|
Stéphane
Lutier
Serie: “Grafs en París” - 1997
Fotografía en branco e negro - 20 x 25 cm |
|
|
Stéphane
Lutier
Serie: “Grafs en París” - 1997
Fotografía en branco e negro - 20 x 25 cm |
|
|
Stéphane
Lutier
Serie: “Grafs en París” - 1997
Fotografía en branco e negro - 20 x 25 cm |
|
A
cultura dixital, cara a un modelo de comunicación descentralizado e distribuído
Pere Báscones
Creador, consultor e profesor da UOC
"Unha
nova tecnoloxía non quita nin pon nada, cámbiao todo."
Neil Postman
A revolución tecnolóxica
da chamada sociedade da información supón toda unha revolución dixital
non ámbito cultural, transformándoa como tal e renovando, tanto os formatos,
como o medio comunicativo en que se asentaba. Xeráronse así novos escenarios
e novas realidades culturais que superan os anteriores condicionantes
físicos e espaciais vinculando, hoxe máis que nunca, o global co local.
Neste artigo, intentaremos
realizar un breve percorrido evolutivo polo proceso de dixitalización
da cultura, que nos permita reflexionar sobre algúns dos aspectos que
están a empurrar a un cambio de paradigma na sociedade da información
e do coñecemento, onde o público pode acceder aos contidos motivado polo
seu interese e por un novo papel activo que supera a reacción da anterior
cultura de masas (en realidade, para as masas).
Da
cultura dixitalizada á cultura dixital
Para comprender mellor
o fenómeno que nos ocupa, apuntaremos dúas fases no proceso de implantación
da cultura dixital: na primeira, a chave reside nunha tradución da cultura
material existente a un novo formato, mentres na segunda, a chave reside
nun tipo de cultura que xorde desde o propio contexto dixital.
A
cultura dixitalizada
Nos seus inicios, o
proceso de dixitalización, baseouse nunha tradución ao sistema binario
dos catálogos e inventarios (inicialmente só a nivel textual) de museos,
bibliotecas e arquivos. O obxectivo era xestionar mellor os fondos destes,
xa que se comprendeu rapidamente o potencial que os “novos medios” ofrecían
para estas tarefas. Nesa primeira etapa, as aplicacións informáticas de
institucións culturais, bibliotecas e museos non se pensaron tanto para
o publico como para a xestión interna e a catalogación das súas coleccións
(Carreras e Munila, 2005, 19). É máis tarde cando a rápida implantación
da informática xera novas dinámicas que cambian o xeito de funcionar,
consultar e facer que o público se relacione cos fondos dos devanditos
centros. Os primeiros inconvenientes que hai salvar tiveron que ver coa
procura de modelos de estandarización das bases de datos, de cara a uniformizar
os inventarios para a súa distribución e intercambio. Co tempo, a información
fíxose máis complexa, pasando dunha información puramente textual a unha
de tipo multimedia. A este nivel, podemos referenciar algúns sistemas,
como o ASSI (Arger Scale System Initiative) con máis de 500 requisitos
referenciados para a descrición da colección dun museo, e o CHIN (Canadian
Heritage Information Network) e linguaxes como XML (Carreras e Munila,
2005)
Un
proceso de desmaterialización
Desde a situación actual,
aquel paradigma da cultura dixitalizada para uso público levounos a unha
progresiva desmaterialización da cultura antes obxectual ou material...
Dixitalizáronse textos, imaxes, documentos, vídeos e sons. O acceso a
ela é, en moitos casos, unicamente a través da copia dixital da obra.
A cultura así formulada pode entrar agora na nosa casa, a través dun CD,
dun DVD, ou chegar por un cable telefónico. Como dato de referencia, cabe
apuntar que o contido dun DVD pode albergar algo máis dun millón de páxinas
de texto impresas.
Mais en todo caso e,
a raíz do anterior, podemos afirmar que a nosa era supera a da reprodutibilidade
técnica (Benjamin, 1936) e sitúase no terreo da simulación electrónica.
Asistimos a un diálogo entre o real e o virtual que nos sitúa nos dous
ámbitos á vez.
De
Internet á cibercultura
Internet, a rede de
ordenadores (e tamén de información e de usuarios) volveuse o ciberespazo
que contén nova cultural dixital ou cibercultura. Neste ámbito prodúcense
unhas condicións inmellorables para comunicar a cultura porque se democratiza
dun xeito real, e para facer que se converta, grazas ás TIC, nun proceso
de comunicación bidireccional, onde o público destinatario pode agora
establecer tamén canles de resposta e de interacción converténdose en
suxeito activo que navega e busca na rede.
Os
valores da cultura dixital
Algúns dos valores definitorios
da natureza da nova cultura radican na facilidade de propagación, o intercambio
e a participación. Jesús Carrillo recolle toda unha serie de características
dos novos medios, que xustificaron o proceso de dixitalización da cultura.
