Bibliotecas Municipais da Coruña: dezasete anos
de conquistas (1990-2007)
Isabel Blanco
Concello da Coruña
De que estamos a falar cando dicimos "bibliotecas municipais da Coruña"?
O Concello da Coruña responde á súa responsabilidade, recollida na Lei de Bases de Réxime Local, de ofrecer servizos bibliotecarios aos 244.863 habitantes desta cidade cun sistema ou rede bibliotecaria estruturada da seguinte maneira:
O Departamento de Bibliotecas. Engloba os 6 puntos de servizo e unha oficina administrativa e coordinadora das bibliotecas, o Servizo Municipal de Bibliotecas, que ten entre as súas funcións, ademais de servir de enlace coa Área de Benestar, a xestión administrativa e económica xeral, a coordinación de programas e de persoal, a formación dos traballadores, a coordinación e difusión dos servizos, a apertura das novas bibliotecas, a concreción de novos proxectos e obxectivos e as relacións con outras institucións. Os puntos de servizo son:
As bibliotecas de barrio. De carácter xeral e dirixidas a todos os públicos:
- Biblioteca do Forum.
- Biblioteca do Castrillón.
- Biblioteca de Monte Alto.
- Biblioteca Sagrada Familia.
A Biblioteca Infantil e Xuvenil. Dedica a súa colección e os seus servizos ao ámbito infantil e xuvenil con especial atención ás actividades de promoción lectora e de formación de usuarios.
A Biblioteca de Estudos Locais. Especializada en temas locais, reúne, conserva e difunde as coleccións bibliográficas e documentais de especial interese para a cidade.
Inténtase que a organización do sistema favoreza a capacidade de xestión propia dos centros que o integran, para que estes sexan capaces de responder ás demandas da comunidade á que serven, sen que iso entre en contradición co desenvolvemento de políticas de coordinación dos servizos na busca dun mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles.
Cal é a orixe do proxecto?
A orixe deste proxecto ten lugar no ano 1990 cando o Concello da Coruña decide crear unha rede de bibliotecas públicas municipais (dende agora BM) distribuídas pola cidade. Nese momento atopámonos cun contorno político e social dispar. Por unha banda temos un interese de desenvolver unha política bibliotecaria a nivel municipal e, por outra, temos unha sociedade local onde nas súas peticións non se atopan as bibliotecas. Describiremos un pouco este contorno pois axudaranos a comprender mellor a definición do proxecto.
A partir da finalidade de acadar que A Coruña chegase a ser unha cidade cuns niveis de benestar similares ás cidades europeas de tamaños iguais, deséñase unha política municipal con dúas estratexias claras: o desenvolvemento dunha política cultural e a aposta polos grandes proxectos urbanísticos. Á súa vez a política cultural apoiarase nas seguintes liñas estratéxicas: a creación de infraestruturas e servizos (equipamentos culturais), a estabilidade dos recursos (profesionalización do cadro de persoal, orzamentos anuais,...), a imaxe de calidade dos servizos, a creación de novos públicos, o fomento do tecido asociativo e a descentralización dos servizos cara ás áreas periféricas da cidade xa que ata este momento os poucos equipamentos e servizos culturais existentes dábanse no centro da cidade.
Os ámbitos de actuación ou as accións desta política serán: a divulgación científica, o teatro, a música, a lectura e a información, as artes plásticas e outras como a recuperación da memoria histórica.
No eido da lectura e da información establécese o desenvolvemento dunha política bibliotecaria específica, aínda que enmarcada na política cultural descrita, a realización de programas educativos dirixidos especialmente ao público infantil e xuvenil: "Descubrir os libros", "Bibliotecas escolares" e a creación do "Centro de Información Xuvenil".
Por outra banda, atopámonos cunha cidade que tiña moitas carencias en materia de educación, de cultura, de deportes, etc. Ademais, socialmente, as bibliotecas presentaban unha imaxe de centros para eruditos, aínda non eran entendidas como espazos e servizos para a maioría da poboación; así que estas non se encontraban entre as demandas expresadas da sociedade.

Características do proxecto
Antes de empezar a expoñer o noso proxecto, consideramos fundamental sinalar cal foi o motor que fixo posible que deixase de ser unha idea para converterse nunha realidade. Podemos dicir que "As BM da Coruña son o resultado do encontro dunha aposta política cun punto de ambición técnica por cambiar as cousas." A aposta política tradúcese nun conxunto de medidas: creación dunha rede de BM coa asignación dos recursos correspondentes. O punto de ambición técnica podemos entendelo como a mellora continua das bibliotecas e a presentación constante ó goberno municipal de novos proxectos, baseados ou ben en modelos bibliotecarios máis avanzados ou ben na reflexión da propia experiencia.
