais son, como servizos dos concellos, autónomas (en tanto os concellos o son), sendo polo tanto necesaria a estruturación dun sistema aberto ao que se accedese por convenio, elemento xa contemplado na Lei de bibliotecas de Galicia.
Establécese polo tanto no citado decreto 24/1995 de centros bibliotecarios fixos e na súa posterior refundición un novo concepto, denominado "Rede de Bibliotecas de Galicia" (en realidade deberíase chamar rede de bibliotecas "públicas" de Galicia), organizada, dirixida e inspeccionada polos servizos competentes da consellería e que se define da seguinte forma:
Denomínase "Rede de Bibliotecas de Galicia" a estruturación nun sistema coordinado, dos centros bibliotecarios incluídos no Sistema Bibliotecario de Galicia. Formarán parte dela tanto os centros bibliotecarios dependentes directamente da Consellería de Cultura, como todos os de titularidade pública ou privada que mediante o asinamento dun convenio, se comprometan a colaborar nos obxectivos de mellora do sistema bibliotecario que se perseguen coa dita rede.
Esta rede tería en principio como cabeceira o Centro Superior Bibliográfico de Galicia do que dependerían tecnicamente as bibliotecas nodais, e destas as bibliotecas comarcais e as bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais. Todas as outras bibliotecas, estarían conectadas á rede a través das bibliotecas comarcais ou das bibliotecas cabeceiras de redes urbanas ou municipais. Esta configuración, non obstante, pronto quedou obsoleta, esencialmente polo desenvolvemento tecnolóxico que fixo innecesaria a estrutura xerárquica pensada nun principio, con conexións a través de sucesivos nodos (de aí a desacertada elección do termo "nodais" para as antigas bibliotecas provinciais).
Sobre este esquema, en calquera caso, e a partir do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, desenvólvese o sistema bibliotecario da Rede de Bibliotecas de Galicia, contemplando os seguintes tipos ou niveis de bibliotecas:
- Bibliotecas nodais: serían as antigas bibliotecas provinciais, transferidas en 1989 (A Coruña Lugo, Ourense e Pontevedra) ademais da de Vigo, declarada nodal con posterioridade.
- Bibliotecas municipais: constitúen o monto fundamental da rede. Para entrar nela deben asinar un convenio coa Consellería de Cultura comprometéndose fundamentalmente a manter aberta a biblioteca e debidamente dotada, e a participar nos programas comúns da rede, como catalogación, dixitalización, préstamo, etc. A cambio, e a parte do recibido na creación da biblioteca (mobles e equipamento para a biblioteca e un lote fundacional de libros) terían dereito a todos os beneficios da rede. Poderían clasificarse en tres categorías (bibliotecas comarcais, bibliotecas municipais, axencias municipais de lectura) aínda que a primeira delas, as bibliotecas comarcais, nunca chegou a desenvolverse, de forma que aínda que no actual decreto siga contemplándose a posibilidade da súa existencia, de feito non hai actualmente ningunha.
- Bibliotecas privadas concertadas. Serían as bibliotecas de titularidade privada que mediante convenio comprométense a realizar un servizo público.
- Bibliotecas de especial interese para Galicia: grupo creado para incluír un amplo número de bibliotecas con fondos históricos como as dalgúns mosteiros, catedrais, determinadas institucións, etc.
O sistema pode considerarse que se completa coas denominadas bibliotecas itinerantes de préstamo, que foron de feito os primeiros tipos de bibliotecas en ser regulados. Delas establecíase no decreto de 1991 actualmente refundido que atenderían ás necesidades dos núcleos de poboación menores de 2.000 habitantes, así como os colectivos humanos que polas súas especiais características non teñan fácil acceso a unha biblioteca convencional como asociacións culturais, hospitais, cárceres, barcos e outros. Tamén atenderían a persoas individuais que, por razóns de índole especial non poden acceder a unha biblioteca pública.
