Texto e fotos Vanesa Freixa
Técnica de Difusión e Produción
Concello de Granollers
A dinámica actual da nosa sociedade pide outros métodos de intervención comunitaria que fagan máis real e efectiva a implicación de colectivos na resolución de conflitos propios que afectan as persoas que os compoñen e, tamén, ao resto da sociedade.
A experiencia profesional no desenvolvemento comunitario desde o ámbito técnico, artístico, asociativo... precisa novos sistemas de actuación. Estanse levando a cabo uns modelos innovadores de intervención, de mediación, que nos ensinan que existen outras metodoloxías de traballo que tomen a arte como ferramenta para a transformación social.
Desde Granollers (Barcelona) e o seu Concello comezou o deseño e a implementación dun programa integral de desenvolvemento cultural comunitario desde o ámbito local que entende que é preciso procurar e traballar con métodos que van máis alá das prácticas de intervención comunitaria habituais. A aposta pasa por incluír as linguaxes artísticas, a creatividade, para resolver os conflitos que afectan a súa cidadanía.
Como iniciativa local pioneira no ámbito rexional e estatal, Granollers organizou as primeiras Xornadas Internacionais de Desenvolvemento Cultural Comunitario no Estado. O obxectivo é definir unha metodoloxía e un concepto común que poidan ser as bases de sistematización e de difusión dun traballo que realizan profesionais do noso país, desde o ámbito artístico, cultural, social e mais educativo e que requiren dunha concreción para, desta maneira, dalo a coñecer por todo o territorio.
A cultura como eixe vertebrador..., a cultura como o camiño para vincular novos proxectos de base social, a cultura como vehículo para dinamizar, para transformar, para dialogar, para ensinar a cultura para canalizar procesos de transformación que impliquen un conxunto da sociedade que precisa denunciar, cambiar, debater e facer sentir a súa voz a través doutras linguaxes para provocar cambios en positivo.
O DCC asenta as súas bases en diferentes lugares do mundo. Os países anglosaxóns preséntanse como os precursores desta práctica: Australia co Community Cultural Development, Reunio Unido cos Community Arts Centres e os Estados Unidos cos seus Communities Arts’ Networks. A estes acompáñanlles as iniciativas que se desenvolven en toda Latinoamérica e que teñen o seu maior expoñente na figura de Augusto Boal (Brasil), creador do Teatro do Oprimido – técnica teatral que consiste en aplicar o teatro como intervención social, na súa orixe, nas favelas de Río de Xaneiro e que actualmente se aplica en todo o mundo – e en diferentes propostas e políticas que gozan dunha importante madureza na aplicación de procesos participativos e creativos na toma de decisións coa comunidade.
O porqué da súa aparición responde a unha necesidade e a unha demanda social que pide cambios diante de situacións de opresión, de desigualdade, de marxinalidade, de violencia e de transformacións que afectan a determinados grupos sociais ou comunidades.
Aquilo que os une e os xunta é unha serie de problemáticas conxunturais aos cambios políticos, ao crecemento dun país, dunha sociedade, que provoca situacións que afectan unha colectividade e que pide, chegados a un punto de desborde de conflitos, cambios no seu contorno.
Australia, Inglaterra, Arxentina, México e Canadá son países pioneiros na implantación de procesos comunitarios mediante a arte. O DCC comeza a súa actividade naqueles grupos que se consideran marxinados pola súa situación social, económica, cultural... O modelo australiano é un dos que presenta máis desenvolvida unha sistematización do concepto: política, teoría, metodoloxía e práctica que acubilla un conxunto de profesionais e de proxectos que se vehiculan a través de diferentes organismos gobernamentais e privados en todo o país. O community arts worker é unha figura totalmente institucionalizada que goza dun importante prestixio na comunidade e que forma parte de equipos pluridisciplinares en gobernos locais ou estatais.
Os primeiros traballos de DCC en Australia centrábanse na comunidade aborixe a través da recuperación da súa artesanía, da súa música, da súa tradición oral, por medio de profesionais que orientaban este traballo cara á discusión e cara á posta en debate da situación que estes vivían. O obxectivo centrábase en tratar as problemáticas que abafaban este colectivo mediante a súa autorrepresentación a través das linguaxes artísticas.