Deseguido presentamos o proxecto que se articula seguindo a estrutura recollida por David Roselló1 para proxectos culturais:
A definición do proxecto
Os nosos destinatarios están claros, son todos os habitantes da cidade en toda a súa diversidade. A amplitude do mercado fíxonos que nos primeiros tempos centrásemos os nosos servizos e actividades no sector infantil xa que entendiamos que os hábitos, tamén o da lectura, créanse mellor na infancia.
Para abordar o seu contido partimos dun dobre marco teórico: a misión da biblioteca pública, definida nas pautas da IFLA e nos Manifestos da UNESCO: "a biblioteca pública, porta local cara ao coñecemento, constitúe un requisito básico para a aprendizaxe ao longo dos anos, para a toma independente de decisións e do progreso cultural do individuo e dos grupos sociais", e a certeza de ter un papel clave que realizar para contribuír ao desenvolvemento so comunitario a través da consolidación dunha sociedade lectora. Consideración que contempla a lectura como un proceso global e complexo e que como tal se deberá afrontar.
Este marco referencial levounos a concretar o noso proxecto nunha política propia de promoción lectora onde esta é o eixe vertebrador dos nosos servizos e da nosa organización bibliotecaria, e non unicamente un servizo máis centrado na oferta dun conxunto de actividades ou de propostas lúdicas.
Ademais do sinalado no punto anterior, a finalidade ou o obxectivo estratéxico da política cultural do concello "democratizar o acceso dos cidadáns á cultura", serviunos de referencia para establecer os obxectivos estratéxicos das BM: promover a lectura, propiciar o acceso á cultura e á información, facilitar a formación permanente e converter a biblioteca nun espazo de encontro.
En canto ás estratexias establecemos as seguintes: a mellora da accesibilidade, axustándoa ás expectativas e ás necesidades dos cidadáns2, a difusión dunha imaxe positiva e innovadora das bibliotecas na cidade, tanto no que se refire ao concepto, ás funcions e aos servizos, a aplicación da filosofía de mellora continua, a calidade dos equipamentos e dos servizos e a estabilidade e profesionalización do persoal que traballa nas bibliotecas.
Cando falamos de modelo de xestión facemos referencia a dous aspectos: a estrutura da rede da que falamos ao principio e o modelo de xestión dos RRHH. Na busca de formas de xestión máis flexibles que permitisen adaptarse mellor ás demandas e ás necesidades dos cidadáns optouse, nun momento determinado, por unha xestión indirecta de parte das BM. Na actualidade conviven, sen maior problema, dous modelos de xestión de RRHH: un de xestión directa ou de prestación dos servizos por parte de funcionarios e outro de xestión indirecta dos servizos a través dunha empresa especializada en servizos bibliotecarios.
As estruturas
Son os recursos cos que contamos para levar a cabo o noso proxecto, pero no eido da promoción lectora considéranse que son as verdadeiras liñas estratéxicas. Son a estrutura financeira que se desagrega nas estruturas de infraestruturas, de servizos, de colección, de persoal e de promoción.
A estrutura financeira. Os nosos orzamentos para o ano 2007 son: 5.139.896 €, dos que 4.009.392 € son para novas infraestruturas (2.009.392 da achega anual municipal máis 2.000.000 € de contribución da Deputación da Coruña) e 1.125.504 € para gasto corrente.
A estrutura de infraestruturas. A partir do obxectivo de converter as BM en espazos de encontro desenvolvemos o proxecto de equipamentos: seis bibliotecas, no 2008 sete, distribuídas pola cidade que ofrecen uns 3.015 m2 de uso público.
|
|
O concepto da instalación que temos está baseado na diversidade e na amigabilidade. Ás diversas demandas da cidadanía respondemos con diferentes servizos e estes deben ter espazos diversos porque non son as mesmas necesidades as das persoas maiores, por exemplo, cás dos nenos. Aínda que as nosas bibliotecas responden ao modelo de biblioteca integrada (todos os servizos na mesma sala, excepto os infantís) a distribución permite recoñecer zonas diferentes para os diversos servizos. Por amigabilidade entendemos que as instalacións e o mobiliario sexan funcionais, confortables, actuais e de calidade para acadar un ambiente grato e agradable na procura da comodidade e do confort. Ademais, as instalacións deben permitir o máximo acceso aos materiais, por isto, ademais doutras cousas, todas as bibliotecas poñen á disposición do cidadán equipos audiovisuais e informáticos para consultar os fondos documentais cuxo soporte é distinto ao libro.