Estes son a capacidade infinita de almacenaxe, a súa doada accesibilidade,
a súa combinabilidade, a convertibilidade, a variabilidade dos datos,
a automatización consecuente dos procesos de reprodución, combinación,
alteración ou conversión, a produción de simulacións, a apropiación, modificación
ou interacción por parte do usuario e o progresivo cambio no patrón discursivo
da información, que pasa da narración á base de datos.(Meixela, 2004,
62).
Un dos debates actuais
é se o novo patrimonio dixital, virtual e intanxible será rendible e representará
ou non un competidor para o patrimonio cultural real. Segundo o informe
digiCULT 1, que
recolle unha análise de sector entre 1996 e 2006, esta non cumpriu moitas
das súas expectativas, e algúns modelos de negocio cultural que tiñan
que ver coa comunicación non funcionaron aínda na rede tal como esperaba.
Tal vez é porque a vocación de dominio público coa que naceu fixeron que
sexan poucos os dispostos a pagar por contidos culturais dixitais.
O
cambio dos medios de comunicación
A transformación dos
medios de comunicación de masas a partir dos cambios tecnolóxicos ampliou
o seu radio de acción e de influencia: é a chamada mediasfera en que á
nosa sociedade actual vive inmersa. Os diarios dixitalízanse asumindo
os novos retos do chamado xornalismo dixital; a TV pluralízase precisamente
coa ampliación de canles que permiten a TDT (Televisión Dixital Terrestre)
abrindo a posibilidade de interacción e de TV á carta; por outra banda,
a radio globalízase ao se transmitir por Internet, liberándose así do
limitado alcance das ondas. Con eles, cambia tamén o xeito de acceder
aos contidos; o seu acceso resulta agora moito máis doado e personalizado,
xa que depende moito máis do noso xeito de buscar a cultura que nos interesa,
cando e onde queiramos.
Do
real ao virtual
Centrarémonos de novo
nos núcleos culturais tradicionais: os museos (sexan públicos ou privados)
e os centros de cultura contemporánea están a xerar tamén museos e centros
virtuais paralelos, normalmente portais web que conteñen grande parte
do seu patrimonio dixitalizado. Posibilítanse así diferentes tipos de
accesos aos seus fondos desde calquera parte do planeta. Mais o acceso
desde a casa e a través da pantalla implica outro tipo de visita, outro
tempo e outro espazo, e en definitiva outras condicións de atención e
de percepción. Mais en todo caso non se trata de substituír o museo físico
senón de potencialo e complementalo. En ocasións, trátase de crear redes
de investigación, vinculándose ao ámbito universitario, e noutras, de
fomentar a visita presencial, aspecto que vai ligado á creación de documentos
tanto divulgativos como educativos que poden preparar a visita e ampliala
unha vez realizada.
No caso do Museo
de historia de la Inmigració de Catalunya, pódese dicir que naceu
primeiro o proxecto de museo virtual (web) encargado ao grupo de investigación
Òliba da UOC 2.
Esta web permitiu ao equipo iniciar o proxecto de museo e darse a coñecer
tanto como centro de documentación e de recursos como como entidade investigadora
e xestora de proxectos. O obxectivo da web era crear unha identidade e
unha presenza na rede para complementar, desde os novos medios, a misión
de recoller, por unha banda, a memoria histórica, e reflexionar pola outra,
sobre a inmigración en chave de presente. Un tempo despois o primeiro
edificio do museo ampliou o marco de acción no espazo real sen afectar
o papel que o museo na rede xa cumpre 3.
Aínda que o certo é
que a rede se converteu na grande biblioteca global, onde a comunicación
asíncrona permite novas maneiras de aproveitar a oferta cultural, e a
interacción entre persoas desde calquera punto do planeta. Un museo virtual
está aberto as 24 horas do día e o seu material comunicativo e educativo
pódese consultar en calquera momento desde o instante que ‘é colgado’
na rede.
A
cultura dixital xurdida da nova realidade dixital
Nunha segunda fase a
cultura dixital xérase desde e para a nova esfera dixital ou o chamado
ciberespazo. Tras algo máis de 12 anos, Internet, tal e como a coñecemos,
logrou xa implantarse xeralizadamente entre a poboación do estado, feito
que está a permitir unha mellor interacción cos núcleos sociais de base,
fomentando e permitindo así unha cultura xurdida da propia poboación,
máis que unha cultura xerada polas institucións ou unha cultura mediatizada
e convertida en espectáculo a través dos medios ou das industrias culturais.
As TIC fomentan procesos e redes que vinculan tanto nodos locais como
globais tanto a nivel de individuos como de colectivos. Establécense así
novas dinámicas nas cales se dá saída ás manifestacións culturais máis
underground, como as contraculturais, as alternativas, ou mesmo
as de resistencia e oposición. En determinados casos chéganse a esvaecer
tamén as fronteiras entre o mundo físico e o virtual, xerando novas comunidades
e novas oportunidades de acceso a un tipo de cultura distante no espazo
ou no tempo.