A evolución do artista comunitario pasou por diferentes etapas: desde realizar un papel protagonista na comunidade, a un rol de puro mediador, facilitador, a ser un artista pedagogo onde a súa función principal se basea en trasladar unha serie de linguaxes artísticas a unha comunidade determinada co obxectivo que esta aprenda o emprego destas ferramentas artísticas, para poderse expresar creativamente e, desta maneira, dar a coñecer as súas problemáticas a través de produtos culturais que produzan un debate interno, na mesma comunidade, e alleo, de cara ao resto da sociedade. O fin deste proceso é provocar o debate, a reflexión e, en consecuencia, os cambios da propia sociedade, e chegar a lograr mesmo cambios nas lexislacións dos gobernos.
A que nos referimos cando falamos de comunidade? O termo é un concepto que presenta controversia na súa interpretación. Lingüisticamente, comunidade é un grupo social, polo xeral, que se caracteriza por un vínculo territorial e de convivencia ou por unha afinidade de intereses e de conviccións ideolóxicas.
Consideramos comunidade aquel grupo de persoas que comparten algo en común, e no caso dos procesos de DCC, unha problemática común. Falaríamos de comunidade cando nos referimos a un grupo de inmigrantes con problemas de inclusión social, a un grupo de mulleres afectadas pola violencia de xénero, a un grupo de mozos en situación de risco (delincuencia, drogodependencias etc), a unha asociación de veciños afectados polas problemáticas do barrio (transformacións urbanas, problemas de limpeza, de interrelación, de salubridade etc), a persoas que pertencen a un ámbito xeográfico concreto (rural, rueiros urbanos etc), a persoas maiores con dificultades (problemas de saúde, moving inmobiliario etc).
Os ámbitos en que actúa o DCC dependen das necesidades manifestadas pola comunidade. Así, trabállase no ámbito da inclusión social, do empoderamento da comunidade, na súa emancipación, na mellora da saúde, no ámbito rural, na violencia, na discriminación e na marxinalización, na creación de democracia cultural, en garantir procesos democráticos de participación..., en definitiva, en salvagardar a aplicación dos dereitos universais dos seres humanos en calquera dos niveis sociais e culturais dos membros da comunidade.
A ferramenta que vehicula o traballo do proceso cultural comunitario baséase na linguaxe artística e na produción dun "produto altofalante", que será o produto que fará visible a presentación do conflito diante da sociedade.
Aínda que o teatro como intervención social, a través do teatro do oprimido, sexa unha das linguaxes máis estendidas neste tipo de práctica, o DCC constrúese a partir de multitude de linguaxes artísticas e da combinación destas: fotografía, teatro, danza, música, video-creación, cinema, pintura, escultura, performance, circo, narración oral etc. O que diferencia o DCC de calquera práctica de intervención comunitaria é o uso da arte no proceso de discusión e de resolución do conflito.
O importante dos proxectos do DCC é o proceso de execución destas propostas. Aquel comezaría coa demanda da propia comunidade que detecta unha problemática interna e o contacto co artista -pedagogo. Este ou o equipo que desenvolverá o proxecto xunto coa comunidade determinarán de que maneira se pode afrontar a problemática que se presenta. Cómpre realizar un proceso de mediación entre a linguaxe artística e a comunidade, e ensaiar de que xeito se poden empregar unha ou varias linguaxes artísticas para expresar a problemática que se dá. Unha vez que se fai o proceso de formación, é a propia comunidade a que dirixe o proceso coas orientacións do profesional do DCC. Aquela decide de que falarán, como o tratarán e de que maneira o representarán.
Durante o proceso de DCC é onde comezan os primeiros cambios do conflito que se formula, e chegarán ao seu punto máis importante no momento da presentación do "produto altofalante" final. Será xusto aí, na presentación pública á sociedade, cando comezará o debate que pretende chegar a producir unha transformación social.