|
|
A estrutura da colección. Temos unha colección, distribuída entre todas as BM, de 132.897 documentos, dos cales case un 90% préstanse, o resto pertencen case na súa totalidade á Biblioteca de Estudos Locais. A colección é diversa, tanto polos seus temas como polos distintos soportes: libros, revistas, periódicos, vídeos, cd, cd-rom, dvd, internet, etc., e bastante actualizada6. Organízase, en gran parte, en centros de interese7, que é unha organización máis axeitada ás demandas cidadás.
A estrutura de servizos. Os nosos servizos son os seguintes:
información e referencia
consulta en sala
catálogo en liña
préstamo: a domicilio, colectivo, interbibliotecario e a domicilio ás persoas con problemas de mobilidade
acceso a internet e a ofimática
wireless
servizo de atención á comunidade xorda
audición e visionado
acceso a xogos educativos electrónicos
aprendizaxe de idiomas
información na web: páxina web.
A estrutura de promoción. Son as actividades e os programas. Sendo estes últimos unha serie de actividades que se encadean e se repiten de maneira periódica para responder a uns obxectivos comúns, establecendo canles de continuidade entre elas.
A nosa aposta é darlles prioridade aos programas fronte ás actividades puntuais. A experiencia demostrounos que as actividades son dificilmente avaliables, así que os nosos esforzos actuais van dirixidos a deseñar e desenvolver os programas estables que acaben sendo un referente na cidade e que se poidan incluír na programación cultural e/ou educativa. Tras dezasete anos de experiencia neste eido, coidamos que a verdadeira promoción da lectura é ter materiais de lectura de calidade e suficientes, boas infraestruturas pois son os elementos referentes que invitan a participar no proceso e persoal, en número adecuado, formado como mediador da lectura.

A estrutura de persoal. Nas BM da Coruña traballan 65 persoas (60 xornadas laborais) e un 35 % son de persoal técnico, un 56 % auxiliar de bibliotecas e un 9 % doutros.
A avaliación
Sometemos a avaliación todos os procesos, servizos, programas e actividades que desenvolvemos porque é a forma de obter a información necesaria para analizar o noso traballo e para desenvolver unha metodoloxía de mellora continua. Como exemplo presentamos os seguintes indicadores:

Reflexións finais
Para finalizar este artigo gustaríame compartir unhas reflexións sobre o noso proxecto. Coido que podemos dicir, sen lugar a dúbidas, que foi innovador e de éxito xa que as estatísticas así o demostran: A Coruña no 2004 foi a segunda cidade de España, despois de San Sebastián, en uso de bibliotecas pero no ano 2006 tivemos o primeiro sinal de alerta: perdiamos visitantes e baixaban os préstamos. Como calquera proxecto, debe ser revisado e actualizado xa que a sociedade muda constantemente e, polo tanto, cambian as necesidades e as demandas cidadás. Así que en breve deberemos debatir sobre se:
a) Seguimos a considerar a promoción da lectura como eixe vertebrador do proxecto?
Estudos que reflicten o baixo índice lector da sociedade europea, e aínda máis da española, como PISA, trouxeron ao debate social actual a necesidade de desenvolver políticas globais de promoción lectora, o que nos parece que vén a confirmar a nosa aposta, pero isto terémolo que analizar máis en profundidade para estar seguros de que ese é o camiño correcto que hai que seguir.
b) Seguirán as bibliotecas públicas, e polo tanto as BM, sendo un servizo básico no futuro?
A facilidade do acceso a internet no momento actual fai que para obter certo tipo de información xa non haxa que acudir fisicamente á biblioteca. Isto reduce o uso dos servizos tradicionais da biblioteca: préstamo e consulta en sala. Pola contra, Internet posibilita máis que nunca a visibilidade fora do ámbito territorial propio, a participación cidadá e a construción de redes sociais o que significa novas oportunidades para as bibliotecas.
