Texto e foto Manuel P. Rúa
Mesturando os papeis do entrevistado e o entrevistador como dous colegas de labor –un no pupitre de Educación e outro no de Cultura-, esta é unha co-entrevista na que falamos de máis de 20 anos de educación e administración pública en Galicia.
Pregunta: O proxecto político de cidade é chave para a educación e a cultura?
Resposta: Nin a educación nin a cultura son alleas ao modelo de cidade que queiramos construír. Intervir en políticas de servizos de proximidade é referirse a un espazo concreto, complexo e próximo, que ten que ver co proceso de configuración de cada vila e cidade e como se vai definindo como proxecto político. Observar esta evolución dá a medida e a profundidade dos cambios nesta perspectiva. Ao longo destes anos xa temos andado moito, resolvendo problemas e carencias, pero fanse tamén evidentes as limitacións, a falla dun debate de máis calado sobre o tipo de desenvolvemento e de cidade.
P: De que cidade estamos a falar?
R: Do espazo territorial e humano no que se desenvolven os procesos individuais e colectivos que pola convivencia desembocan en dereitos de cidadanía, e que logo se converten en servizos: nos lugares con mellores condicións de vida e servizos, o Estado de Benestar é máis forte. Se temos unha boa trama de servizos educativos e culturais, de equipamentos e infraestruturas, máis unha rede asociativa e de voluntariado, teremos os indicadores da calidade da vida. Son este tipo de políticas -estratexias cívicas e educadoras- as que favorecen a cohesión social, a seguridade cidadá, a diminución de condutas delituosas, a integración de persoas discapacitadas, autoestima...
P: Colaboración político-técnica e necesidade dunha axenda política...
R: A responsabilidade do equipo de goberno liderado polo alcalde ten que ser unha aposta clara por cada unha das áreas, con responsabilidade da dirección política estendida á dirección técnica de cada unha delas. É imprescindible unha dinámica de colaboración técnica e política nos concellos, baseada na confianza mutua.
Os momentos de creatividade das cidades teñen que ver coa resposta ás necesidades, inquedanzas e intereses das persoas; para que con elas podamos definir a cidade que se está construíndo, a cidade educadora que desexamos, o urbanismo que proxectamos, a cidade ambiental, a cidade cívica e segura, a cultural, de ocio e solidaria, a cidade tecnolóxica, a das oportunidades de emprego e participativa. Por todas estas cidades ten sentido o traballo das administracións públicas, cun forte contido transversal.
P: Como se identifican tantas necesidades?
R: A cidade é a resultante do conxunto das ideas, proxectos, servizos e iniciativas nas que se ten que producir a concorrencia e a actuación en rede da organización municipal e do tecido organizativo civil, e iso debe definirse en base a algún instrumento de planificación; poden ser os plans locais de cultura, o proxecto educativo de cidade, o que sexa...
Construír cidade e cidadanía ten que significar algo concreto, colectivamente asumido, e traducirse nun modelo de cidade que opte por encherse de contido a través de actividades educativas e culturais, deporte, promoción de emprego, música, recuperación e promoción do patrimonio histórico, turismo, educación ambiental, igualdade, integración e solidariedade, tráfico, vivenda, creación de equipamentos e servizos...
P: Avanzou a planificación educativa e cultural nos concellos?
R: Prodúcese unha disfunción. Mentres, por exemplo, nos últimos anos a planificación en urbanismo ou medio ambiente avanzou, en cultura e educación aínda se constata moita indefinición e unha baixa cultura planificadora e organizativa nos responsables políticos, que se estende aos aínda moi escasos efectivos técnicos destas áreas.
Houbo, por outra parte, un cambio conceptual con efectos múltiples: o dereito universal á educación e á cultura, que comeza aos cero anos e non se detén ata o final. Neste novo contexto, a cidade pode converterse nunha oportunidade para desenvolver un servizo público cultural e educativo de calidade.e, como di J. Borja, as realidades locais poden integrar ou marxinar, poden educar para a cidadanía ou para a exclusión.
P: Os indicadores miden progreso, riqueza, paro, PIB, pero non marxinación.
