COAS OLEIRAS: Buño na procura de anovados camiños

COAS OLEIRAS: Buño na procura de anovados camiños

Fotos Manuel P. Rúa

COAS OLEIRAS: Buño na procura de anovados camiños

Héctor M. Pose e María Salcines Equipo INTEREA

Velaí as tedes. Elas, as mulleres de novo protagonistas dun devir común que maciaba polo paso do tempo, as mutacións nas formas e hábitos de vida e a sempiterna crítica aos actuares das autoridades perante unha realidade, patrimonio cultural e sector económico. A olaría, din, é un oficio de homes, dende sempre. Non dar crédito a tal dicir. Tamén dende tempos idos, a muller ía ao Barreiro á procura da indispensable materia prima; pisaba e moía o barro, facía os fumes na cocedura ou carrexaba e negociaba os prezos de venda das pezas cos xalleiros, orixinarios comercializadores. Ademais, a muller da casa, atendía os labores propios da mesma, a crianza dos fillos ou releaba as débedas do cotiá vivir. Unha omnipresenza vital que se fixo, se cabe, máis patente cando se puxo a crear. E creou, vaia senón.

Carme Isabel foi a primeira en se decidir hai xa vinte e cinco anos. Soa ao seu pesar, ás costas dos mestres artesáns, pois estes renegaban de ensinar o oficio a unha moza. Entre sorrisos e a sorna de todos, tardou en subir ao torno, ferramenta matriz dunha olaría ancestral, e que mesmo hoxe aínda lle arrepía facelo en público. Mais faino cando cómpre no obradoiro que comparte coa súa irmá Luisa, alma xemelga no creativo, aínda que sexa nun torno eléctrico. O seu é deixarse levar pola imaxinación e transmitirlle sentimentos á arxila a través da sensibilidade que atesoura. Pezas de pequeno e mediano formato que rebousan feminidade e que dende xuño comercializa Sabela, filla da primeira, na tenda O Falsete, outra nova postiña da artesania local.

O pasado

“Os comezos foron moi duros, tiven que aprender a soas”, lembra Carme Isabel, no medio deste corro de artesás do Buño oleiro, onde tamén están Mucha, Lola Faya, Marilá e Esperanza. Convocámolas arredor dun café no afamado local do restaurador José de Elías, promotor e defensor, ás veces lóxico azoute crítico, desta olaría que semella vivir tempos de certa desorientación. Son amigas e fiaron tal amizade, talvez, na comprensión e solidariedade mutua ante a soidade e a propia condición de mulleres. “Non tivemos quen nos formase, agás un afastado e curto cursiño do INEM”, expresa Marilá, a máis nova desta quinta de polpas femias. A inexistencia dun centro formativo e de reciclaxe oleira permanente é un laio que cíclica e reiteradamente, como o xirar do torno, aparecerá ao longo da nosa conversa. “Esa falla de formación inicial repercutiu na tipoloxía, variedade e calidade da nosa produción e, xa que logo, na da olaría de Buño”, confesa a pioneira cun aquel de culpa e que os oleiros máis ortodoxos teñen manifestado. “Afastámonos moito do tradicional e iso, co tempo, non foi bo”. Outras voces do curro, desinten, “¡Que nos ensinaran!”.

A olaría e as mulleres

Inquirímoslles a que opinen sobre se o feito natural e social de ser mulleres, inflúe dalgún xeito na súa creatividade. Mucha, cara visible do Obradoiro Muxicas, máis ceramista que oleira, entende que coa incorporación da muller, “aportamos frescura, innovamos á nosa maneira; creo que hai un fío común no catálogo de pezas xurdidas do noso quefacer”. “Si”, asevera Marilá, a máis vehemente nos seus dicires de todas – “o importante é vender en Buño, o que queira cousas de Buño, que veña aquí” –. Esta última foi unha das primeiras en ensaiar outras propostas estéticas e mesmo comerciais, ao vender a través da Internet. Actualmente traballa na construción da súa propia vivenda, centro de traballo e venda a quilómetros de Buño, no corazón rural de Bergantiños.

Transcorren os minutos e o diálogo vai gañando doses de sinceridade. O fotógrafo tira fotos á luz da conversa e elas, que non saben finxir poses, enfían os temas arroutada e encrucilladamente. Ás veces, a gravadora non dá abasto para recoller tanta paixón oral. “Óllannos de esguello, e mesmo nos copian pezas que sacamos nós; asumimos parte de culpa en cortar a tradición, o Buño auténtico e matriz; entre nós, hai máis colaboración que entre eles”. Os entrevistadores perciben esta empatía no grupo. Nos laios ao lembrar o desgaste físico do oficio no corpo femio; os sorrisos cómplices ao mentar a repercusión na estética ou na relación cos mozos e parellas; nos silencios que falan das xuventudes idas entre barro, coceduras e humidades. “Traballamos unha media de nove e dez horas diarias, ás que hai que engadirlle as tarefas do fogar, mais o nosos homes axúdannos moito, sobre todo, nos labores máis duros”, apostila Lola Faya, outro apelido sobranceiro en Buño. Unha interesante permuta de roles. Lola ten feito incursións por outros vieiros creativos, aliándose circunstancialmente co pintor Xusto Moreda, “unha experiencia inolvidable e que voltaremos a facer”.