A organización, xestión e coordinación das bibliotecas itinerantes de préstamo correspondería esencialmente ás delegacións provinciais da Consellería de Cultura, o que de feito resultou ser o principal inconveniente para a súa posta en funcionamento. Esencialmente polo feito de que nas delegacións provinciais non existe nin persoal técnico de bibliotecas, nin fondos propios para un servizo como o de préstamo por correo, nin presuposto e medios para poñer en funcionamento unha rede de bibliobuses. Só as maletas viaxeiras funcionaron, iso si, con lotes enviados dende os servizos centrais da Consellería.
Valorizacións finais
En liñas xerais, esta estrutura e circunstancias son as que marcaron o sistema galego de lectura pública nos últimos decenios. Varias circunstancias, algunhas xa apuntadas, sinalaban, con todo, un esgotamento da lei e unha necesidade de elaborar un novo marco que permitise un desenvolvemento baixo novos presupostos dun moderno sistema Galego de bibliotecas.
Apunto aquí algún dos problemas ou cuestións que era preciso resolver cunha nova lei:
Un elemento que prexudicou moito o funcionamento da rede foi a desaparición de centros provinciais que atendían as bibliotecas municipais da provincia, sen substituílos por novos servizos. Era preciso crear servizos estables e executivos, non puramente asesores para atender de forma continua as bibliotecas municipais.
Outro aspecto negativo foi, no seu momento, a exclusión das Deputacións Provinciais do esquema de responsabilidades cara ás bibliotecas, cando antes eran xunto co Estado o sostén fundamental delas. Facíase urxente coordinar os esforzos e responsabilidades que as administracións autonómica e local teñen en tan importante proceso, de forma que tanto a Xunta de Galicia como os concellos galegos e as deputacións provinciais contasen con instrumentos a través dos que se ordenase de forma coordinada o Sistema Bibliotecario de Galicia.
Así mesmo, había que reestruturar o sistema en torno a criterios territoriais non necesariamente centrados na provincia, para dar a acollida a conceptos novos como área urbana ou interurbana, etc.
Outro problema centrábase na propia estrutura de creación de novas bibliotecas. O sistema que viña xa dos vellos Centros Coordinadores de posguerra, tiña sentido nunha situación de absoluta carencia de centros rurais, pero a situación actual non é a mesma. Xa hai bibliotecas en practicamente todos os núcleos con máis de 2.000 habitantes e de feito o sistema permitiu crear unha morea de bibliotecas públicas municipais en núcleos moito menores, moitas das cales nunca funcionaron debidamente. Facíase preciso iniciar unha nova etapa marcada máis polo interese en facer máis boas bibliotecas que moitas, con garantías dun correcto funcionamento con dotación de persoal adecuado e de presupostos, e en estruturar de novo o límite entre bibliotecas fixas e móbiles.
A previsible posta en funcionamento dunha Biblioteca Nacional de Galicia, con edificio propio e que debería exercer o papel de cabeceira do sistema; a necesidade de estruturar baixo novos presupostos a Rede de Bibliotecas; a incidencia das novas tecnoloxías; a non inclusión das bibliotecas nodais na lei anterior por non estar aínda transferidas e outras moitas cuestións, ao noso entender, aconsellaban a redacción dun novo texto.
Con ese fin a Consellería de Cultura e Comunicación Social creou no ano 2004 unha Comisión, dentro da Mesa polo Libro e a Lectura, para elaborar unha proposta de nova Lei de bibliotecas que terminou a súa redacción no ano 2005. Debido a coincidencia de datas coas eleccións dese ano e co cambio que se produciu de goberno, nunca chegou a ser presentada no parlamento a nova lei, que quedou por esa razón parada. Neste ano 2007 comezaron os traballos dunha nova comisión para revisar o traballo feito e elaborar unha nova proposta que todos esperamos que sirva de marco e base para unha nova e moderna estrutura bibliotecaria en Galicia.