R: Pero no Informe PISA (Programa Internacional de Avaliación de Estudantes), realizado pola OCDE en 2003, España está -dos trinta países máis ricos- entre os dez que menos gastan en educación, o abandono escolar é do 30% ao remate da educación obrigatoria, un 26% do alumnado, un de cada catro, conclúen a ESO sen obter o título de graduado, os niveis de violencia nas aulas son preocupantes, e moi escasa a promoción da vida asociativa.
P: Os procesos de segregación e marxinación que estouparon en barrios periféricos de cidades de Francia son para ter en conta?
R: Os temas de inmigración e emigración, as cidades difusas que se están xerando, os territorios bordo, entre outros, son potencialmente grandes bolsas de quebranto da cohesión social. A cidade é integradora como espazo natural de mellora das condicións de vida, pero tamén segregadora cando xera distanciamento entre grupos ou capas sociais.
Cando iso non se produce dáse a gran eclosión social: o caso francés, o italiano ou o centroeuropeo indican que os grandes conflitos sociais sempre se xeran na vida cotiá, nas condicións de vida máis elementais onde foi furtada e seccionada a opción de mellora de educación e de cultura. Iso é evidente aínda que nos empeñaramos en negalo durante tantos anos. A avalancha dos fenómenos de integración, as rupturas das sociedades máis urbanas, no noso caso está moi atenuado porque non hai grandes conflitos, pero deberiamos aprender e poñer os remedios cando se pode. Aí temos un espazo de reflexión de técnicos e políticos para reducir esa ruptura social.
P: Non será o optimismo da vontade?
R: Non son un optimista estúpido. Hai que ser de novo incisivos. E do traballo que estamos desenvolvendo -mellor ou peor- e dos avances producidos no ámbito social dende os concellos poden nacer experiencias interesantes de integración real e cohesión social que eviten esta grave ameaza. Recursos e perseveranza.
P: Hai alternativas?
R: Poderiamos fixar tres claves para un proxecto de cidade onde conflúan e se articulen intereses dos distintos grupos sociais. Primeiro, o dereito á plena cidadanía, e iso son políticas económicas, sociais e culturais que fagan real o dereito á cidade para todas as persoas, con acceso aos servizos básicos de vivenda, auga, saúde, educación, seguridade, cultura, transporte, saneamento...
Segundo, o dereito á cidade sostible e, polo tanto, educadora. E, finalmente, o dereito á participación e promoción do asociacionismo, enfatizando a necesidade de poñer límite ao incremento da poboación excluída da representación política e da toma de decisións.
P: Participación: palab ra tan máxica como difícil de implementar...
R: Cómo participan os membros da comunidade escolar, os axentes culturais, os mozos e mozas, calquera grupo social, no diagnóstico de necesidades, deseño, xestión, execución, avaliación das ideas, proxectos, servizos e iniciativas das que estamos a falar?, pois ás máis das veces polos "kits de participación" enlatados, regulamentados e cíclicos...
P: Que kits?
R: Só conseguimos crear estruturas formais: foros, comisións, consellos sectoriais municipais..., pouco operativos, sen xerar as dinámicas previstas, sen medios nin autonomía, sen poder decisorio, cunha mera función consultiva, presos de regulamentismos... É o resultado do paternalismo, unha relación de tutela que a autoridade asume dende arriba respecto da cidadanía, creando desánimo e absentismo.
Con todo, non se discute a importancia da participación para unha boa saúde pública, pero a súa vitalidade ten que ver moito máis cos métodos e formas para impulsala, que cos acoutados regulamentos ou órganos creados para canalizala. Creo necesaria unha nova cultura política con maior protagonismo do concello e da sociedade civil, co obxectivo de desenvolver unha estratexia de relacións e compromisos mutuos para unha nova maneira de facer política.
P: O asociacionismo é un debate aberto na administración local...
R: Claro. Por exemplo, á mocidade hoxe en día non é cuestión de darlle receitas unha detrás doutra. Xa as experimentamos todas e, reiteradamente, dinnos que o que queren é actuar eles mesmos. Entón, nun novo equipamento para a mocidade, non pode ser o que eu quero senón que os espazos e as temáticas son deles, sexa asociación de rapaces, de veciños, do que sexa. Eu podo ordenarlle a entrada e a saída, uns horarios, o control do equipamento, as compras que se fagan, etc., pero a dinámica interna ou é deles ou non vai ser.