O traballo do artista pedagogo require cada día máis da creación de equipos pluridisciplinares onde traballen simultaneamente artistas, educadores sociais, mediadores, terapeutas, profesionais do ámbito da cultura, a educación, a saúde..., e conformar Equipos de DCC que se vexan capaces de facilitar e orientar procesos dirixidos pola comunidade, onde podan suceder durante o proceso de creación do produto altofalante, situacións que requiran da acción de perfís profesionais capaces de reorientaren unha determinada situación ou actitude.
É aquí cando entramos nas capacidades lexislativas do DCC, xa que os seus procesos poden levar implícitas unhas problemáticas proclives a tratárense a través de procesos lexislativos ou onde o poder da lexislación pode favorecer o cambio desexado pola sociedade.
O DCC na súa dimensión lexislativa nace da man de Augusto Boal en calidade de concelleiro na cidade de Río de Xaneiro. A través de procesos de participación vinculados a traballos de teatro-foro, comezou a os empregar como ferramenta para iniciar uns procesos lexislativos arredor dos problemas de cidade e de plasmalo en leis locais e mesmo nacionais.
En Brasil existe un colectivo de traballadoras do fogar, que se denomina "As Marias du Brasil" que actualmente é coñecido no país por conseguir a través do Teatro do Oprimido e do Teatro Foro, incluír nas leis estatais un artigo que recolle e mellora a situación laboral deste grupo que non contaba ata o momento con ningunha prestación social nin garantía laboral. Neste país, acaban de aprobar unha lei que recolle a garantía de venda do preservativo feminino a prezo de custo (ata o de agora era vendido a prezos abusivos), e isto se conseguiu a través de procesos de participación vehiculizados a través do Teatro Foro.
No noso contexto, esta aplicación en procesos comunitarios ten a súa vía en calquera conflito que afecta unha maior colectividade e que non están recollidos na lexislación estatal. Estamos preparados no noso país para aplicar este tipo de práctica a través de procesos de participación?
Unha cidade media como Granollers (57.000 habitantes), a práctica do DCC ou as actividades sociais que se relacionan con e para a comunidade, teñen a súa primeira práctica, hai case vinte anos, nos centros cívicos da cidade. Desde Granollers e desde moitas cidades españolas, a práctica dos centros cívicos presenta unha diferenza procedemental importante: os artistas, neste caso, non formaban parte do equipo que desenvolve un proxecto para a comunidade e, xa que logo, o rol do artista – mediador non tiña presenza ata agora nestes espazos municipais.
Un dos primeiros exemplos de DCC que atopamos na cidade materializouse no ano 2002 co proxecto "La Finestra" ("a fiestra") no Barrio de Can Bassa. A artista Mercè Iglesias e os habitantes desta zona protagonizaron a creación conxunta dunha escultura e un movemento social sen precedentes. Un proxecto que, sen querelo, foi a base dos proxectos de intervención comunitaria da nosa cidade a través da arte. A escultura, neste caso, converteuse na linguaxe vehicular para mobilizar todo un barrio. Actualmente "La Finestra" é un elemento cheo de significado para a veciñanza de Can Bassa.
No ano 2004 o Municipio de Granollers e o Australia Council for the Arts (ACFA) comezan unhas relacións que se materializan coa bolsa de intercambio que este organismo facilita anualmente a un número de CCD workers coa intención de aplicar un proceso de desenvolvemento cultural en calquera lugar do mundo.
A zona norte de Granollers está formada por cinco barrios da periferia da cidade que aloxan máis de dez mil persoas, a maioría poboación inmigrada dos anos 60 e provenientes da nova inmigración (o Magreb e África subsahariana). É, por tanto, unha área cun déficit de servizos e de equipamentos municipais. Actualmente estase a construír o quinto centro cívico da cidade.
Marcela Nievas, xuntamente con Beatriz Burgos, Rosa Iglesias, Vivian Lyon, Loren Merchan e Pere Báscones -artistas locais vinculados ao proxecto municipal INcívics- formaron un equipo pluridisciplinar co obxectivo de relacionar diferentes metodoloxías de traballo e, desta maneira, complementarse mutuamente para desenvolver un proxecto de integración do barrio e comezar un proceso de diálogo e de reflexión arredor das transformacións que estaban a vivir os barrios da zona norte.