Ante este panorama as bibliotecas públicas terán, se queren seguir sendo un servizo básico, que redefinir, a medio prazo, os seus servizos. Pensamos que estes deberán deseñarse cara a axudar aos cidadáns a seleccionar a información e, ademais, cara a axudalos a participar con pleno dereito na sociedade. As bibliotecas públicas, e como consecuencia as BM, terán que converterse en centros de información, a través da produción de información local e de servizos dixitais que aseguren a súa visibilidade na rede, e en centros de aprendizaxe permanente mediante unha programación estable de cursos ou de actividades de formación.
c) É necesario evolucionar nos modelos de xestión?
Parécenos que si, tanto no modelo de xestión dos RRHH como no da estrutura da rede. No primeiro caso podemos dicir que os dous modelos de xestión citados funcionan de maneira máis que razoable; non obstante pensamos que o tamaño alcanzado no cadro de persoal, con previsións de crecemento, trae xa unha complexidade na xestión que esixe a busca dun modelo de xestión integral e que sexa flexible para adaptarse mellor aos continuos cambios sociais. O sistema elixido debe permitir unha selección e unha xestión por competencias (coñecementos, aptitudes e actitudes) pois ser bibliotecario esixe unha boa formación, unha reciclaxe permanente e un compromiso social.
En canto á estrutura da rede o alcance a nivel municipal xa non é suficiente. A mobilidade xeográfica fai que os usuarios das BM sexan os cidadáns tanto da cidade como da área metropolitana. Por outro lado, estes non entenden de dependencias administrativas e, polo tanto, non comprenden que os servizos sexan diferentes na biblioteca de Oleiros ou de Culleredo que nas bibliotecas de Coruña ou, sen ir tan lonxe, por que hai que ter tres carnés se queren usar todas as bibliotecas públicas da cidade. Así que nun futuro non moi afastado teremos que dar respostas ás demandas dos coruñeses a través da constitución dunha rede urbana de bibliotecas e máis tarde teremos que crear unha rede metropolitana.
d) Son necesarios os servizos centrais?
Ata 1999 a coordinación e a planificación da rede municipal recaía tan só na directora das bibliotecas e nunha auxiliar administrativa, é a partir de entón e de forma paulatina cando se aposta por crear un servizo de coordinación en condicións, actualmente formado por nove persoas. A experiencia demóstranos que non por incrementar o cadro de persoal de cada biblioteca se funciona mellor. Cando se ten unha rede é absolutamente necesario ter un servizo central para planificar o crecemento da rede, coordinar os servizos e xerar economías de escala. E se imos máis aló sería necesario que a Deputación tivese uns servizos centrais que desen soporte ás bibliotecas municipais e promovesen a constitución da rede metropolitana.
Como colofón gustaríame poñer enriba da mesa a situación das bibliotecas públicas no resto de Galicia. A cidadanía, como non coñece todos os servizos que as bibliotecas lles poden prestar non as reclaman, entón os políticos, que tampouco os coñecen, non apostan financeiramente por elas. Se non se financian na xusta medida, as bibliotecas non poden prestar os servizos que a cidadanía necesita, é un círculo vicioso. Pero cando hai un verdadeiro interese político e unha certa ambición técnica por cambiar as cousas, as bibliotecas teñen éxito. No noso caso vimos como os cidadáns nos primeiros tempos non demandaban bibliotecas pero agora valóranas, reclámanas e deféndenas.

1 Roselló Cerezuela, D.: Diseño de proyectos culturales. Barcelona, Ariel, 2004.
2 Un dos trazos que caracterizou e caracteriza o noso proxecto é a flexibilidade, entendida como unha actitude permanente que sitúa a nosa práctica bibliotecaria lonxe da ortodoxia técnica máis tradicional e preto das demandas sociais.
3 Usaremos os datos do 2004 porque aínda non están publicados os datos de Galicia e de España de anos posteriores e para comparar é mellor tomar como referencia o mesmo ano.
4 Só datos das bibliotecas municipais.
5 Na Coruña o Estado/Xunta, a Deputación e Concello prestan servizos bibliotecarios a través de centros propios. Os datos incluídos neste epígrafe aglutinan as tres bibliotecas.
6 Inténtase acadar unha cota de renovación anual dun 10%, que é o que recomendan as pautas bibliotecarias. A nosa cota de renovación do 2004 foi dun 12,7%.
7 Chamámoslle centros de interese a unha exposición de documentos (libros, revistas, dvd, etc.) que trate sobre un tema actual e de interese, e o título do centro responde ás peticións dos usuarios e usuarias. Por exemplo, cine, ecoloxía, muller, etc. Este é un tipo de clasificación distinta á que tradicionalmente viñan usando as bibliotecas.