Nas relacións cidadás, o mesmo; por exemplo, un Plan de ordenación é determinante na planificación urbanística dun concello, pero non é a biblia. O importante é establecer procedementos participativos máis directos que lle dean maior protagonismo á veciñanza, nunha estratexia de relacións, compromisos mútuos e responsabilidades.
P: Pasar do paternalismo político á autonomía e intermediación entre asociacións e administración podería ser unha vía?
R: A Administración ten que cuestionarse un cambio radical na prestación dos servizos públicos de atención á cidadanía, primeiro deixándolle espazo vital para a súa autonomía de funcionamento, permitindo que se rexenere o tecido da cidade nas súas manifestacións máis diversas, acorde cos grupos de idade, respectando o seu protagonismo, o seu tempo e as súas expresións. Debemos recuperar esa función de sentido común abeirada por moito tempo, a de mediación nas relacións cidadás, favorecendo os procesos de asociación, esforzándonos por interpretar as novas redes de comunicación e agrupación dos cidadáns. Cando a Administración ten proxecto e a asociación sabe o que quere, hai colaboración, acordos, desacordos e trasacordos, pero os procesos non son de hoxe para mañá, necesitan programas de formación e mellora na xestión dos seus propios proxectos, duns e outros. A demanda que o proxecto formativo interea ten, como marco de reflexión, aprendizaxes e voceiro á hora de colaborar na definición de servizos, programas e modelos de xestión, é un exemplo. Mentres Xosé Manuel tece o seu discurso lembro, hai anos, na Casa do Concello de Santiago e despois en dependencias anexas, a este compañeiro lúcido e colaborador, xestionando Normalización Lingüística, Educación, Xuventude..., participando en xornadas e congresos, no movemento cívico, no Consello da Cultura Galega, de alá para acolá, o percorrido de tantos técnicos deste país en áreas similares...
P: Que era e que é a Cidade Educadora?
R: O Congreso de Barcelona de 1990, coa aprobación da Carta de Cidades Educadoras, amplamente reformada hai meses no congreso internacional de Cidades Educadoras realizado en Xénova, xerou un movemento mundial de cidades co obxectivo de impulsar a cidade e o concello como axente e espazo educador, buscando un novo papel no proceso de transformación da realidade local mediante a educación e a cultura, non só referido aos aspectos físicos, senón tamén sociais.
Ademais está a complementariedade educación-cultura. Como di J. Trilla, cultura é o contido da educación, porque a educación é a transmisión e a adquisición da cultura.
Frecuentemente, na xestión pública, empeñámonos en diferenciar educación e cultura: educación como institución educativa e escolarización obrigatoria, e cultura para actuacións complementarias do educativo: historia colectiva, territorio, creación individual...
Pero a relación de políticas culturais e educativas evidéncianse en boa parte das intervencións máis solicitadas: fomento do libro e a lectura, creación e dinamización das bibliotecas, promoción do uso socializado das redes informáticas... e tamén se dilúen os perfís educativos e culturais na educación artística: música, teatro, danza, artes plásticas, que precisan de propostas conxuntas, igual que a rede de centros socioculturais, ou a educación de persoas adultas, por citar algunhas liñas de traballo común.
P: E falando de transversalidades, traballo en equipo, en rede...?
R: En diferente medida, todos os departamentos municipais desenvolven accións con vertente educadora. A educación non é exclusiva dos departamentos de educación e de cultura, como recolle a Carta de Cidades Educadoras, onde se incide na necesidade de estender o traballo en rede no concello e abrilo ao tecido social, promover unha cultura de traballo transversal e coordinado dentro do concello e entre todos os sectores cidadáns e administracións.
P: O solapamento e/ou a ambigüidade na norma fai difusas as competencias administrativas en educación...