O proxecto asentaba as súas bases no diálogo con e entre as comunidades. O fomento da participación é un dos esteos básicos que han sustentar os proxectos de DCC, conxuntamente coa relación e o intercambio, neste caso, dos habitantes participantes no proxecto a través da imaxe e da palabra.
O Somni, nome do proxecto, estruturábase a partir da participación das entidades do barrio como as asociacións de veciños, as asociacións sociais, os centros rexionais, as escolas e as persoas individuais do barrio. O proxecto daba a oportunidade de imaxinar "un outro" barrio onde o que máis se valora son as persoas que viven nel e o xeito de se relacionaren.
Esta iniciativa xerou un conxunto de actividades organizadas coas entidades da zona que achegaron propostas e formulacións a un proxecto que estaba aberto a súa disposición. Nesta experiencia, os artistas apropiáronse de actividades populares organizadas por estas entidades (butifarras, sardiñadas etc) coa intención de facilitar a súa mobilidade e de conseguir unha maior participación e difusión do proxecto entre a veciñanza.
As actividades principais baseábanse en obradoiros de fotografía ou "Foto Voz" que a través da mirada dos participantes e das súas opinións reflectían con outra mirada ese barrio tan coñecido por todos eles, na procura daqueles aspectos que máis lles gustaban ou desagradaban coa finalidade de o cambiar. Vinculado a esta actividade, realizouse unha obra de teatro social con base nos textos das fotos do proxecto "Foto Voz". Tanto o obradoiro de fotografía como o de teatro materializáronse en exposicións e en representacións no resto da cidade de Granollers ao aproveitaren os equipamentos culturais da cidade e os espazos expositivos improvisados que representaban as marquesiñas dos autobuses e os puntos informativos municipais.
O Somni –Sono- rematou en xuño de 2005 e deixou un proxecto aberto para o desenvolvemento continuo protagonizado pola xente dos barrios de Granollers. O municipio abriu con esta proposta unha nova liña de actuación que hoxe en día está comezando a se consolidar con novos proxectos, con outros axentes participativos e con novos profesionais que dinamizan e dirixen o DCC Granollers.
Se temos en conta estes precedentes podemos presentar dunha maneira máis clara o camiño que emprendeu Granollers coa creación dun programa que ten unha clara vocación transversal arredor da sistematización e da posta en práctica da metodoloxía do DCC.
Actualmente depende do Servizo de Cultura e da Rede de Centros Cívicos da cidade "Órbita Cultural". O equipo de profesionais que forma parte deste programa está formado por xestores culturais, por educadores sociais e pola participación de artistas vinculados ao proxecto municipal INcívics ou a través de bolsas e de convenios internacionais que deron a oportunidade a Granollers de acoller no seu equipo diario de traballo artistas destacados na práctica do DCC, como son Marcela Nievas (Australia) ou Paula Kramer (Alemaña).
Os proxectos que actualmente están en proceso aplican a metodoloxía do DCC a través de diferentes linguaxes: literatura, vídeo, cinema documental e tamén as TIC.
- e-voluntariado. Proxecto de formación no uso de Internet en que osusuarios pasarán a ser, a súa vez, formadores de novos usuarios. Intercámbianse poemas, escritos, crean tarxetas e todo iso a través da cohesión dun grupo de mulleres de diferentes barrios da cidade e, ata ese momento, sen ningún elo que as unira.
- Compartindo palabras e café. Espazo de encontro interxeracional de mulleres desde o que se xeran diferentes propostas de traballo comunitario que teñen como base a creación e a mediación.
- "Eu cóntoche, ti cóntasme". Documental sobre a historia do barrio de Can Bassa a partir da biografía das mulleres que participan no proxecto "Compartindo palabras e café".
- Obradoiros precursores de DCC. Estes son obradoiros por medio dos cales queremos abrir o debate dentro da comunidade (barrios, entidades, grupos etc). Todo o obradoiro que se produza na rede de centros cívicos pode ser en potencia un motor de DCC, depende da vontade dos seus participantes e das súas motivacións. Entre lees destacamos a fotografía social e documental, a montaxe audiovisual ou un obradoiro de narradores orais que quere achegar a palabra e a maxia dos contos a todos aqueles que queiran embeberse.