Exemplo diso podémolo
atopar nos grupos activistas que están a xerar novos procesos culturais
desde a cultura alternativa e que grazas a Internet poden ser seguidos
por centos ou miles de persoas. É o caso dos Indemedia ou Independents
media centers que dende a contracultura difunden e defenden a verdade
oculta, a través de xornalistas con cobertura non-corporativa 4.
Desde o activismo na rede, o poder enfróntase a un contrapoder no ‘non-lugar’
que representa a rede, redefinindo así o contexto informativo, controlado
e manipulado en maior ou menor medida polos medios e pola política.
A
interacción entre o mundo real e as comunidades virtuais
O campo da fotografía
dixital bríndanos un exemplo perfecto de ata que punto nos cambia a tecnoloxía
potenciando aínda mais se cabe a crecente cultura visual respecto á textual.
Por un lado a progresiva baixada de prezos no terreo da imaxe dixital
permitiu non só un acceso masivo á fotografía dixital, senón que popularizou
e abaratou de tal xeito a toma de imaxes, que nos cambiou o xeito de as
disparar, de as almacenar, e de as mostrar. Por outro, Internet creou
un novo espazo onde compartir e difundir as imaxes a escala global. Un
exemplo deste novo tipo de dinámicas no campo da fotografía dixital é
‘flickr’ 5. Trátase
dun portal en que miles de usuarios de todo o mundo atoparon o espazo
autoxestionado ideal onde ensinar o propio traballo e ver o dos demais
a partir dun sinxelo mais efectivo sistema de clasificación. En ‘flickr’
cada usuario pode crearse un perfil e crear unha listaxe de contactos
que conformarán así unha comunidade virtual. Non obstante, non todo queda
aquí, a xente que se coñece a través de ‘flickr’ e crea grupos xeográficos
próximos, poden quedar tamén para facer fotos ou tomar unha cervexa. Xéranse
así comunidades por intereses ou afinidades que interseccionan o espazo
real co virtual.
Da
cultura centralizada á cultura distribuída
En resumo, podemos establecer
que a cultura grazas á Internet se descentralizou chegando a un modelo
distribuído da información que afecta ao seu acceso e á comunicación desta.
Desde esta perspectiva e grazas á globalización, o coñecemento pluralízase,
esténdese a múltiples dimensións, a aínda que se continua fragmentando,
ao mesmo tempo, tamén se fusiona e se mestura volvéndose mestizo e intercultural,
aspecto que lle confire continuamente valor engadido en canto que o renova
e o interconecta.
 |
sistema
centralizado |
sistema
descentralizado |
sistema
distribuído |
| Gráfico 1:
modelos de sistemas operativos segundo Andrew S. Tanenbaum que permiten
establecer unha correlación coa cultura |
Eses nodos culturais,
distribuídos e sen centro, permiten a xeración de espazos alternativos
que van creando unha cartografía complexa da cultura contemporánea. É
certo que non deixa de haber certo centralismo nas cidades, mais máis
pola concentración de nodos e capital humano, que non pola falta de posibilidades
tecnolóxicas na periferia urbana para a creación de novos nodos.
Esta situación permite
un alto grao de independencia na produción e na comunicación da cultura
chegando a advertir que eses nodos culturais (habitualmente simples portais
web) se converten en verdadeiros motores sociais en tanto que equipamentos
virtuais, a partir do que estes ofrecen para os colectivos: listaxes de
correo, weblogs, boletíns dixitais participativos onde se poden deixar
comentarios e votar a información, arquivos de documentos, proxectos virtuais,
publicacións e revistas dixitais...
A este nivel as comunidades
tamén se interconectan creando redes temáticas ou de intereses. Os novos
sistemas de información estándares permiten a sindicación (redifusión)
a portais de noticias subscribíndose así á información sen necesidade
de visitar a páxina. Sistemas como ATOM ou RSS 2.0 (Realle Simple Sendication)
baseados en XML son un exemplo. Sen dúbida o escenario cultural cambiou,
mais o futuro preséntase -aínda hoxe- cheo de interrogantes, retos e expectativas...
Bibliografía
Busquets Duran J. (2005):
Els escenaris de la cultura, Formes simbòliques i públics a l‘era
digital. Barcelona, Tripodos.
Castells, M. (1997): L‘era de la informació (economia, societat i
cultura). 2 vol. Barcelona, UOC.
Benjamin, W. (1936). L‘obra d‘art a l‘època de la seva reproductivilitat
tècnica. Barcelona, Edicións 62.
Carreras, C.; Munila, G. (2005): Patrimonio digital. Barcelona,
Editorial UOC.
Leve P. (1997): La cibercultura, el segon diluvi? Barcelona,
Editorial UOC.
Carrillo, J. (2004): Arte en Red. Madrid, Edicións Cátedra.
Lessing, L. (2004): Free Culture. The Penguin Press
1
http://www.digicult.info
2 http://oliba.uoc.edu
3 http://www.mhic.net
4 http://www.indemedia.org
5 http://www.flickr.com
Atrás
Subir