R: A pesar dos anos transcorridos, o marco de competencias pouco ten avanzado. A lexislación actual non adxudica aos concellos a condición de administración educativa, aínda que deriva un número importante de encomendas nestes eidos, o que ocasiona na práctica importantes distorsións á hora de dar resposta a problemas educativos que esixen solucións concretas. Resulta de interese as declaracións que a FEMP e as organizacións de concellos das diferentes comunidades autónomas emitiron sobre o proxecto de Lei orgánica de educación e en prol de novas competencias educativas e as condicións necesarias para desenvolvelas, sempre en cooperación, coordinación, participación e descentralización entre as administracións públicas. A Carta de Cidades Educadoras di que as municipalidades exercerán con eficacia as competencias que lles correspondan en materia de educación. Sexa cal sexa o alcance destas competencias, deberán plantexar unha política educativa ampla, de carácter transversal e innovadora, incluíndo nela todas as modalidades de educación formal, non formal e informal e as diversas manifestacións culturais, fontes de información e vías de descubrimento da realidade que se produzan na cidade.
É de xustiza lembrar tamén a Coordinadora Galega de Concellos e Educación, en 1985, na que participamos moitos dos técnicos que hoxe traballamos neste difuso territorio...
P: Falando de técnicos, a Administración local é un núcleo central formado por Policía, Urbanismo, Obras, Recadación, etc., e unha periferia: Servizos Sociais, Cultura, Educación, Xuventude, etc. Hai unha primeira e segunda división en canto a estatus e funcións destas áreas?
R: A educación e a cultura precisa, para que iso ocorra, definir claramente as competencias nas que ten que desenvolver a súa actuación, porque se non tes a competencia prodúcese iso que tanto odiamos os que traballamos nestes ámbitos: se tes estatus ou non, se tes competencia ou non, e se tes orzamento ou non. O proceso que queda pendente na Administración local, e no noso caso os concellos e o goberno de Galicia, é asumir que a Administración máis próxima debe delimitar claramente as competencias dos concellos. Se se acordan, haberá asignación orzamentaria e será posible entón darlles estabilidade e organigrama aos servizos, o que favorecerá que o grave problema de tantos profesionais sen posto de traballo, sen acomodación ás necesidades laborais, poida ser corrixido.
P: Como ves hoxe a coxuntura sociopolítica?
R: Estase a dar novas oportunidades para o debate e a sensibilización arredor dos temas da educación e cultura, que fai oportuno un impulso político, a toma en consideración e o desenvolvemento de traballos, accións e participación nestes temas. Creo de interese a redacción e aprobación dun Pacto galego pola educación e a cultura, un gran acordo social e político, iniciativa que xa foi exposta como un dos eixes de traballo do novo goberno de Galicia.
P: Poderías avanzar temas?
R: Arredor deste impulso, é necesario acordar unha metodoloxía de actuación que permita o labor sereo e sistemático duns grupos de traballo arredor das prioridades para acometer unha reforma en profundidade -o máis consensuada posible- sobre temas relevantes en educación: a igualdade de oportunidades e a liberdade de ensino como servizo público, o papel das familias, a corresponsabilidade dos concellos coa educación e a cultura, a formación do profesorado...
E na cultura, o deseño de plans culturais estratéxicos en liña co proxecto político de cada concello, a promoción e uso da lingua galega, o fomento das industrias culturais locais, o desenvolvemento de medios locais de comunicación, o apoio e estímulo á creación cultural, a promoción da cultura e o patrimonio de Galicia, o deseño e experimentación da rede de infraestruturas culturais...
Temos, ademais, a Axenda 21 local, o Plan Cultural local e o Proxecto educativo de cidade: educación e cultura como aspectos transversais da vida das persoas, a participación cidadá, o consenso e a corresponsabilidade entre os diferentes sectores e axentes da cultura e da educación..., porque a potencia cultural dunha cidade non é a existencia dun grupo de música, un equipamento concreto, unha editorial, un grupo de teatro, un museo ou un centro de documentación -aínda sendo moi importantes- senón o uso da cidade, a memoria colectiva e os espazos relacionais e convencionais.
Froito de diálogos cara a cara, correos electrónicos e chamadas de móbil, remata(mos) un texto coral que foi conversa, labor de man común, traballo de colaboración asistida e exame de preparación entre compañeiros na formación continua.