Esta última actividade é unha das chaves para favorecer os proxectos de DCC. Estes obradoiros precursores pretenden transmitir estas ferramentas ao darlles unha lectura de intervención. As persoas que están detrás destes cursos son profesionais e artistas vinculados ao DCC.
Ademais destas actividades, o Concello xunto coa rede de centros cívicos viu a necesidade de organizar un evento de ámbito internacional que pretendese teorizar e sistematizar unha metodoloxía común arredor da creación e do desenvolvemento de procesos de DCC. Por este motivo, comezou a organización das Xornadas Internacionais de DCC que tiñan como obxectivo construír unha rede de profesionais e de experiencias de proxectos que estivesen a se xerar dentro e fóra do noso país e, á súa vez, establecer un concepto e unha definición común para podelo difundir amplamente, e dalo a coñecer a profesionais que traballan con e para as persoas (mediadores, educadores, avogados, activistas culturais, asociacións, artistas etc). Á súa vez, temos actividades que están a se producir paralelamente ás Xornadas: As sesións inFORMATIVAS polas catro provincias catalás e que pretenden difundir as Xornadas e a metodoloxía do DCC. Contan coa participación de artistas que traballan en diferentes ámbitos e linguaxes. Estes son Andreu Carandell, dramaturgo e actor experto en teatro do oprimido, Antoni Abad, artista que traballa coas ferramentas multimedia en intervencións con comunidades marxinadas, Marcela Nievas, que explicará a súa experiencia no teatro de mulleres e as comunidades rurais chinesas, e para rematar, o equipo de Órbita Cultural que explicará os proxectos que se están a levar a cabo na cidade.
O Forum Local pretende reunir dous dos axentes principais dos procesos de DCC da cidade: os artistas e as comunidades locais organizadas. O Forum consistirá nunha serie de reunións co obxectivo de dar a coñecer os eixes principais do DCC que mostrarán as posibilidades que teñen estes colectivos de utilizar a arte para a intervención social.
Finalmente e como último gran proxecto que planea facer realidade o Concello de Granollers será crear un equipo permanente de profesionais de DCC que se encargue de traballar todos os conflitos que acontezan na cidade e que actualmente son tratados por técnicos de diferentes departamentos desta administración local. Preténdese crear un equipo transversal formado por educadores, por mediadores, por técnicos de cultura, de xuventude e artistas para poder avaliar as problemáticas da cidade expostas e traballadas con métodos vinculados ao DCC.
O pasado 1 de novembro de 2005, rematou o primeiro bloque das Xornadas Internacionais de DCC que se levaron a cabo nesta cidade.
Co obxectivo de establecer os iniciais contactos para poder formar unha rede de profesionais e de experiencias arredor da intervención comunitaria por medio da arte, xuntáronse máis de 60 participantes de todo o mundo para debateren e traballaren o concepto do DCC e a súa práctica metodolóxica.
Neste primeiro encontro presentáronse 16 experiencias de todo o mundo, onde se está a aplicar a arte como instrumento para a transformación social. Estes son uns proxectos que teñen o seu ámbito de acción en comunidades que sofren unha determinada problemática e co único propósito de mellorar estas situacións e de contribuír a un cambio social no seu contorno e en toda a sociedade. Mocidade, inmigrantes, cidadáns, mulleres vítimas de violencia de xénero etc, traballan a través de diferentes linguaxes artísticas os seus problemas, as súas arelas e os seus conflitos por medio da axuda de equipos pluridisciplinares formados por artistas e por profesionais da mediación.
Aínda que todos os proxectos que se presentaron nas xornadas foron moi interesantes, destacamos algúns deles:
"Barrios do Mundo" (Quartiers du monde), dirixido por Silvana Ospina (Colombia), proxecto que se está desenvolvendo en nove barrios do mundo simultaneamente e que ten como obxectivo mellorar a situación de mozos e de mozas con problemas de marxinalidade social a través do vídeo documental e da cámara dixital;.
