
Elena Corredoira
Valor, 2005
Acrílico sobre lenzo
Foto Héctor Francesch
Salvador Fernández Moreda
En verdade, case resulta un convencionalismo entendermos que diante da complexidade do contexto socioeconómico e político que impera na sociedade actual, cómpre unha lectura nada lineal, así como unhas respostas sinérxicas e sempre susceptibles de avaliación. A multiplicidade de variables que interveñen no tanxible cotián das persoas e das comunidades así o require e así o agardan de gobernantes e de profesionais con capacidade de decisión e de xestión nestes asuntos.
Quer sexa pola tan referenciada crise do Estado do Benestar, quer pola preponderancia das políticas neoliberais, o certo é que as políticas socias que se articulen terán traballo dabondo. Minorar o impacto da globalización económica e as súas disfuncionalidades na sociedade, nomeadamente nas capas máis desfavorecidas social, educativa e culturalmente daquela, en termos de pobreza, de marxinación laboral, de nulo nivel de oportunidades, de falta de integración social, de debilidade no acceso á oferta cultural etc., son unhas realidades que en maior ou en menor medida tamén están presentes na nosa provincia.
O perímetro pedagóxico que transcorre dende a infancia ata a vellez ten que ver con non confundirmos educación con escolarización. Existe todo un conglomerado de actuacións que acontecen fóra da educación regrada a que nos referimos como acción socioeducativa municipal. Abranguermos estas situacións deficitarias como as que aludimos anteriormente e aqueloutras iniciativas que se orientan a potenciarmos sistematicamente as capacidades humanas que predispoñen as persoas á vida social e á construción de sociedades máis xustas, son o contido destes quefaceres. O espazo local como promotor dunha pedagoxía cívica, de fortalecemento da colectividade, a dimensión política do marco destas respostas urdidas no seo do municipio por múltiples protagonistas, son unhas estratexias ás que cómpre prestarmos atención.
Co presente número quixémonos aproximar, dende a amplitude de olladas, ás reflexións teóricas e ás propostas prácticas de diversos axentes que contan co labor socioeducativo no marco dos municipios. Interésanos esta pluralidade de enfoques e a vizosidade de proxectos que seleccionamos porque asumimos a dimensión relacional da Administración local. Esta, xunto con outras entidades e outros actores, debe ser capaz de manter unha interacción permanente na procura da resolución das diversas necesidades da cidadanía. É no marco territorial dos concellos onde os recursos poden xuntarse dende a consciencia do rol que xoga cada quen e da importancia de cada un destes axentes. Resulta preciso e consecuente que a subsidariedade local sexa dignamente acompañada do marco normativo e legal que acubille iniciativas neste sentido. A voz de responsables políticos e de técnicos, de investigadores e doutras institucións e entidades, as experiencias que recollemos alén das nosas fronteiras máis inmediatas, mesmo as propostas artísticas comprometidas que as acompañan, pretenden sensibilizar e favorecer o debate común. Este último, tamén vos implica a vós.