A rosa murcha no medio do mar
e os pétalos tínguense de area,
que envolve os restos da gloria
cun abrazo de desértica protección.
Só queda aridez ante o ollar resignado,
a area asasina, envexosa, nai adoptiva,
o mar triste, rezando á illa orfa,
pola flor morta no enterro da luz.
Vaguidades transforman un paraíso
e unha semente abandonada
coa esperanza serodia do vindeiro agromo
aférrase en suicidio ao estéril deserto.
Esfóllase unha, logo outra, e todas
morreron na agonía da ignorancia
do abrazo da morte en vento senlleiro,
do mar que a podrece co seu pesar.
Mais resiste unha última: loita no mar.
Agoniza no mar que pretende salvala,
enganado na esencia de si mesmo,
matándoa coa natural pureza.
Desécase unha folla, levántaa o vento,
tenta evitar, co mar, o seu sufrimento,
mais a area, traidora, secou o seu leito,
e a rosa xa non cheira como o ar fresco.
Iria Gestoso
Tamén hoxe estou sentado
Á sombra maina do vran, na anterga
Copa do Sol
Que aboiara o teu feliz no refulxente silencio
Sobre Sirius, cando o lume florescía
Tralos muros da fervenza de serpes e cristal
Onde, co Ceo no altar, fiaba lóstregos escuros
Para tecer polas noites eternidades
Que as eivas dos rousiñois
Destecerán
Agora
Tódalas lúas son encetadas
Tódolos mares son mares
A xerfa está cada vez máis lonxe
E por Titono só pasaron os anos.
***
Todo canto foxe
Nin sequera vai pra ningún sitio
Porque entón podería ser perdido
Nalgunha fenda do pasado
Esváese como se esvaen os eidos
Os montes, as illas e os mares
Os corpos e os espíritos
A contundente verdade
Cando só quedan os cabos
As rodeiras e a urda
Pra que pescude outro máis fuxidío
Polo eterno tan só
O que non volverá.
Nas rochas cruciais do Paraíso
Ficou a meniña
Inerme
Frotando coa escuma alboreira da Morte ¡
Os pais, tralo espertar do seu sono sobre
Dun leito de algas
(Que veu
Co Mar en trebón)
Acaríñanlle o arpado cabelo de hurí
Sopexando
Os negros olliños que nunca verán
O Tempo do Ceo
Os lindes do Mar
Lonxe, uns anxos da costa, arautos de verde
Albiscan a praia de escuro areal
Apuran o paso, pois han devolver
Os vivos restrollos ó fondo do
Mar
Ata que algunha marea os leve outra volta
Ó novo fogar ¡
A nai
Máis o pai, tristemente
No fango abandonan a sombra da
Criatura-a-soñar
E corren na area dourada, brillante da
Pleamar ¡
Ó ver o cadavre miúdo, un anxo parou ¡
E envolve nun saco un futuro
Mármore
(Nun saco de plástico)
Que descansará
Nalgún Cemiterio mariño do Edén que atopou
Pagando a Caronte a metade
Seu pai
Por ser infantil
O cadavre
Por ser unha nena
Namais.
Alberto Piñieiro

Manuel Silva