As presentacións de experiencias desenvólvense paralelamente con dous obradoiros de teatro social dirixidos por Marcela Nievas e Till Baumann. Estes traballaron con 16 participantes as técnicas do "Teatro do Oprimido" a través do teatro forum e da súa aplicación como teatro lexislativo. Despois de tres días, os participantes presentaron dúas pezas de teatro forum onde se puxo en debate a problemática da vivenda. Mediante a recreación dunha serie de situacións moi coñecidas por todos (listaxes fraudulentas de pisos de aluguer, a imposibilidade de emancipación da mocidade por causa do seu prezo, o individualismo da sociedade fronte á queixa deste tipo de conflito...) reflectiuse no traballo de actores e de actores amadores que, á súa vez, fixeron implicar o público por medio dunha actuación compartida e nun intento de pór en situación o espectador para que participe activamente na resolución do problema (espectActor). O teatro lexislativo entra nestes procesos recollendo propostas de parte do público para mellorar a situación ao respecto. Durante as Xornadas recolléronse máis de 25 propostas que inciden na obrigatoriedade de garantir o acceso á vivenda que se presentaron diante dos responsables políticos.
O encontro finalizou cunha emotiva xornada onde participantes, profesionais e organizadores coincidiron no éxito da iniciativa e nos obxectivos que se conseguiron, nos contidos que se presentaron e nos traballos traballados e nas propostas de futuro para iniciar. O equipo de DCC Granollers xa comezou a preparación do II bloque das Xornadas que terán lugar do 9 ao 12 de febreiro de 2006 e que desta vez falará do concepto de "comunidade", de como se implica a administración na xestión e no financiamento deste tipo de procesos e no papel do artista nos procesos comunitarios.
Entendemos que existen outras maneiras de intervir coa comunidade e para a comunidade, entendemos que é necesario unir equipos de profesionais especializados en diferentes ámbitos e asumimos que é importante difundir e introducir este tipo de prácticas nas propias comunidades, na sociedade e na dinámica diaria de organizacións, de administracións, de entidades e de individuos que traballan acotío con persoas.
1 DCC// Conxunto de iniciativas realizadas a partir da colaboración entre artistas e comunidades locais co obxectivo de expresar a través da arte, identidades, preocupacións e ideas, mentras se constrúen as capacidades culturales e se contribúe ao cambio social.
Proxecto DCC Granollers: www.dccgranollers.info
Blog das Xornadas DCC Granollers: www.dccgranollers.info/blog
Redes de DCC: Community Cultural Development http://www.ccd.net
Community Arts’ Network: http://www.communityarts.net/
Centro de Teatro do Oprimido (Brasil): http://www.ctorio.com.br/
Centre for Creative Communities: http://www.creativecommunities.org.uk/
Organizacións que traballan o DCC:
Art in the Public Interest: http://www.apionline.org/
Artibarri: http://www.artibarri.org/
Forn de Teatre Pa’tothom: http://www.patothom.org/
Proxectos de DCC:
Proxecto Barrios do Mundo: http://www.quartiersdumonde.org/
MILLS Deborah, BROWN Paul (2004): Art and Wellbeing.
Sidney: Australia Council for the Arts.
http://www.ozco.gov.au/arts_resources/publications/art_and_wellbeing/
CLARK Sue, HAWKES Jon, UNTARU Stevan (2001): Culture
and the Metropolis. The role of culture in urban development. Austràlia:
Torque P/L
Dubatti, Jorge; Pansera, Claudio (): Cuando el Arte da
respuestas. 44 proyectos de Cultura para el Desarrollo Social. Buenos
Aires: Artes Escénicas
MARUGO Carme, PEREZ Xavi y RICARD Marta (2004): Joves,
creació i comunitat - Jóvenes, Creación y Comunidad. Barcelona: Fundació
Jaume Bofill http://www.fbofill.org/php/publicacions/pdf/390.pdf
Beyond Borders. Fondation Européenne de la Culture. Número 2 -
Febrero de 2002. http://www.eurocult.org/pdfdb/publications/
beyondborders2.pdf