Esta comuñón entre oleira e creador doutras artes, repítese no caso de Esperanza, que asina as pezas en alianza co seu fillo Eloy, deseñador gráfico, e que vén de inaugurar un novo proxecto comercial e de vida, a tenda Feituras. Procuras, iniciativas á marxe da política oficial, máis atenta a estatísticas e a asegurar presenzas mediáticas. Adoita ser habitual que a sociedade tente solucións pola súa conta e logo, o oficialismo, acuda veloz a sumárselle se son exitosas. Sexa como for, as recentemente abertas tendas de olaría en Buño marcarán un antes e un despois na comercialización do barro na localidade.

O futuro

Solicitándolles un esforzo de visión prospectiva para Buño de aquí a unha década, as miradas ficaron quedas, sostidas na incertidume ou na dificultade de resolver a tarefa proposta por quen trae case á literalidade a xuntanza. “Iremos tirando; desexariamos máis acompañamento e comprensión co que facemos; preocúpanos a perda de identidade que está tendo Buño fundamentalmente; hai que impedir que se vexan pezas de Buño en certas tendas, iso fainos dano a todos...”.

Ten sentido este temor de teren colaborado nesa desorientación dunha parte da produción da olaría actual. Os produtos bastardos, pouco auténticos, vulgares e carentes de singularidade que se comercializaron baixo o sambenito desta olaría, – “pois asinar pezas con olaría de Buño dá unha plusvalía, unha pátina que non outorga un nome propio simplemente” –, en moitos casos son froito da mímese, da inevitable picaresca de propios e estraños, mais tamén da inexistencia de formación e coñecemento do oficio. Elas así o recoñecen: “non todo debería ser Buño, polo feito de facelo aquí”. Basear tal produción nestes produtos á espera de que o público os merque sen maiores reflexións acaban por afastar do consumidor sen criterio -o maioritario-, aos máis valiosos, orixinais e auténticos froito da creatividade actual e xurdidos de beber da fonte secular da tradición, reinterpretándoa. O resultado é certo empobrecemento e degradación dos patróns estéticos da colectividade oleira, pois se só se depende do que dita o mercado, tales valores e as creacións autóctonas pola materia, a cor, a textura, a forma e o proceso de elaboración, desaparecerán en pouco tempo, como xa confesan as nosas entrevistadas, “uns van para Zara, outros morren ou caen en desgraza, non hai novos artesáns”.

Buño precisa de apoios e recursos por seren primeiramente un pouso cultural a preservar, o que non quer dicir que non poida e deba evolucionar. “O caso é saber cara a onde evolucionar, e non é doado”, confesan a coro. Non, con certeza que non o é. Os dirixismos funcionariais por parte dos técnicos, o excesivo proteccionismo fundamentalmente subvencionador, o perigo de se acubillar baixo a denominación inexistente de olaría de autor ou a indiferenza do colectivo ante as propias responsabilidades perante o futuro, confunden, manteñen a Buño nun paradoxo surrealista, nun oxímoro inxusto. Por iso o mérito destas mulleres, ten unha plusvalía engadida ao propio feito de selo. Mais necesitan apoios, marcos, referentes formativos. Reiventar a tradición errando pola tanxencia da heterodoxia e o fronteirizo, no gume da periferia e dos deseños orixinarios, eis a innovación arriscada que viñeron asumindo estas artesás – tamén algún outro oleiro, todo hai que dicilo –.

Serán neboeiro de agosto. Estabamos en datas pre-Mostra da Olaría e o labor neses días é moito, polo que entre gargalladas e sentidas apertas encamiñámonos a tirar as últimas fotos a carón das obras destas mulleres. Propostas de renovadas visións sobre a bixutaría, bonecas, xarróns e búcaros, estilizados recipientes para perfumes e xoias, murais, pratos e evocadores obxectos decorativos, xogos de café e té estrañamente liviáns…inundan e embelecen os andeis das tendas. Na tarefa, descubrimos un novo membro para o colectivo feminino oleiro, Dolores, unha moza ceramista que vén de expor as súas creacións figurativas ao abeiro de anovados ollares sobre o barro e as súas potencialidades. A muller oleira como noticia, polo xénero, a súa obra e a ambición amosada no pulo creativo. Unha presenza e labor que propicia contrastes, fusións, creacións, incuba ideas e desenvolve proxectos, algúns en parte aquí citados.

A Maruja da Raña, legalmente non artesá mais oleira de por vida, reservámoslle un lugar no epílogo, posto que polos anos vividos e a delicadeza da súa obra, recoñecémoslle un quefacer calado e inestimable por manter a dignidade creadora da olaría. A todas elas, andoriñas deste niño creativo da Costa da Morte, como diría un dos seus mellores embaixadores, O´Rivas, parabéns.